Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2019 Páx. 23457

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 30 de abril de 2019 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2019/20.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

De conformidade co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica de Xunta de Galicia, e co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, a dita Consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de mocidade, segundo dispón o artigo 25 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á mocidade; destacan entre eles as instalacións xuvenís e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de mocidade as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desenvolve o Programa fomento da actividade xuvenil, para o cal dispón dunha serie de instalacións, entre as que están as residencias xuvenís.

As ditas instalacións póñense á disposición das persoas mozas estudantes, coa reserva dun 9 % das prazas para as persoas mozas traballadoras.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza. Ademais, nas residencias ofrécese unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intentan fomentar os valores sociais, culturais e deportivos das persoas mozas residentes e de calquera outra persoa que se poida beneficiar do labor sociocultural nas actividades que se programan.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e convocar para o curso académico 2019/20, en réxime de concorrencia competitiva, 216 prazas para persoas mozas, de 16 a 30 anos, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social (procedementos BS303B, prazas de residencias xuvenís para estudantes, e BS303D, prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.

2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

74 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 Home/muller

Vigo

Altamar

87 Home/muller

3. Do total de prazas resérvase un 9 % para mozos e mozas que desempeñen unha actividade profesional, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

8 Home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas que desenvolvan unha actividade profesional coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

4. Así mesmo, do total de prazas resérvase tamén un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen. A distribución de prazas é:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

8 Home/muller

Ao igual que no caso de reserva para a mocidade traballadora, no suposto de que non se cubran todas as prazas coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

5. Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 9.

Artigo 2. Período da estadía

1. O período máximo de estadía de todas as persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para o curso académico 2019/20. Exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

2. As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no cal estean matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado e, en todo caso, concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.

3. En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia, como prazo máximo, o 31 de outubro.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.

c) Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2019.

2. Requisitos específicos para as persoas mozas estudantes:

a) Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.

Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.

b) Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante.

3. Requisitos específicos para as persoas mozas traballadoras:

a) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.

b) No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, que teña unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

c) No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Artigo 4. Solicitude, presentación e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, anexo I para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para estudantes e o anexo II para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.

O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

5. As solicitudes que non se presenten na forma, no lugar e no tempo sinalados nos números 1 e 4 serán inadmitidas, agás que o número de solicitudes fose inferior ao número de prazas ofertadas, caso en que poderían admitirse e baremarse segundo o establecido no artigo 9.

6. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no número 4 no caso de cambio de concello de residencia da unidade familiar. As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, a súa admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles no centro onde se solicite a praza.

7. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixera, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 21 desa lei.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Libro de familia: copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente na data de presentación da solicitude.

b) Título de familia numerosa: copia do titulo de familia numerosa cando non fose expedido en Galicia, se é o caso.

c) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

d) Certificación de Facenda de non ter obriga de declarar, de ser o caso. No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos para seren tomadas en consideración.

e) Acreditación de ser muller xestante; presentarase certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude de axuda, se é o caso.

f) Acreditación de violencia de xénero, se é o caso, acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

7º. Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

g) Orfandade: acreditación desta condición; se é o caso.

h) Discapacidade: acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar cando non fose expedido en Galicia, se é o caso.

i) Anexo III de ser o caso.

2. Documentación específica para solicitudes de estudantes, procedemento BS303B.

a) Certificación académica, orixinal ou copia, na cal figuren as notas correspondentes ao último curso académico no que a persoa solicitante estivo matriculada ou, se é o caso, da proba de selectividade. Na certificación deberá constar a nota media.

b) Para o alumnado que vaia cursar o primeiro ano de estudos, copia da preinscrición/reserva de praza nas facultades ou escolas universitarias, centros de bacharelato ou ciclos formativos. Cando non se dispoña desta documentación, por non estar aberto o prazo de preinscrición ou reserva durante o prazo de presentación de solicitudes de residencia, deberá comunicar esta circunstancia por escrito e comprometese a presentala no momento en que se realice.

3. Documentación específica para persoas traballadoras, procedemento BS303D:

a) Traballo por conta allea:

1º. Copia do nomeamento, se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

2º. Copia do contrato laboral en vigor, se a relación de traballo é laboral por un período mínimo de 3 meses.

b) Traballo por conta propia: certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e se é o caso do representante e demais membros que compoñen a unidade familiar.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Datos do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

Consultaranse ademais os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Datos do título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia

b) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Desemprego. Acreditación dos importes de prestacións por desemprego percibidos a data actual da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Acreditación da situación legal de desemprego sen prestación económica da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

e) Acreditación de familia monoparental.

2. No caso de que as persoas interesadas, as persoas titoras ou representantes legais ou os demais membros que compoñen a unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I (prazas de residencias xuvenís para estudantes), no anexo II (prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras) e no anexo III (comprobación de datos de terceiras persoas que compoñen a unidade familiar) e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Publicación e notificación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento, sen prexuízo do recollido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, http://xuventude.net, con carácter complementario .

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de selección

1. Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas segundo o baremo establecido neste artigo.

2. Baremo xeral, aplicable a todas as persoas solicitantes:

a) Antigüidade na residencia: aquelas persoas que xa foron residentes en cursos anteriores: 1 punto.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daquelas persoas residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuaranse os criterios indicados no caso de non completar o curso académico na residencia polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade persoal das persoas residentes ou dalgún familiar con que convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas merecedoras dunha bolsa Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable da persoa directora da residencia xuvenil, visado pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia en que radica a residencia, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

1º. A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, cadros 392+405 da declaración do imposto da renda das persoas físicas, en diante IRPF. Tomarase o importe total dos ingresos da unidade familiar, para o cal se sumarán as rendas do total de membros computables e o resultado dividirase entre o mesmo número para obter así a renda media da unidade familiar.

2º. O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación desta convocatoria.

3º. Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente e sempre e cando cumpran as condicións recollidas no último parágrafo do artigo 5.1.d).

4º. A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50 % do indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): 8 puntos.

Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 6 puntos.

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 4 puntos.

Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 2 puntos.

Superior ao 125 % e inferior ao 150 % do IPREM: 1 punto.

c) Situación de familia numerosa:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Orfandade:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

e) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

f) Residencia, por ter a súa residencia habitual en Galicia: 2 puntos.

g) Embarazo, por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

h) Violencia de xénero; mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fose emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 5.1.f): 1 punto.

i) Outras circunstancias sociofamiliares; por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e adecuadamente acreditada no momento de presentar a solicitude: ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

1º. Por ter un ou máis irmáns ou irmás con praza renovada na residencia: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outra persoa proxenitora, non contribúa economicamente ao sustento.

j) Desemprego; situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

3. Baremo específico para estudantes.

No suposto de que as persoas solicitantes sexan estudantes, terase en conta, ademais do establecido no número anterior:

a) Cursar estudos:

1º. Universitarios, estudos superiores en ensinanzas artísticas: 1 punto.

2º. Ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

b) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade, na proba de acceso á universidade terase en conta só a nota media da parte xeral. Cando o curso universitario sobre o cal se fai a media non fose completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base en 60 créditos dos cales conta o curso universitario segundo o plan Boloña.

A puntuación neste número correspóndese no baremo coa dita nota media.

4. Baremo específico para persoas traballadoras.

No caso de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, sumarase ao baremo xeral:

a) Persoas traballadoras por conta allea. A duración da relación laboral, que será como mínimo de 3 meses contados dende a data de remate de presentación de instancias, valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato, ata un máximo de 10 puntos. Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente, valoraranse con 8 puntos.

b) Persoas traballadoras por conta propia. No caso de persoas traballadoras por conta propia, a alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha antelación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de instancias, valorarase en 5 puntos e incrementarase 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

5. Para os efectos do disposto neste artigo, considéranse membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante, o pai, a nai ou as persoas titoras legais, e os irmáns e irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar, ou os irmáns e irmás maiores de idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar: irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do IPREM.

b) En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

1º Computarase que a unidade familiar da cal forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos e fillas que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

2º. Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que a constitúe polo feito de estar embarazada.

c) No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio, non se considerará membro computable aquela persoa que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, que deberá incluír a súa renda e o seu patrimonio.

d) Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así como os/as fillos/as, se os/as ten. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do aluguer da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e da situación real do/da solicitante.

Artigo 10. Comisións cualificadora

1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

b) Vogalías:

1º. Unha persoa funcionaria do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

2º. As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Na designación das persoas integrantes da comisión de cualificación procurarase atender o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 11. Instrución

1. O órgano instrutor do procedemento reserva para si o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para aclarar a valoración das solicitudes da comisión cualificadora.

2. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 9. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia e emitirá un informe que remitirá ao órgano instrutor da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radique a residencia. Dos resultados do informe o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución.

Artigo 12. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

1. Por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, a resolución de adxudicación das prazas, a relación definitiva de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida serán aprobadas e notificadas pola persoa titular da xefatura territorial de cada provincia onde radique a residencia no prazo máximo de catro meses, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, debera entenderse desestimada a solicitude correspondente. As ditas relacións notificaranse de acordo co establecido no artigo 7.

2. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se o acto for expreso; se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, ou impugnalas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso, e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Con posterioridade á proposta de resolución, no caso de que exista lista de espera, poderanse realizar outras sen necesidade de que se reúna de novo a comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde desa lista de espera.

A lista de espera estará formada polas persoas que non obtiveron praza, e estará ordenada segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 9.

As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as persoas solicitantes da lista de espera.

4. A partir do día seguinte ao da publicación da resolución definitiva de persoas beneficiarias das prazas, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de vacinacións.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Xustificante bancario de pagamento dunha mensualidade en concepto de reserva de praza. O prezo e a forma de pagamento especifícanse nos artigos 14.1 e 14.2, respectivamente.

e) Se a persoa beneficiaria ten a condición de estudante, copia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, conforme a persoa solicitante está realizando o doutoramento naquel.

5. A documentación a que se refire o número anterior terán que presentala de acordo co establecido no artigo 4, números 1, 2 e 3, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, excepto a copia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2019 con excepción do establecido no artigo 5.2.b) para o caso do alumnado do 1º curso. No caso de que a persoa interesada non poida presentar a copia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha copia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente e deberá, non obstante, presentar a copia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

De non presentar a documentación no prazo e na forma que correspondan, declararase a perda do dereito prevista no artigo seguinte.

Artigo 13. Renuncia e perda do dereito

1. A renuncia dunha praza da cal fosen persoas adxudicatarias deberase facer por escrito e realizarase tendo en conta o establecido no artigo 4, números 1, 2 e 3. A renuncia producirá os efectos económicos do artigo 14.3.

2. Entenderanse decaídas no seu dereito e poderán perder a súa condición de persoas adxudicatarias da praza polos seguintes motivos:

a) Por non presentar no tempo e na forma que procedan a documentación requirida para formalizar a adxudicación, incluído o pagamento dunha mensualidade, segundo recolle o artigo 12.4.d).

b) Pola falta de pagamento do prezo establecido, segundo o disposto no artigo 14.2.

c) Por non cumprir coas súas obrigas como residentes, logo de expediente disciplinario, conforme establece o artigo 16.1.

d) Por non incorporarse á residencia en prazo, tal e como establece o artigo 16.4.

e) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

f) Pola ausencia inxustificada da residencia durante máis de 15 días consecutivos.

A perda do dereito, logo de audiencia ao interesado, será resolta pola xefatura territorial por proposta da dirección da residencia e notificarase ás persoas solicitantes por escrito, seguindo o establecido no artigo 7.

No caso de perda do dereito á praza non procederá a devolución da cota mensual abonada.

3. En calquera dos casos sinalados nos puntos precedentes, por renuncia ou por perda do dereito, a praza que resulte vacante cubrirase respectando a lista de espera confeccionada pola comisión cualificadora, conforme o disposto no artigo 9.

Artigo 14. Condicións económicas

1. De conformidade co disposto na letra d) do anexo I da Orde do 1 de abril de 2016, pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a cota que haberá que aboar por mes será:

a) Cuarto dobre: 324 € por residente e mes.

b) Cuarto cuádruplo: 250 € por residente e mes.

2. Unha vez comunicada a admisión, farase entrega dunha mensualidade completa en concepto de reserva de praza, que non será reintegrable no caso de perda do dereito á praza ou expulsión. Esta cantidade poderá devolverse ou, a criterio das propias residencias, validarse pola última mensualidade que a persoa estudante ou traballadora permaneza no centro.

O pagamento do primeiro e último mes de estadía na residencia será proporcional aos días reais de permanencia nela, segundo a data de inicio e remate do plan de estudos de cada residente estudante, ou da relación laboral de cada persoa traballadora.

As cotas restantes poderanse aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos dez primeiros días de cada trimestre ou mes, durante a duración do curso 2019/20, segundo estableza o plan de estudos da persoa beneficiaria e non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

O prezo aboarase mediante ingreso nas entidades bancarias autorizadas, utilizando o impreso normalizado de prezos privados da Comunidade Autónoma de Galicia, modelo RE, que estará á disposición das persoas solicitantes nas propias residencias e nas xefaturas territoriais; tamén se poderá facer o ingreso telemático, con ou sen certificado dixital, a través da oficina virtual https://ovt.atriga.gal/#!/categoria/?Cidad%c3%a1ns/11609730/4127328. Posteriormente, deberá entregarse o xustificante de pagamento na propia residencia.

Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo sen que a persoa beneficiaria realice o ingreso, poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión da persoa beneficiaria da instalación, e adxudicarase a praza a outra persoa seguindo a orde da lista de espera.

3. A renuncia á praza deberá comunicarse sempre por escrito tendo en conta o establecido no artigo 4, números 1, 2 e 3. Cando a renuncia se comunique por escrito cunha antelación mínima de 15 días, xerará o dereito á devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza; noutro caso perderase o dereito á dita devolución.

Non procederá a devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza no caso de abandono durante o curso académico.

En calquera caso procederá a devolución da parte proporcional da mensualidade pagada, correspondente aos días de non permanencia na residencia, no caso de comunicación escrita cunha antelación mínima de 15 días e presentando o anexo IV.

A persoa solicitante da devolución debe ser a mesma que a titular da conta en que se solicita o ingreso da devolución.

4. Con carácter excepcional, as persoas residentes que se ausentasen xustificadamente durante un mes natural, poderán manter o seu dereito á praza aboando o 50 % do prezo mensual establecido en concepto de reserva. Se a duración da ausencia é de períodos alternos inferiores a un mes, deducirase economicamente a parte proporcional. Se a ausencia ten unha duración superior a un mes poderá manterse o dereito á praza aboando cada mes o 25 % do prezo mensual en concepto de reserva.

A reserva farase durante un máximo de 3 meses, agás que a persoa residente faga unha petición expresa en que xustifique as causas e que será atendida segundo as necesidades de funcionamento da residencia.

Considerarase motivo xustificado de ausencia para solicitar a reserva a obriga do alumnado de facer as prácticas dos estudos que estea cursando en concello distinto ao da residencia, así como os intercambios de inmersión lingüística ou cultural que obriguen a cursar estudos no estranxeiro durante uns meses. Así mesmo, terase a mesma consideración cando unha persoa traballadora teña unha suspensión ou extinción do contrato. Para calquera residente será causa xustificada a súa enfermidade ou a dun/dunha familiar directo/a, debidamente acreditada.

Artigo 15. Servizos ofertados

1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

a) Aula de estudo-biblioteca.

b) Salas de xogos.

c) TV e vídeo.

d) Actividades culturais e deportivas.

e) Información aos pais e/ou ás nais ou ás persoas que sexan titoras legais sobre o comportamento do seu fillo ou da súa filla, cando os pais e/ou as nais ou as persoas que sexan titoras legais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

2. A asistencia médica e os gastos farmacéuticos serán por conta da persoa residente, que debe traer o día da incorporación a copia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico de que sexa beneficiaria: Muface, Sanitas, Adeslas, etc. Con todo, en cada residencia haberá unha caixa de primeiros auxilios.

3. As fins de semana e os festivos non se prestarán servizos de comedor.

4. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento; non obstante, reservaráselles ás persoas residentes o dereito á tenza de bens nos cuartos, durante calquera destes períodos vacacionais.

Artigo 16. Obrigas das persoas residentes

1. As persoas residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

2. As persoas residentes deberán deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día que finalice o calendario académico e, en todo caso, o prazo máximo será o 31 de xullo de 2020. No caso de que a persoa residente sexa menor de idade deberá abandonar a residencia as fins de semana e os días non lectivos, agás autorización expresa dos pais, das nais ou da persoas que sexan titoras legais.

3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual dos seus autores e das súas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso e terase que aboar o seu custo.

4. As persoas adxudicatarias poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos da persoa beneficiaria e dentro do prazo máximo establecido no artigo 2, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. Na súa falta, entenderase que renuncia á praza adxudicada, perderá os seus dereitos e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto nos artigos 9 e 12.3.

5. O estado de saúde da persoa residente deberá en todo momento permitir o normal desenvolvemento da vida residencial e, en caso contrario e por prescrición facultativa, deberá abandonar a residencia ata a súa recuperación.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Á fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en función do seu respectivo ámbito territorial, para resolver a adxudicación das prazas e a perda do dereito nas residencias xuvenís dependentes da consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file