Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24357

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 2 de maio de 2019 polo que se convoca proceso selectivo para ingresar en dúas prazas do corpo auxiliar (grupo D).

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para os anos 2017 e 2018, adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia, conforme o acordado nas mesas de negociación, nas que se inclúe a provisión de dúas prazas do corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, a Mesa do Parlamento de Galicia, en cumprimento deste obxectivo,

ACORDA:

Primeiro. Convocar un proceso selectivo para ingresar no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia para cubrir as dúas prazas anteditas.

Segundo. Aprobar as bases que rexerán esta convocatoria, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e o artigo 16 do seu Estatuto de persoal, que son as seguintes bases da convocatoria:

Primeira. Normas xerais

1.1. O obxecto da presente convocatoria é a selección de dúas persoas para ingresar no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia e cubrir dúas prazas de uxier, grupo D, mediante acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

1.2. Ao proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG núm. 248, do 26 de decembro de 2007) e supletoriamente a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.3. O nomeamento no marco do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia conferiralles ás persoas seleccionadas, para todos os efectos, o carácter de funcionario de carreira do corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, desde a data da toma de posesión, sen prexuízo do establecido na base oitava.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas interesadas deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como funcionaria/o, os seguintes requisitos:

2.1. Nacionalidade.

Poderán participar no proceso selectivo:

a) As persoas de nacionalidade española.

b) As persoas nacionais dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) As persoas nacionais dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

2.2. Idade.

Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade de xubilación forzosa.

2.3. Formación.

Estar en posesión, ou en condición de obtelo, do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas interesadas con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación.

2.4. Capacidade funcional.

Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

2.5. Habilitación.

Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

No suposto de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen ao corpo de funcionarios obxecto desta convocatoria.

Terceira. Solicitudes

3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que acompaña esta convocatoria como anexo II, ao que deberán achegar copia do documento nacional de identidade vixente e o xustificante de aboamento das taxas de exame, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O modelo de solicitude que se xunta a esta convocatoria como anexo II tamén poderá descargarse da páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes presentaranse na sede electrónica do Parlamento de Galicia
https://sede.parlamentodegalicia.gal, no seu Rexistro Xeral na rúa do Hórreo, nº 63, 15701 Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas pola persoa empregada de Correos antes de seren certificadas. No caso de presentación a través das anteditas oficinas, o enderezo a que enviar as solicitudes será: Parlamento de Galicia. Rexistro Xeral, rúa do Hórreo, nº 63, 15701 Santiago de Compostela.

3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. O aboamento das taxas, por un importe de 25,81 euros, deberá acreditarse achegando coa solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES502080 0388 21 3110000502, e indicarase nela o concepto «Taxas selección CAP» e o nome, apelidos e DNI da persoa aspirante.

Non obstante, estarán exentas do pagamento das taxas dos dereitos de exame as persoas aspirantes que estean incursas nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a devolución da taxa aboada, as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

As persoas interesadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, se for necesario e xustificado, posibles adaptacións de tempo e medios especiais para a realización dos exercicios. De ser o caso, deberán indicalo na súa solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente.

Cuarta. Admisión de persoas aspirantes

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia do Parlamento de Galicia aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas inicialmente a través dunha resolución que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia www.parlamentodegalicia.gal, coas causas das exclusións, se for o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas inicialmente dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motiva a exclusión.

Quen, no prazo sinalado, non repare a causa de exclusión ou alegue a omisión será definitivamente excluído da participación no proceso selectivo.

4.3. Ao transcorrer o antedito prazo, a Presidencia ditará unha nova resolución pola que se aprobará a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderase implícita nesta resolución definitiva e a súa publicación servirá de notificación a quen teña presentado alegacións.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ou ben poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

Quinta. Tribunal

5.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia do Parlamento de Galicia. A resolución do nomeamento e a súa composición será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdan na interpretación e aplicación das normas contidas nas bases desta convocatoria, e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con algunha discapacidade que así o indicasen na solicitude poidan participar nas probas en igualdade de condicións ca o resto das persoas participantes.

5.2. O tribunal poderá asesorarse de expertos/as en psicoloxía aplicada para a elaboración do cuestionario do primeiro exercicio da oposición, así como propor a incorporación aos seus traballos de asesoras/es especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas persoas asesoras deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Presidencia do Parlamento, por proposta do tribunal.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Na sesión de constitución, a persoa que presida o tribunal deberá realizar e solicitarlles aos demais membros do tribunal que realicen e, de ser o caso, tamén ás persoas asesoras previstas na base 5.2, unha declaración expresa de non atoparse incursas en ningunha das circunstancias reflectidas no punto anterior.

5.4. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso da/do presidenta/e e da/do secretaria/o.

5.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no resto do ordenamento xurídico.

Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que se lerá ao principio da sesión seguinte e será autorizada coa sinatura da/do secretaria/o e co visto e prace da/do presidenta/e.

5.6. A persoa que presida o tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os medios axeitados. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.7. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa do Parlamento nos termos previstos nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015.

As comunicacións que formulen as persoas aspirantes dirixiranse ao tribunal e presentaranse na sede electrónica do Parlamento de Galicia https://sede.parlamentodegalicia.gal ou no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo nº 63, 15701 Santiago de Compostela.

Sexta. Proceso selectivo

O sistema de selección será o de oposición. Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo I a estas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que estean publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, na data de publicación do nomeamento do tribunal no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total.

6.1. Exercicios

As probas da oposición consistirán na superación de tres exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios, salvo as excepcións recollidas no punto 6.1.3, referidas ao terceiro exercicio.

6.1.1. Primeiro exercicio: consistirá nunha proba psicotécnica que permita avaliar de maneira obxectiva as capacidades dos aspirantes referidas ao razoamento en xeral, á memoria e á atención, así como aspectos máis específicos, como a aptitude verbal, numérica e espacial.

Ao inicio do exercicio os/as participantes recibirán información clara e adecuada do proceso de avaliación psicotécnica. O exercicio constará de varias probas tipo test que se entregarán nun caderno ao principio do exercicio, xunto cunha folla de respostas. Explicarase cada proba-test antes da súa execución e indicarase o tempo máximo de realización.

Cada proba-test realizarase de xeito independente, na orde que indique o tribunal e no tempo que sinale, marcando cun X a resposta correcta na folla de respostas. O tempo máximo «efectivo» de realización do conxunto das probas que compoñen este exercicio será de 60 minutos.

Este exercicio, que terá carácter eliminatorio, cualificarase como «apto/a» ou «non apto/a» e para superalo será necesario obter o resultado de «apto/a». Na corrección das probas obterase unha puntuación en cada aspecto valorado: aptitude espacial, aptitude numérica, aptitude verbal, atención e memoria.

A persoa avaliada terá que ter en todas as probas unha puntuación «media» ou superior á «media», para poder ter a cualificación final de «apto/a».

6.1.2. Segundo exercicio: só para aqueles aspirantes que superen o primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 80 preguntas referidas aos contidos do temario que se inclúe como anexo I da convocatoria, con catro respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta. No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das oitenta primeiras.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 60 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 48 puntos, para aprobalo será necesario obter un mínimo de 24 puntos e terá carácter eliminatorio. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un terzo do valor dunha pregunta correcta. Non se valorarán as respostas en branco nin as nulas (con máis dunha resposta marcada).

6.1.3. Terceiro exercicio: só para aqueles aspirantes que superen os dous anteriores exercicios. Consistirá na contestación por escrito a un cuestionario de 30 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega. O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga 3.

O exercicio terá unha duración de 30 minutos.

Este exercicio valorarase como «apto/a» ou «non apto/a» e para superalo será necesario obter o resultado de «apto/a». Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a valoración de «apto».

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, antes do remate do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúan o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen os dous primeiros exercicios no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, no prazo máximo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación das cualificacións do segundo exercicio.

Coa convocatoria para a realización deste exercicio publicarase unha listaxe das persoas que están obrigadas a facelo. A non aceptación da solicitude de exención entenderase implícita na inclusión nesta listaxe e a súa publicación servirá de notificación a quen teña solicitada a exención.

6.1.4. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberá realizarse no prazo máximo de 40 días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal.

Entre a realización dun exercicio e o seguinte deberá transcorrer un mínimo de 5 días hábiles.

A convocatoria para a realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e anunciarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa, polo menos 48 horas antes da data e hora sinalada para o seu inicio.

O día do exercicio, as persoas aspirantes serán convocadas nun único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza. A orde de chamada das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro apelido comezando pola letra L, elixida polo sorteo publicado na páxina web do Parlamento de Galicia.

As persoas aspirantes deberán presentarse, para a realización de cada exercicio, provistas do documento nacional de identidade ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os/as membros do tribunal e as persoas colaboradoras designadas pola Presidencia, se for o caso.

Os exercicios distribuiranse en galego. Porén, tamén se lles distribuirán en castelán ás persoas aspirantes que así o soliciten.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

Os exercicios realizados non levarán ningunha marca ou sinal que permita identificar o seu autor/ra. O tribunal facilitará a cada persoa aspirante dous sobres para introducir de xeito independente o exercicio realizado e a identificación do seu autor/a. Os sobres pecharanse e gramparanse conxuntamente diante do interesado/a.

As persoas aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. Esta comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.1.5. Cualificacións dos exercicios.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

As persoas participantes poden presentar, nos tres días hábiles seguintes á realización de cada exercicio, as reclamacións que consideren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido. Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anula algunha das preguntas, substituiranse por orde polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

No prazo das vinte e catro horas seguintes á realización de cada exercicio tipo test publicarase o seu contido e as respostas correctas no portal web corporativo. As cualificacións de cada un dos exercicios publicaranse tamén no portal web do Parlamento de Galicia https://sede.parlamentodegalicia.gal.

A cualificación final da oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aspirantes seleccionados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Sétima. Listaxe de persoas aprobadas. Selección

7.1. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a resolución do tribunal coa relación das persoas aspirantes que superaron os dous primeiros exercicios e acadaron o resultado de apto no terceiro, coa puntuación total obtida, publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia.

7.2. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) A condición de xénero a favor da muller, segundo o establecido no artigo 35.5 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

b) A mellor puntuación obtida no segundo exercicio.

c) O maior número de respostas correctas no segundo exercicio.

d) O maior número de respostas correctas no primeiro exercicio.

e) A orde alfabética segundo o recollido na base 6.1.4, parágrafo cuarto.

f) En último lugar, de manterse o empate, dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.3. O proceso selectivo só será superado polas dúas persoas que acaden a maior puntuación.

Na resolución, o tribunal proporá á Mesa do Parlamento a aprobación do proceso selectivo e o ingreso das dúas persoas que o superaron no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira.

Concederase un prazo de dez días, contados desde o día seguinte á data de publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia da resolución do tribunal, para que as persoas aspirantes fagan as alegacións que xulguen oportunas.

7.5. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado co ingreso das dúas persoas propostas no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa e notificaráselles ás persoas seleccionadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se produce a renuncia dalgunha das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, convocarase a seguinte persoa da listaxe por orde de puntuación para que ocupe o seu lugar. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos de persoas aspirantes na situación que se refire no parágrafo final da base oitava desta convocatoria.

Oitava. Presentación de documentos

As persoas seleccionadas deberán presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia de finalización do proceso selectivo, a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base 2.3 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a nin despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado/a ou inhabilitado/a, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

As persoas que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados pola Presidencia, non presenten a documentación ou que, despois de examinala, se deduza que non cumpren algún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorren por falsidade na solicitude inicial. Neste caso, seguirase o procedemento establecido no parágrafo final da base sétima.

Novena. Nomeamento de persoal funcionario de carreira

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas seleccionadas serán nomeadas por resolución da Presidencia funcionario ou funcionaria de carreira. Este nomeamento notificaráselles ás persoas interesadas e publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na web corporativa.

No prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación, as persoas nomeadas deberan tomar posesión ante o presidente do Parlamento e realizar o xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia, de obediencia ás leis e de exercer imparcialmente as súas funcións.

A falta de toma de posesión dentro do prazo, imputable á persoa interesada, producirá o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira neste proceso selectivo.

Décima. Lista de espera para substitucións

As persoas incluídas na listaxe definida na base 7.1 que non superen o proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de espera que se constituirá no Parlamento de Galicia para cubrir as necesidades eventuais de persoal que puideren xurdir, en condición de persoal funcionario interino vinculado ao mantemento das circunstancias polas que son nomeadas.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO I

Temario co corpo auxiliar do Parlamento de Galicia

1. A Constitución española de 1978: caracteres xerais. Os dereitos fundamentais e a súa protección.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: título preliminar e títulos I e V.

3. O Parlamento de Galicia. Composición e sistema electoral; Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia: título preliminar e títulos I, II e III. O Regulamento do Parlamento de Galicia. O Estatuto dos deputados. Os grupos parlamentarios.

4. A organización do Parlamento de Galicia (I). Os órganos de goberno da Cámara. A Presidencia. A Mesa. A Xunta de Portavoces.

5. A organización do Parlamento de Galicia (II). Os órganos funcionais da Cámara. As comisións. O Pleno. A Deputación Permanente. As ponencias. Os servizos do Parlamento.

6. As disposicións xerais de funcionamento do Parlamento de Galicia (I). A sesión constitutiva da Cámara. As sesións. As convocatorias. A orde do día.

7. As disposicións xerais de funcionamento do Parlamento de Galicia (II). Os debates. O quórum e os distintos tipos de votación. A disciplina parlamentaria.

8. As funcións do Parlamento de Galicia. O procedemento lexislativo no Parlamento de Galicia. Idea xeral do procedemento lexislativo e da función de control político do Goberno. A investidura. A cuestión de confianza e a moción de censura. Idea xeral das funcións do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.

9. O Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (I). Tipos de persoal, ingreso e cesamento dos funcionarios, funcións dos diferentes corpos e escalas, situacións administrativas.

10. O Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (II). Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios do Parlamento de Galicia. Réxime disciplinario. A responsabilidade do funcionario do Parlamento de Galicia.

11. O Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia. A estrutura orgánica da Administración do Parlamento. A Mesa, a Presidencia, a Oficialía Maior e as unidades administrativas; competencias e estrutura.

12. A Unidade de Asistencia Xeral. Os postos de uxier do Parlamento de Galicia: funcións segundo o Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 20 de outubro de 2008 e o Estatuto de persoal. A carreira profesional no Parlamento de Galicia. O protocolo: concepto e definicións. Os símbolos de Galicia. Os actos protocolarios relevantes no Parlamento de Galicia.

13. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia; do presidente da Xunta de Galicia, dos membros da Xunta de Galicia e das relacións da Xunta co Parlamento.

14. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade; título preliminar e título I: capítulos I e II.

15. Atención e información ao cidadán. Transparencia e acceso á información pública. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; título preliminar e título I, capítulos IV e V. A protección de datos. Dereitos das persoas. A Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; título III.

missing image file

ANEXO III

Declaración xurada ou promesa

D./Dª ……………......................…….....…………………………..,.....................................

con documento nacional de identidade número ………………………………...…………..

Declara baixo xuramento/promete, para os efectos de participar no proceso selectivo do corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara que non padece enfermidade ou discapacidade que lle impida o desempeño das correspondentes funcións do posto e que son certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., …….. de ……………… de 2019

(Sinatura)