Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24145

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR323C).

A agricultura galega atópase inmersa nun contexto de mercado moi competitivo e aberto derivado da progresiva liberalización do mercado mundial, da ampliación europea e as sucesivas reformas da PAC.

A racionalización do uso dos factores de produción leva a acometer proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas e que teñan como obxectivo un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías, así como de incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios, e que promovan o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo.

O Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que fixa os obxectivos a que debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural, pola que establece axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, e o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias que completan as normas relativas ás medidas de investimentos.

E coa finalidade de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, de acordo co Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014_2020 foi aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, sendo a súa última por Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro do 2019.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2019, no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 (Investimentos en activos físicos), submedida 4.1 (Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas) (procedemento MR323C).

Estas axudas teñen como finalidade:

1. Mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

2. Reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Artigo 2. Definicións

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde, enténdese por:

1. Gastos xerais dos proxectos: os custos xerais vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios de enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade e plans empresariais, aos cales se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) 1305/2013.

2. Proxectos de innovación: entenderase que un proxecto é de carácter innovador se cumpre algún dos seguintes requisitos:

a. Proxecto singular.

b. Posta en marcha dunha nova tecnoloxía, creación de novos produtos ou mellorados que incorporen rasgos específicos locais.

c. Métodos de cooperación conxunta relacionados co aproveitamento das superficies agrarias de forma sustentables económica e ambientalmente.

O carácter innovador poderá estar presente no contido técnico do proxecto (no produto, no procedemento de obtención ou noutro elemento) ou na forma de organización e participación dos actores locais no proceso de toma de decisións e de aplicación do proxecto. A condición de innovador dun proxecto deberá ser acreditada mediante a pertenza á Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola a través da participación nun grupo operativo conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ou que a Axencia Galega de Innovación (Gain) acredite ese carácter innovador.

3. Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións: aqueles investimentos que se realicen sobre unha orientación produtiva distinta da principal.

4. Investimentos en proxectos de cooperación: aqueles investimentos realizados en coordinación cunha operación financiada a través da medida 16 do PDR de Galicia.

5. Entidades procedentes de fusión: entidades que proceden dunha fusión finalizada nos últimos 5 anos naturais.

Poden ser dos seguintes tipos:

a. Cooperativas procedentes de fusión por absorción: combinación de negocio en que unha cooperativa absorbe a outra ou máis cooperativas que se disolven. As cooperativas absorbidas non se liquidan, senón que se traspasan os patrimonios, socios e asociados da/s cooperativa/s absorbidas á cooperativa absorbente, asumindo esta os dereitos e obrigas da/s cooperativa/s disolta/s.

b. Cooperativas procedentes de fusión por creación dunha nova cooperativa: combinación de negocio en que dúas ou máis cooperativas disólvense e dan lugar a unha nova. Neste caso tampouco existe liquidación, senón traspaso de patrimonio, socios e asociados.

6. Últimos 5 anos naturais: prazo comprendido entre o 1.1.2014 e a data de solicitude desta axuda.

7. Peme: empresa con menos de 250 efectivos e volume de negocio ata 50 millóns de euros, ou balance xeral ata 43 millóns de €.

Artigo 3. Beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas os seguintes beneficiarios:

a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios

Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

1. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Compromisos que deben asumir as entidades beneficiarias das axudas

1. Permanencia da entidade na actividade durante 5 anos desde o pagamento da axuda. Durante todo o dito período de tempo, debe cumprir os mesmos requisitos que no momento da concesión da axuda.

2. Permanencia dos investimentos durante 5 anos desde o pagamento da axuda.

3. Dispor de contabilidade segundo o Plan Xeral Contable.

4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

5. Establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a continuación:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos, non poderán superar o custo subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción agrícola, animais e plantas anuais e a súa plantación; investimentos de simple substitución; maquinaria de segunda man; os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización; a maquinaria e investimentos de carácter forestal. Tampouco será subvencionable o IVE nin as licenzas e taxas administrativas.

Artigo 9. Comezo da subvencionabilidade

Só serán obxecto da axuda os investimentos efectuados con posterioridade á presentación da correspondente solicitude ao abeiro da presente orde de convocatoria coa excepción dos gastos xerais dos proxectos de acordo co punto 2 do artigo 60 do Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e logo da realización da certificación de non inicio realizada por persoal da Consellería do Medio Rural con posterioridade ao prazo de solicitude desta axuda, e tendo en conta que a simple presentación da solicitude de ningunha maneira garantirá a súa aprobación.

Artigo 10. Presentación dos permisos administrativos

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a licenza municipal xunto coa solicitude de axuda nun prazo adicional de tres meses desde que remate o prazo de presentación das solicitudes. O mesmo prazo establécese para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

Artigo 11. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, considerarase que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado, aplicará os criterios de prioridade para que a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias formule a proposta de resolución. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de catro meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A notificación da concesión da axuda informará os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e da prioridade do PDR de que se trate.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

3. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se aprobaron deberá ser solicitado cunha anterioridade de polo menos 6 meses antes de que remate o prazo de execución.

Se os cambios supoñen a modificación da licenza, deberase entregar o proxecto coas modificacións que se vaian autorizar xunto coa licenza modificada e co resto da documentación exixida no artigo 7 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

A autorización dos cambios será anterior á súa execución. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamentos dos novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación do conselleiro do Medio Rural, agás aqueles que simplemente supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será de 1 mes. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se producise, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

4. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. A Consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 14. Recursos fronte ás resolucións de subvención

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 11.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro total nas seguintes circunstancias:

a. Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b. Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c. Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d. Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e. Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f. Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g. Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h. Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal se derive unha necesidade de reintegro.

i. Nos demais supostos recollidos na normativa reguladora da subvención.

3. Durabilidade dos investimentos: deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a. Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b. Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c. Cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, se for o caso, os xuros, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

a. Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os investimentos.

b. Destrución accidental dos locais.

c. Epizootia ou enfermidade vexetal que afecte unha parte ou a totalidade do gando ou dos cultivos, respectivamente, do beneficiario.

d. Expropiación da totalidade o dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que presentou a solicitude.

6. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

7. En materia de reintegro da axuda tamén será de aplicación a normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada a este, polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación da normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada a este, polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

2. Os incumprimentos poderán derivar nos seguintes tipos de penalizacións:

a. Redución: diferenza entre o importe da solicitude de pagamento e o importe determinado ou admisible tras os controis.

b. Sanción: penalización que se aplica ao importe determinado ou admisible tras os controis.

c. Exclusión da axuda e, en determinados casos, do dereito a participar na mesma medida ou liña de axudas.

3. Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. Cada unidade xestora determinará:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade que se paga ao beneficiario será a definida no importe b. Cando o importe a supera o importe b en máis dun 10 %, a cantidade que se paga é igual ao importe b menos a diferenza entre os dous importes, non obstante nunca irá máis alá do importe solicitado.

A sanción administrativa mencionada aplicarase, mutatis mutandis, aos gastos non admisibles detectados durante os controis sobre o terreo.

4. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a. Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b. Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c. Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle for posible detectar o erro.

d. Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e. Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a comisión.

f. Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a comisión.

5. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

6. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión, ou en quen delegue, para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 19. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader. Serán informados tamén os beneficiarios da medida e da prioridade do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril de 2016, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

• En tódalas actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Feader.

• Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

– Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

– No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocando polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

– No caso de que a persoa solicitante se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000 €, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente, de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión da operación financiada.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 20. Transparencia, bo goberno e publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 11, as resolucións de concesión ou denegación da axuda serán obxecto de publicación de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura. O IVE non será subvencionable.

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación da factura, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento, non admitindo pagamentos en metálico.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2019, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 23. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Una vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación, non se admitirán cambios no referente aos investimentos ou aos criterios de prioridade.

Artigo 24. Documentación que se debe presentar na solicitude da axuda

1. Para solicitar a axuda do procedemento MR323C, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a. Anexo II: certificación do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.

b. Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

c. Copia dos estatutos en vigor da entidade.

d. Copia da escritura de constitución e inscrición rexistral.

e. Copia do balance e contas de resultados da empresa. As pemes deben achegar os do último exercicio, as non pemes os dos dous últimos exercicios.

f. Certificación das explotacións agrarias asociadas participantes nos investimentos. Identificarase o NIF, e máis o nome do titular da explotación.

g. Tres orzamentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos.

ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

iii. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo así como características técnicas.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

h. Certificación por parte da entidade solicitante en que consten os nomes, sexo e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.

i. No caso de investimentos en obra civil:

i. Proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente)

ii. Xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras.

iii. No caso de novas construcións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.

j. Anexo III (comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).

k. No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

l. No caso de investimentos relacionadas con operacións en agricultura ecolóxica, certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.

m. Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente) que deberá incluír:

a. Unha memoria dos investimentos que se vaian realizar, en que se indique e xustifique:

a. O investimento colectivo que se realiza.

b. O número de explotacións socias.

c. Localización onde se realizará o investimento (en explotación titularidade da entidade asociativa ou ben en explotación dos seus socios). Referencia catastral das parcelas onde se realizará o investimento.

d. Orientacións produtivas actuais e orientacións produtivas dos novos investimentos.

e. Se a entidade procede ou non de fusión de cooperativas e enumeración destas, se é o caso.

f. Se o investimento se realizará ou non en zonas incluídas en Rede Natura 2000.

g. Se o investimento supón ou non un aforro enerxético.

h. Se son investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3.

b. Unha descrición da situación inicial da explotación agrícola, con indicación das fases e obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.

c. Unha análise de mercado (con matriz dafo).

d. Unha descrición da situación final unha vez levado a cabo o plan de empresa.

e. Información pormenorizada sobre os investimentos que se vaian realizar e prazos (ingresos, gastos, investimento, financiamento, balance, conta de resultados e tesouraría), en que:

• Se indiquen as melloras que se realizan.

• Se estableza unha valoración do seu impacto sobre o cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación),

• Se inclúan as medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo eficiente de auga, etc..,.

• Figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea, estatal ou autonómica así ou exixa, e que preste especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas en Rede Natura 2000.

f. Información pormenorizada sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agrícola, incluídas as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 25. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Atriga.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión doutras subvencións.

– DNI/NIE da/s persoa/s que elabore/n o estudio técnico económico.

– Títulos oficiais universitarios da rama agraria da/s persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou no anexo III segundo o caso, e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a. Número de explotacións agrícolas asociadas:

> 750: 4 puntos.

De 151 a 750: 3 puntos.

De 31 a 150: 2 puntos.

De 6 a 30: 1 punto.

De 0 a 5: 0 puntos.

b. Investimentos na explotación agrícola titularidade da entidade asociativa: 4 puntos.

c. Atendendo ao importe neto da cifra de negocio (INCN):

i. 0 € ≤ INCN ≤ 2.000.000 €: 1 punto.

ii. 2.000.000 € < INCN ≤ 10.000.000 €: 2 puntos.

iii. 10.000.000 € < INCN < 25.000.000 €: 3 puntos.

d. Investimento localizado nunha zona de montaña tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 3 puntos.

e. Órgano de goberno cunha porcentaxe de mulleres igual ou superior ao 50 %: 2 puntos.

f. Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións. 2 puntos.

g. Investimentos de aforro enerxético (>50 % do investimento elixible): 2 puntos.

h. Investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3: 2 puntos.

i. Investimento localizado nunha zona distinta á de montaña con limitacións naturais significativas ou limitacións específicas tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 1 punto.

j. Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

k. Investimentos en proxectos de cooperación: 1 punto.

3. A puntuación máxima dunha solicitude será de 23 puntos, necesitándose un mínimo de 6 puntos para poder ser subvencionable.

4. No caso de empate en puntos priorizaranse as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido dos investimentos en proxectos de cooperación. Por último de persistir este empate, priorizaríase segundo a orde dos criterios de selección.

Artigo 27. Contía económica das axudas

1. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a. 10 % no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.

b. 15 % en investimentos colectivos, cando o beneficiario é unha entidade procedente de fusión de cooperativas finalizada nos últimos 5 anos.

c. 10 % para investimentos en zonas con limitacións naturais u outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.

d. 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das Asociacións Europeas de Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 € e un máximo de 5.000.000 €.

Artigo 28. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 30 de setembro de 2021, incluído.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a súa metade, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de polo menos 2 meses antes de que acabe o prazo de execución. En todo caso o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nestas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

Artigo 29. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude (acta de non inicio), agás no caso dos gastos xerais dos proxectos, e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. As solicitudes de pagamento da axuda deberán acompañarse dos seguintes documentos:

a. Facturas e xustificantes de pagamento.

b. De existir obra civil: certificación final de obra e, no caso de variacións sobre o proxecto, informe do concello correspondente en que indique se as variacións afectan ou non a licenza concedida.

c. Declaración doutras axudas.

4. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a. Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b. En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c. Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

5. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 100.000 euros de investimento.

6. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos que a solicita, recalculándose a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

7. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de revogación da aprobación da solicitude.

8. Poderán realizarse pagamentos á conta, os cales poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

O importe conxunto dos ditos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

De acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000 euros deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe do pagamento á conta, de acordo co referido no artigo 67.3. A dita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta.

Artigo 30. Financiamento das axudas

O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,5 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % con fondos Feader, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 14.04.712B 772.0 (CP 2016-00384), para o ano 2019, cincocentos mil euros (500.000), para o ano 2020, cincocentos mil euros (500.000) e para o 2021, catro millóns de euros (4.000.000). En total cinco millóns de euros (5.000.000).

A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoaiss

Disposicións derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposicións derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file