Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24352

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se modifica a Resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Mediante a Resolución do 30 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral da Función Pública, ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga.

Na base novena da dita resolución regúlanse as probas físicas que se veñen realizando anualmente ao persoal laboral para ser contratado en determinadas categorías do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

No último proceso selectivo convocado para o acceso á escala de auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, subgrupo C2, nas especialidades de emisorista/vixilante fixo, bombeiro forestal-condutor motobomba e bombeiro forestal, convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 28 de febreiro de 2019, recóllese, como exercicio integrante da fase de oposición, unha proba de aptitude física diferente á prevista na Resolución do 30 de xaneiro de 2007, sendo conveniente unificar ambas probas.

O incremento continuado nestes últimos anos de postos de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e a experiencia adquirida coa realización deste tipo de probas, levan a concluír a necesidade de que as probas de aptitude física e agudeza visual se realicen a persoal que teña posibilidades reais de ser chamado e non a todos os integrantes das listas, con independencia de que puidesen ou non ser seleccionados para a ocupación dun posto destas categorías.

En consecuencia, vista pola Comisión Permanente constituída ao abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na súa sesión do 30 de abril de 2019, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a base novena da Resolución do 30 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga (DOG núm. 24, do 2 de febreiro de 2007), reguladora das probas físicas, que queda redactada como segue:

De acordo co establecido no anexo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia que regula as condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, para poder ser contratado nas categorías de persoal laboral de técnico/a superior de defensa contra incendios forestais (38) do grupo I, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais (39) do grupo II, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100) do grupo III, bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba (33) do grupo IV, bombeiro/a forestal condutor/a (14A) e bombeiro/a forestal (14) do grupo V, deberá superarse previamente unha proba de aptitude física. Esta proba denomínase proba física Field Test consistente en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

As persoas integrantes das listas deberán acudir á realización da proba provistas do seu DNI e dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no que se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. Non se terán en conta certificados médicos que non recollan o sinalado anteriormente.

Para poder ser contratados nas categorías de vixilante móbil (10A) e vixilante fixo (10B) de defensa contra incendios forestais do grupo V, as persoas candidatas deberán superar unha proba en que se examinará a agudeza visual lonxana en ambos os dous ollos, así como a visión cromática, realizada cun aparato para control da visión tipo Visiotest ou equivalente. As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistas do DNI.

O resultado da proba física e de agudeza visual será o de apto/a ou non apto/a.

As persoas integrantes das listas non poderán asinar un contrato laboral sen ter realizadas as probas físicas ou de agudeza visual vixentes co resultado de apta.

A Consellería do Medio Rural será a encargada de realizar as probas con carácter previo á formalización dos contratos de traballo.

En caso de que algunha persoa interesada non se presentase ás ditas probas, non as realizase ou non fose declarada apta, quedaría automaticamente en suspenso nas listas correspondentes ata o 1 de xaneiro do ano seguinte e non poderá ser contratada. Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural comunicará á Dirección Xeral da Función Pública o resultado das probas como apto/a, non apto/a, non presentado/a á proba ou proba non realizada.

Estas probas terán validez ata o 1 de xaneiro do seguinte ano, debendo acreditarse polo persoal, antes de ser contratado/a, a vixencia da proba realizada co resultado de apto/a. En caso contrario, a Consellería do Medio Rural realizaralle as probas antes de formalizar o contrato.

Segundo. As persoas integrantes das listas que figuren en suspenso nelas por non realizar a proba de aptitude física ou de agudeza visual ou por non ser declaradas aptas nestas probas, pasarán a estar dispoñibles nas listas para ser chamadas, se é o caso, ao día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Os chamamentos ás persoas integrantes das listas de contratación do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais poderán realizarse telefonicamente durante o ano 2019, cando debido á modificación da regulación das probas físicas, ao inicio inminente da actividade laboral do persoal de Apoio á Campaña de Alto Risco Estival e ao aumento dos efectivos existentes, se provoquen atrasos nos chamamentos que poidan orixinar graves prexuízos no funcionamento do servizo público de defensa contra incendios forestais.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública