Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25434

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 13 de maio de 2019 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

BDNS (Identif.): 456216.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Ámbito de aplicación e requisitos

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2 da orde:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

2. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritos no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2019, fóra daqueles titulares que adquirisen a dita titularidade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral do titular, sempre que o novo titular adquira a titularidade por sucesión, xubilación ou incapacidade laboral do anterior e fose parente, como máximo, en cuarto grao del. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.

b) Ser titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso dos apicultores que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Realizar polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

d) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.

e) Cumprir as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

f) Ter realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2018 antes do día 1 de marzo do ano en curso.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.

3. Para o caso das cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, para poder ser beneficiarias a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

4. Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas colmeas, ben a título individual, ben como integrante dunha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores. Non obstante, os apicultores incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa, asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrante doutra cooperativa, asociación ou agrupación de produtores. De ser o caso, soamente se terá en conta ese apicultor na solicitude da asociación que o inclúa como beneficiario naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 13 de maio de 2019 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2019, de seiscentos oitenta e seis mil setecentos corenta e un euros (686.741 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias