Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25451

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O Tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), modificado polas ordes do 12 de marzo de 2019 (DOG núm. 51, do 13 de marzo) e do 14 de marzo (DOG núm. 53, do 15 de marzo), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas números 34 e 45, que pasarán a ser substituídas, respectivamente, polas preguntas de reserva números 81 e 82.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos), fixándose en 56,000 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria.

Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal o 5 de abril de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen:

– Que superarán o primeiro exercicio os aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de cincocentas (500), sempre que obtivesen un mínimo de cincuenta (50) respostas correctas (logo de facer as deducións por respostas incorrectas).

– Que en caso de empate, todos os aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte consideraranse igualmente aprobados, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

– Que se lles asignará unha valoración de 20 puntos no exercicio aos aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada.

– Que o resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

– Que se lles asignará, do mesmo xeito, a puntuación proporcional que corresponda aos aspirantes declarados non aptos.

– No caso de que fose inferior a 500 o número de aspirantes que obtivesen un número de respostas correctas igual ou superior a 50, a valoración de 20 puntos asignarase aos aspirantes que tivesen 50 respostas correctas e o resto de aspirantes aptos tería unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos.

Feita a corrección, e de acordo cos criterios de corrección acordados polo tribunal o 5 de abril de 2019, superaron o primeiro exercicio un total de 503 aspirantes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co disposto na base II.1.1.3, os aspirantes que superaron o primeiro exercicio deberán presentar, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, os documentos que xustifiquen a exención de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo.

Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019

Xosé Inacio Palomanes Rodríguez
Presidente do tribunal