Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24141

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de maio de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará determinado persoal licenciado sanitario da atención primaria dependente da Xestión Integrada de Vigo os días 21, 22 e 23 de maio de 2019.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño público da prestación de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de ditos servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O persoal médico da atención primaria na estrutura organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo convocou unha folga que afectará todo o persoal licenciado sanitario que realiza o seu labor na atención primaria dependente da dita EOXI, con independencia da súa vinculación e réxime xurídico, incluíndo o persoal residente en formación e sen prexuízo do colectivo que xa está afectado pola folga convocada con carácter indefinido nos puntos de atención continuada (PAC) do Servizo Galego de Saúde desde o 7 de xaneiro de 2019. A presente folga desenvolverase desde as 8.00 horas do día 21 de maio de 2019 ata as 8.00 horas do día 23 de maio de 2019.

Con base no que antecede e logo da audiencia co acordo do comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria da folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde. Todo isto sen menoscabo da vixencia da Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará determinado persoal dos puntos de atención continuada do Servizo Galego de Saúde a partir do día 7 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), respecto ao persoal licenciado sanitario da atención primaria dependente da EOXI de Vigo incluído no ámbito de aplicación destoutra folga, convocada con carácter indefinido.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. Ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

De acordo co anterior, deben fixarse os servizos mínimos necesarios para garantir a atención aos usuarios que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións sanitarias afectadas pola folga:

Os servizos mínimos establecidos no tramo ordinario de atención das unidades e servizos de atención primaria prestarán a asistencia urxente ou inaprazable da respectiva unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, establecendo a seguinte dotación mínima no que atinxe ao persoal médico de familia e pediatra:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.

Polo que concirne o persoal farmacéutico e odontólogo de atención primaria, garantirase a presenza dun efectivo por cada distrito sanitario. Con esta medida trata de preservarse, respecto ao persoal farmacéutico, que a homologación sanitaria de todos aqueles medicamentos, produtos sanitarios e dietéticos que non admita demora poida levarse a efecto dentro dos prazos e requisitos establecidos na regulamentación vixente, o que require en todo caso da ineludible presenza dun profesional por distrito. E no que atinxe o persoal odontólogo, cómpre dispoñer dun profesional que en cada distrito poida atender os procesos odontolóxicos agudos, nomeadamente relativos á poboación infantil.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios de cada centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos necesarios e acordados co comité de folga para garantir a totalidade da actividade urxente ou inaprazable que cabe prever nos días da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da EOXI e notificada aos profesionais afectados.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal licenciado sanitario

Médico/a de familia

86

35

-

Pediatra

35

13

-

Odontólogo/a

1

1

-

Farmacéutico/a

1

-

-

Médico/a de familia PAC*

-

19*

19*

*Consonte o previsto no anexo da Orde da Consellería de Sanidade do 21 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019) para as xornadas de PAC equiparables.