Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24182

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR323C).

BDNS (Identif.): 455032.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

a) Cooperativas agrarias titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2019 (procedemento MR323C).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rual (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR323C).

Cuarto. Importe

1. O importe global destas axudas será de 5.000.000 €.

2. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a. 10 % no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.

b. 15 % en investimentos colectivos, cando o beneficiario procede de fusión de cooperativas.

c. 10 % para investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.

d. 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das asociacións europeas de innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

3. Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 € e un máximo de 5.000.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a seguir:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos non poderán superar o custo subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción agrícola, animais e plantas anuais e a súa plantación; investimentos de simple substitución; maquinaria de segunda man; os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización; a maquinaria e investimentos de carácter forestal. Tampouco será subvencionable o IVE nin as licenzas e taxas administrativas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias