Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 27 de maio de 2019 Páx. 25703

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 52/2019, do 9 de maio, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural.

En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que recolle no seu artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indícase que: «terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Mediante Resolución do 29 de maio de 2017 (DOG núm. 109, do 9 de xuño) a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira mediante a súa definición e a dos seus tipos e técnicas de construción, dos seus modelos tipolóxicos, dos mestres, ademais das medidas de salvagarda e do seu desenvolvemento.

Ademais, someteuse ao trámite de información pública, en que se presentaron dúas alegacións que propoñían algúns matices de redacción, algúns deles incorporados a este texto definitivo, así como a variación da composición do órgano de xestión, non considerándose neste caso xustificadas as solicitudes.

Na tramitación deste expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes, ademais de contar cos informes favorables dos órganos consultivos, Museo do Pobo Galego, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, segundo se establece no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que informaron positivamente a proposta de incoación presentada.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, para recoñecer o seu valor cultural sobranceiro na conformación da identidade do pobo galego e colaborar á concreción de medidas para a súa salvagarda, segundo o descrito no anexo I deste decreto.

Artigo 2. Medidas de salvagarda

As medidas de salvagarda para as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia declarada ben de interese cultural rexeranse en termos xerais polo disposto no título V da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, así como polas concretas recollidas no anexo II deste decreto.

Disposición adicional primeira. Inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Esta declaración de ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Disposición adicional segunda. Inscrición no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado

Esta declaración de ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira comunicarase á Administración xeral do Estado para a súa inscrición no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado.

Disposición adicional terceira. Notificación

A publicación deste decreto polo que se declara ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira notificarase á Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari), á Federación Galega de Confrarías de Pescadores, á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e a Portos de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou potestativamente, recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira

1. Denominación: carpintaría de ribeira.

2. Manifestación: técnicas tradicionais, actividades construtivas e procesos (artigo 9.3.a).7º LPCG).

3. Definición:

As embarcacións son a extensión das persoas na auga. Ademais da súa ferramenta de traballo, a embarcación é a imaxe e o símbolo da súa vida e da súa comunidade, identificándose de cote o barco tradicional e o seu mar, as súas costas ou o seu río. Na actualidade as embarcacións tradicionais -ás cales se suman outros barcos con valor histórico, denominados clásicos e de época, que son merecentes polos seus deseños e técnicas construtivas do mesmo recoñecemento- son conservados nos portos galegos polo esforzo dos seus propietarios e grazas ás técnicas dos carpinteiros de ribeira que manteñen a súa actividade viva en Galicia.

Alá onde foron necesarios, as comunidades desenvolveron uns coñecementos e uns procesos propios e orixinais que variaron no tempo, depurándose e adaptándose a diversas circunstancias, sendo o resultado da experiencia dos seus construtores e dos seus usuarios, das condicións da auga e da súa función concreta, ben para a pesca, para o paso, para o transporte ou para o lecer, con variacións tamén segundo a carpintaría e o lugar en que se empregaban, pero tamén das relacións de Galicia coa historia marítima xeral e dos países da súa contorna. Este conxunto de saberes que a experiencia amosa como perfectamente acaídos para a súa función, foi, e aínda é, transmitido de forma tradicional, de xeración en xeración, de persoa a persoa.

O saber da carpintaría de ribeira, na actualidade, é tamén a única ferramenta para manter vivas embarcacións que pertencen á historia pasada e presente das comunidades, das persoas e tamén da propia navegación, e que non poderían seguir en uso e ter un futuro sen eses coñecementos.

Os lugares para a súa creación adaptáronse sempre a un espazo físico variable, con instalacións lixeiras, precarias e en ocasións efémeras, exemplo da optimización dos medios e dos recursos e paradigma da mínima disposición do material, do que resultan construcións expresivas e emotivas pola súa sinceridade e habitual ausencia de calquera recurso ornamental e pola utilización da madeira como material construtivo principal, o mesmo co que se constrúen ou reparan as embarcacións, e á súa medida.

A capacidade técnica para a construción de embarcacións en Galicia está presente desde momentos moi antigos na historia, como as manifestacións dos petróglifos do río Vilar en Oia ou da Borna en Moaña, que poden representar as primeiras embarcacións documentadas en Galicia e que chegan hogano, outorgándolle a esta manifestación cultural unha das secuencias máis longas e ricas da nosa cultura, que proxecta e define o futuro desde a síntese do pasado, cun forte carácter identitario que, ao tempo que nos define, nos conecta con moitos outros lugares costeiros, en especial da Europa atlántica, nun fluxo mutuo de divulgación e transmisión de coñecementos en formas e técnicas de navegación no curso da historia.

Este conxunto de técnicas e coñecementos, e os lugares en que se desenvolven, seguen a existir, malia as dificultades que para as embarcacións en madeira, como plataforma de traballo, medio de desprazamento ou para o propio pracer da navegación, supón a súa adaptación aos criterios e aos estándares derivados de normativas de carácter xeral na súa construción, ao réxime e rendementos necesarios para a actividade, ou as políticas concretas que nun momento puideron promover outro tipo de alternativas construtivas e materiais, sendo as carpintarías de ribeira as garantes da salvagarda da técnica tradicional e da axeitada conservación en Galicia das embarcacións tradicionais e dos barcos históricos.

Seguen a existir froito do esforzo dos propios portadores do saber, da súa adaptación aos oficios da pesca e tamén polo desexo de moitas persoas que incorporan á súa vida a tarefa da conservación e mantemento de embarcacións tradicionais e barcos históricos, e dun conxunto de usuarios que encaran a dificultade cun espírito semellante ao que supón encarar o mar ou un paso fluvial, un reto ás capacidades humanas que é tamén respecto polo medio natural nas súas condicións e a súa propia herdanza cultural.

Existe en Galicia, desde hai xa máis de vinte anos, unha importante actividade de grupos e asociacións que teñen entre os seus obxectivos a protección, mantemento e difusión das embarcacións tradicionais, dos barcos históricos e a cultura marítima e fluvial, que evidencian a súa vitalidade e a súa importancia e que están a procurarlle un lugar na actualidade, entre as que cómpre destacar a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari), que reúne uns 20 estaleiros e carpintarías de ribeira, e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), que agrupa uns 45 colectivos de dinamización cultural. Tales entidades teñen desenvolvido actividades de inventario, difusión e investigación para recuperar embarcacións e actividades co obxectivo de buscar o valor engadido nas embarcacións tradicionais, como son os proxectos Dorna e Proamare, as actuacións de recuperación e difusión de embarcacións históricas, promovidos pola Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época (Agabace), os estudos etnográficos e a recuperación de embarcacións fluviais da asociación Barcas do Minho, e outras tarefas de difusión e formación entre as que cómpre destacar as concentracións, encontros e regatas en que as embarcacións locen na súa máxima expresión.

A profusión de actividades e iniciativas para a valoración deste patrimonio cultural na sociedade evidencia a súa vixencia e vitalidade, así como as posibilidades para as embarcacións tradicionais e os barcos históricos na sociedade actual, cun papel fundamental nos procesos de reforzo da identidade local, da historia propia e da común dos espazos marítimos que compartimos e da cohesión social, capaz de promover recursos económicos alternativos no marco dun desenvolvemento sustentable con materiais autóctonos e tecnoloxía accesible e, en definitiva, facer viable a súa propia continuidade.

4. Ámbito de desenvolvemento.

Toda a Galicia costeira, en especial nas rías, así como espazos relacionados cos pasos e aproveitamentos fluviais, en especial os ríos Miño, o Sil e o Ulla. Poderán tamén ser considerados outros espazos que pola súa relación coa construción, mantemento ou conservación de embarcacións tradicionais, se localicen noutros lugares, aínda que non inmediatos ou afastados da costa.

5. Tipos e técnicas de construción.

5.1. Embarcación en relación co tipo de quilla:

En Galicia destacan dúas grandes clases de embarcacións: as embarcacións con quilla estrutural e as embarcacións con quilla non estrutural (postiza ou engadida).

As embarcacións de quilla estrutural caracterízanse por teren a peza así chamada, que é un bloque de madeira paralelepipédico rectangular disposto sobre unha das súas caras máis curtas, sobresaíndo cara a abaixo. A función da quilla é a de servir de punto de partida da construción do casco e tamén, dependendo de como sexa a sección transversal do barco, de equilibrio hidrostático e hidrodinámico do barco.

As embarcacións que non teñen quilla estrutural son en Galicia de fondo plano e arqueado. Presentan case sempre unha prancha disposta en sentido lonxitudinal como a quilla pero esta peza aínda, que fai as funcións de quilla, non é unha quilla propiamente dita senón que é unha peza, en moitos casos, máis ancha que alta que ten a función de reforzo e de facer que a embarcación non derive.

Hai algunhas embarcacións de fondo plano ás cales se engade unha peza que as habilita para navegar en vela. Esta táboa chámase falsa quilla (fai de orza) e carece da importancia estrutural dunha verdadeira quilla porque se coloca na embarcación despois de construída, co único fin de poder navegar a vela.

5.2. Embarcacións segundo o tipo de construción:

Coexisten en Galicia dous métodos de construción distintos; o nórdico ou principio de construción a partir do forro e o mediterráneo ou principio de construción a partir do esqueleto ou cadernas.

O primeiro empeza por construír o casco da embarcación polos costados (bordos), que son os que moldean a figura e a forma que vai ter o barco e logo coloca as partes estruturais internas (cadernas). Nas embarcacións pequenas tipo gamela ou chalana tamén se chaman calcadores. A inmensa maioría das embarcacións construídas por este sistema teñen o fondo plano.

O segundo, en cambio, empeza primeiro poñendo os madeiros de armar, a estrutura interna, o esqueleto, que é o que vai dar a forma do barco e despois remátase revestíndoo co costado. Así, deste xeito o primeiro actúa desde o exterior para o interior e o segundo actúa desde o interior para o exterior, un, o primeiro, concibe o casco lonxitudinalmente, e outro, o segundo, transversalmente. Un caso distinto é o das embarcacións de fondo plano.

5.3. As embarcacións de fondo plano:

Caracterízanse pola ausencia de quilla estrutural e por ter un fondo plano. Son embarcacións de maior simplicidade estrutural e de menor tamaño en xeral. Hai neste grupo dous modos de construílas. O primeiro consiste en pór en primeiro lugar o fondo de táboas dispostas lonxitudinalmente, despois os extremos e, finalmente, os costados; como é o caso da gamela de Coruxo.

O segundo, polo contrario, comeza por montar primeiro os costados e os extremos e, por último, o fondo, que aquí case sempre é de táboas dispostas transversalmente. É dicir, que neste segundo caso é a colocación dos costados a que dará a forma da embarcación. Así se observa na construción das chalanas e gamelas de costados en tingladiño.

5.4. As embarcacións con quilla:

– A construción en calime, ou a partir do forro.

Actualmente está representada pola dorna, o barco do río Miño e algunhas chalanas e gamelas, sen embargo estivo no pasado máis estendida en Galicia, xa que tamén houbo nas rías altas embarcacións realizadas neste sistema construtivo.

Existen testemuñas de trincados construídos en tingladiño que non hai que confundir co tipo de vela que tamén levaba a mesma denominación. O seu principio de construción é o de construción polo forro coas táboas -bances- solapados nos seus cantos que van cravados entre si.

Ten paralelos no norte de Europa e en Escandinavia, onde se documenta xa con anterioridade á Idade Media e perdura ata hoxe.

En orixe a construción en calime construía todo o casco modelándoo só cos mesmos bances empregando medidas de ángulos e anchuras para obter a forma desexada.

Os elementos da estrutura interna -cadernas- tiñan un papel pasivo na configuración, no moldeado do casco. Poríanse despois de rematar a forma. Agora ben, tanto na dorna como no barco do río Miño teñen un proceso construtivo diferente. Neles métense elementos de estrutura transversal, as varengas, durante a realización da construción e cun papel activo na configuración do casco, posto que son moldes.

– A construción a tope, rixideira ou por vágaras.

Este sistema construtivo é o máis amplamente desenvolvido nas embarcacións tradicionais de Galicia.

Atópase representado por numerosos tipos de embarcacións grandes e pequenas como galeóns, lanchas, botes, bucetas e outros. Baséase na concepción do casco a partir do esqueleto interno no cal sobre unha columna vertebral formada por: quilla, codastes, rabitos e roda de proa, vanse colocando as costelas -cadernas- que son as que estruturan a forma do barco postas en sentido transversal.

O forro, as táboas do costado, teñen aquí un papel pasivo na conformación do casco. Unicamente actúan de revestimento, ao contrario do que ocorre na construción de principio a partir do forro en que actúan de modo activo, estruturando a figura do barco. Desa maneira enténdese que a concepción neste principio é a dunha estrutura transversal, oposta á do principio de construción polo forro, que é pola súa parte a dunha estrutura lonxitudinal.

Este sistema ten paralelos no mediterráneo e no litoral atlántico da Europa do oeste, onde é predominante.

Historicamente observouse que debía diferenciarse neste sistema construtivo unha concepción gráfica, a que se desenvolveu a partir de planos gráficos, facendo un levantamento exhaustivo de todas as pezas que se ían a facer na construción do barco, como acontecía nos estaleiros da Armada Real en Ferrol desde o XVIII, da dos carpinteiros de ribeira, que en bastantes casos usaban métodos non gráficos. Estes eran os máis antigos e os que dominan. O contraste entre ambos os dous métodos é semellante ao que acontece entre a arquitectura académica, que utiliza planos para a súa construción, e a arquitectura tradicional que non os emprega, con excepción dalgúns mestres carpinteiros de ribeira que si empregaron métodos gráficos a partir da táboa de mando.

Neste sentido, a carpintaría de ribeira utiliza en xeral dous métodos. Un deles é a elaboración previa a escala dun medio casco que servirá de guía de como poderá ser a embarcación que se desexa construír. O medio casco é a expresión volumétrica -non gráfica- do carpinteiro de ribeira, por iso algún deles refírese a este como maqueto. Realízase simetricamente e represéntanse as cadernas. Deste modelo pódense obter as formas das cadernas.

En Galicia hai dous tipos de medios cascos, o de seccións horizontais, que é o máis usado, e o de seccións verticais, utilizado nas carpintarías de ribeira do fondo da Ría de Vigo (Domaio, Os Cobres...).

O outro método é o da utilización de formas ou gálibos -moldes- que poden ser ou ben só da sección central ou ben desta e dos zapatóns de proa e de popa. Son formas predeterminadas que se empregan combinadamente con listóns tendidos polo costado en sentido lonxitudinal e que serven para modelar o volume e saber que aspecto presentará cambiando de posición as formas ou ben variando o lugar deses listóns.

Este procedemento de construción denomínase rixideira ou tamén por vágaras.

5.5. Secuencia construtiva xeral e terminoloxía específica.

Para os efectos deste documento, as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira poden describirse atendendo á secuencia construtiva xeral dunha embarcación tradicional de madeira:

Gálibo ou medio casco: sacar ou facer o medio casco ou gálibo é a primeira tarefa coa que se enfronta o mestre carpinteiro de ribeira á hora de construír un barco. O gálibo é o modelo a escala do barco que se proxecta facer, este realízase con varias pezas segundo as liñas de auga que queiran facerse, cantas máis liñas de auga se teñan máis exactitude á hora de trazar as formas e patróns de todas as pezas da embarcación. O gálibo sempre se fai de medio casco, é dicir, da liña de cruxía para un costado, que normalmente é o de estribor. Un bo gálibo é o piar fundamental dunha boa construción xa que de aquí nacen as formas do barco, as súas características, o seu ensille, o seu trimado, o seu calado, as súas proporcións... en definitiva, a súa presenza no mar, o que os mestres carpinteiros de ribeira denominan como a fasquía do barco.

Montea: denomínase montea o trazado da embarcación. Unha vez feito e dado por bo o gálibo da embarcación, este desmóntase en pezas e elabórase a táboa de mando, que vén ser o plano do barco, plano transversal, plano lonxitudinal e plano en planta; as pezas do medio casco (modelo) desmontadas darannos as liñas de auga e demais referencias para o seu trazado a escala natural. As táboas de mando que existen nos vellos estaleiros de toda Galicia atesouran as formas e tipoloxías das embarcacións tradicionais galegas.

Corrixido: unha vez trazado o barco xa se dispón a tamaño real das distintas cadernas e demais pezas a escala real da embarcación. Esta tarefa de trasladar do gálibo á montea os datos a escala está suxeita a erros que poden complicar o labor de que todas as cadernas e demais pezas encaixen perfectamente no conxunto, de xeito que as formas que inicialmente se procuran se vexan alteradas. Para tal efecto emprégase a técnica do corrixido que consiste en trazar unhas liñas de corrección (catro ou máis) nas cadernas de popa e de proa da embarcación de maneira que corten as cadernas nas zonas de curvatura máis pronunciada e mesmo en outros puntos; de cantas máis liñas de corrección se dispoña máis perfecto será o traballo. O proceso debe ser moi meticuloso pois trátase de que cada liña de corrección nos dea tantos puntos de intersección como cadernas teña o barco. Estes deben ser levados ao taboleiro de trazado que deberá ser o máis longo posible; o mellor sistema de corrixir é contar cun taboleiro de trazado de igual lonxitude que a eslora do barco, o que nos permitiría, mediante o chamado xunquillo de trazado, colocado nos puntos de intersección, ver a curva que forma o barco a tamaño real en tantas zonas como liñas de corrección existan. A curva que xera o xunquillo de trazado ten que ser perfecta e alí onde se detecten erros serán corrixidos no trazado orixinal e procederase á elaboración das formas.

Cortamóns: unha vez que se dispón das formas das cadernas necesítase coñecer as inclinacións que se deben practicar en cada punto da caderna para que, unha vez posta a escuadro na quilla, reciba o bance sen alteracións; ou sexa o ángulo que forma o seu plano coa superficie do casco. Dito doutra maneira os cortamóns son as distintas inclinacións que dan forma ao casco. A técnica para acadar estas inclinacións e bastante complexa e debe realizarse esta tarefa con esmero para que o resultado final sexa o adecuado; pódense coller tantos cortamóns en cada caderna como se queira pero, para un barco convencional de madeira, entre catro e seis por caderna sería o ideal. Estes trasladaranse á táboa de mando ou poden anotarse nas mesmas formas. Os cartamóns da parte da varenga serán crecidos e os da parte dos chenoles serán abatidos, sendo isto de vital importancia para que á hora de montar as distintas pezas da caderna (varenga, chenoles, pezas altas...) estas coincidan co ángulo de inclinación axeitado.

Fasquiado: para poder facer calquera traca de bordos, varadoiro, cordas, durmintes, cintas, cintillas, etc. hai que fasquiar. O fasquiado é un procedemento mediante o cal, a través dunha peza máis delgada e de menos largura que a que quere facerse e coa axuda dun compás, lapis e escuadro, se acadan todas as medidas e referencias necesarias para construíla e que se adapte e encaixe perfectamente no sitio. Pode dicirse que a adaptación do contorno dunha peza para a súa posterior colocación nun lugar determinado da embarcación recibe o nome de fasquiar. Quizais sexa esta a técnica máis xenuína da construción naval en madeira. Dominar esta técnica require de certa experiencia e coñecemento da madeira, xa que a fasquía utilizada non debe de ser forzada porque senón pode alterar as formas da peza final e causar problemas á hora de encaixala no sitio que se procura.

Calafateo: a técnica utilizada para garantir a impermeabilización do barco de madeira chámase calafateo; esta técnica consiste en introducir estopa, algodón ou outro material similar entre bance e bance da embarcación, mediante unha ferramenta chamada ferro de calafate e un mazo. A estopa ten que ser previamente fiada de acordo co grosor das xuntas que se van impermeabilizar. A profesión de calafate require de moita práctica. Coñécese polo son se o calafate está a facer un bo labor de impermeabilización do barco. Existen moitos tipos de ferro de calafate en función do grosor da xunta que se quere estancar ou da zona do barco a calafatear.

6. Mestre carpinteiro de ribeira.

O mestre carpinteiro de ribeira é a persoa capaz de adaptar contextualmente a herdanza cultural da tradición tecnolóxica construtiva das embarcacións tradicionais, aplicando coñecementos e saberes que xurdiron ao socairo dun lento e longo proceso histórico e, empregala na súa actividade actual, tanto no deseño como nas actividades de conservación e mantemento.

O mestre carpinteiro de ribeira é a persoa capaz de concibir a embarcación sobre a base dalgún dos modelos tipolóxicos tradicionais, dirixir e executar os traballos para a súa construción e realizar tamén as intervencións para o mantemento e conservación de embarcacións en xeral, empregando as técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira, coa posibilidade de incorporar deseños e materiais acaídos para a navegación actual.

7. Modelos tipolóxicos de embarcacións tradicionais galegas.

Os modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas son as representacións abstractas e conceptuais que responden ás características descritas de forma sucinta nesta declaración, que se materializan en embarcacións concretas coa aplicación das técnicas construtivas empregadas polos mestres carpinteiros de ribeira en calquera momento, e que veñen sendo transmitidas e desenvolvidas ao longo do tempo en ámbitos territoriais concretos e con determinadas funcións, adaptándose ás súas condicións e características.

A descrición dos modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas recollerá as características técnicas e formais das que deben ser consideradas como tales en aspectos cuantitativos e cualitativos, e establecerá o marco de identificación dunha embarcación tradicional.

8. Embarcación tradicional galega.

Terá consideración de embarcación tradicional galega toda a construída en madeira antes do ano 1950 nalgún obradoiro, carpintaría ou estaleiro situado en Galicia e que responda a algún dos modelos tipolóxicos de embarcacións tradicionais galegas recoñecidas, sempre que non sufrisen modificacións substanciais que alterasen as características esenciais da devandita tipoloxía.

Terá tamén a consideración de embarcación tradicional a construída posteriormente por algún mestre carpinteiro de ribeira recoñecido, sempre que fose realizada en Galicia e construída segundo algún dos modelos tipolóxicos recoñecidos.

9. Barcos históricos.

Os barcos históricos teñen orixe na súa meirande parte en barcos de traballo, adaptados ou modificados para se converter en embarcacións de lecer para a navegación particular e as regatas. Comparten unha orixe común coas embarcacións tradicionais e en xeral as mesmas técnicas construtivas e solucións similares ou adaptadas, como o caso da dorna Nai, adaptación da dorna tradicional para o cruceiro e as regatas, ou as series como Iberium ou Delfin, deseñadas e construídas en Galicia en madeira en estaleiros galegos tradicionais. Recoñeceranse como barcos históricos de interese para o patrimonio cultural de Galicia os denominados barcos clásicos e barcos de época, embarcacións que se teñan deseñado ou adaptado para o seu uso de lecer, e que se atopen na actualidade matriculados en Galicia, con independencia da súa orixe, en función da súa antigüidade, os construídos en madeira por procedementos e técnicas tradicionais:

Barco clásico, o posto en servizo antes de 1950.

Barco de época, a embarcación posta en servizo entre 1950 e 1975.

Excepcionalmente poderán ter a consideración de barcos históricos en calquera das dúas categorías os construídos con posterioridade ás datas sinaladas, sempre que fosen construídos segundo o deseño dun barco histórico que poida acreditarse convenientemente e co uso de técnicas e materiais tradicionais da carpintaría de ribeira, ou os que con carácter singular e único acrediten un valor sobranceiro.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas para garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

As administracións públicas comprometerán entre as súas actividades, no relativo ás súas competencias, responsabilidades e dispoñibilidades orzamentarias, as medidas que correspondan co rexistro, difusión e valoración da técnica de construción tradicional da carpintaría de ribeira, coas accións que permitan a súa permanencia coa busca dunha funcionalidade activa na sociedade e unha imaxe positiva e representativa das súas comunidades e do pobo galego en xeral.

Con este obxecto, ademais das medidas de carácter xeral para a investigación, documentación, inventario e rexistro das diferentes manifestacións de carácter inmaterial e os bens mobles e inmobles asociados a ela, proponse o desenvolvemento das seguintes medidas específicas de salvagarda da carpintaría de ribeira:

1. Órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Os portadores do patrimonio inmaterial deben ser os seus xestores principais a través de persoas, comunidades ou organizacións que teñan unha representación lexítima e a vontade da súa continuidade e transmisión, polo que a Administración debe reservar a súa actividade neste eido en materia de apoio e asesoramento.

Enténdese como portador o depositario da memoria, habelencia técnica e recoñecida mestría tradicional para o deseño, a dirección e execución da construción e os traballos de mantemento das embarcacións, e por tal motivo e de xeito provisional, considérase que debe estar conformada pola entidade que representa os carpinteiros de ribeira, que é a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari) e polos usuarios das embarcacións que fan do seu uso a mellor medida para a súa conservación e difusión, para as cales se propón o recoñecemento tanto das confrarías de pescadores como dos usuarios de lecer agrupados en diversas asociacións na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar).

Así mesmo, co obxecto de ofrecer asesoramento técnico e apoio organizativo, considérase que deben formar parte do órgano de xestión persoas de recoñecido prestixio que poidan mellorar a eficacia e o alcance das medidas de salvagarda propostas, e persoal responsable en diferentes aspectos relacionados coa administración das propias embarcacións e a protección do patrimonio cultural de Galicia.

1.1. Obxectivos e tarefas do órgano de xestión.

Sen prexuízo do establecido no artigo 71 devandito, e sen que a relación supoña unha limitación pechada ou excluínte de todas aquelas actividades que poidan redundar na mellor salvagarda da manifestación, os obxectivos e tarefas específicas deste órgano de xestión, que contarán co apoio técnico e organizativo da Administración autonómica, serán:

a) Informar coa consideración de órgano asesor segundo o determinado no artigo 7.2.g) da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, nos procedementos de clasificación do patrimonio cultural relacionados coas técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

b) Propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros de ribeira e de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, despois da petición motivada do seu propietario.

c) Colaborar na elaboración de censos relacionados coas técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, co consentimento das persoas interesadas.

d) Recoñecer singularmente modelos de embarcacións como embarcacións tradicionais galegas ou barcos históricos.

e) Validar os documentos técnicos en que se definan os modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas e en que se estableza a descrición detallada dos materiais, do proceso, técnicas e ferramentas para a súa construción e as súas características morfolóxicas e de navegación.

f) Informar e valorar os riscos que poidan afectar a integridade e salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, e trasladar á Administración o informe que os detalle e, se for o caso, as medidas correctoras e de salvagarda que consideren acaídas.

g) Informar sobre novas técnicas, materiais ou procesos que poidan ser aplicados ás embarcacións tradicionais por petición de mestres carpinteiros de ribeira recoñecidos, e a súa compatibilidade cos valores culturais identificados.

h) Outras tarefas complementarias de colaboración do órgano de xestión:

i. Posta en común a información de que se dispoña sobre embarcacións que, polas súas características, merezan un recoñecemento específico e concreto.

ii. Documentación doutras manifestacións do patrimonio cultural inmaterial relacionadas co patrimonio marítimo e fluvial e propoñer o seu recoñecemento ou medidas de salvagarda, fomento e transmisión complementarias.

iii. Elaboración dunha guía de boas prácticas en materia de preservación, seguindo os criterios descritos na Declaración de Barcelona do European Maritime Heritage no tocante a traballos de restauración.

iv. Transmisión dos coñecementos técnicos dos carpinteiros de ribeira, desde a recolla e sistematización ata á súa difusión.

v. Representación dos portadores da manifestación do patrimonio cultural inmaterial con respecto e conforme aos criterios e desexos que estes manifesten no eido da súa interpretación e salvagarda.

1.2. Proposta de composición.

O órgano de xestión estará composto inicialmente por un número non superior a nove membros, que acrediten o seu coñecemento da materia, con voz e voto, sen prexuízo de que poidan asistir e ser asistidos polas persoas que se considere necesario en función dos obxectos ou tarefas que se desenvolvan nun momento concreto, e nos cales os portadores da manifestación teñan unha maioría dos membros.

Se ben a súa composición poderá ser variada pola propia decisión do órgano de xestión, no caso de que se considere máis eficaz para as tarefas de colaboración e información, a representación inicial comporase de:

• Tres persoas en representación dos portadores e mestres carpinteiros de ribeira (propostas pola Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira, Agalcari).

• Dúas persoas en representación dos usuarios das embarcacións tradicionais (propostas unha por Culturmar e outra pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores de Galicia).

• Unha persoa en representación do Colexio de Enxeñeiros Navais de Galicia.

• Unha persoa designada por Portos de Galicia.

• Unha persoa de prestixio recoñecido no campo das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira e das embarcacións tradicionais, nomeada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Unha persoa do persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que dará traslado á Administración da información que corresponda.

1.3. Funcionamento en tanto non se constitúa o órgano de xestión.

No caso de que o órgano de xestión non estea constituído, poderá procederse á inclusión do exercicio das medidas de salvagarda a través dos procedementos ordinarios e con carácter xeral recollidos no título V da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar todos os informes con carácter técnico que considere necesarios para a execución das devanditas medidas, en especial as de inclusión no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia.

2. Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestionará un censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no cal as embarcacións serán anotadas, despois do informe do órgano de xestión ou os informes técnicos que correspondan, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos.

O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e completarase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación (unha en seco e outra navegando), se ben o formato e contidos concretos poderán ser revisados e actualizados segundo as orientacións e recomendacións do órgano de xestión.

A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia será voluntaria, sempre, co consentimento explícito das persoas propietarias, e os seus datos de contacto serán protexidos conforme a lexislación vixente.

Corresponderá á persoa solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos que aquí se describen, sen prexuízo do posterior recoñecemento por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O órgano de xestión poderá propoñer o recoñecemento como embarcacións tradicionais galegas ou barcos históricos con base nos estudos ou publicacións existentes, na documentación achegada polo interesado e no coñecemento experto dos seus membros, en tanto non existan ou se validen os documentos técnicos en que se definan os modelos tipolóxicos.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá proceder ao recoñecemento nas mesmas condicións seguindo os trámites previstos na lexilación vixente coa base da mesma información.

O Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia será obxecto de continua actualización, e as súas incorporacións serán comunicadas e anunciadas conforme o establecido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

A súa inclusión non implica nin a declaración de ben de interese cultural nin a catalogación da embarcación, o que será, no caso de que concorran circunstancias que así o xustifiquen, obxecto dun expediente independente conforme o determinado no título I da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, e os decretos que desenvolven as proteccións segundo os diferentes niveis e réximes.

Posto que a función do censo é documentar e difundir os valores culturais das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, a incorporación non suporá, en ningún caso, a cesión dos dereitos, deberes ou responsabilidades dos titulares das embarcacións nin implicará a obriga do seu mantemento nin conservación para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, responsable da xestión do censo.

As embarcacións incluídas no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, para os efectos de promover a súa salvagarda, terán a consideración de embarcacións tradicionais ou buques históricos e serán obxecto das exencións e bonificacións previstas na lexislación vixente en materia de navegación marítima e portos dependentes da comunidade autónoma, sen prexuízo do cumprimento do resto de condicións que nas devanditas normas se establezan, así como das axudas que, en función das dispoñibilidades orzamentarias, as administracións poidan establecer para a súa conservación e mantemento. O mero recoñecemento non implicará a aplicación inmediata das devanditas exencións ou bonificacións, que deberán ser tramitadas polos interesados conforme os trámites e procedementos establecidos para iso.

3. Bens mobles, inmobles e espazos de interese vinculados.

A Administración promoverá a inclusión das carpintarías de ribeira no Censo do Patrimonio Cultural recollido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, con especial interese naquelas en que se siga a manter a actividade tradicional, así como aquelas en que, a pesar de ter sido abandonadas, fican aínda de forma recoñecible e maioritaria elementos de interese para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

Tamén poderán ser obxecto desta medida de salvagarda os espazos portuarios relacionados coas embarcacións tradicionais e as súas actividades.

Será de especial interese para a protección que se conserven os lugares en que se producen as actividades, coas necesarias medidas para facilitar a vixencia e prórroga das concesións administrativas ou títulos baixo os que operan as carpintarías de ribeira, sempre que non supoñan unha deturpación grave da súa contorna e valores de carácter natural da costa, e procurando a súa compatibilidade co uso público e o goce do medio e da paisaxe, tanto no marco das dinámicas ou limitacións dos ámbitos naturais como dos urbanizados.

No caso de que poida considerarse acaída a protección dos bens inmobles e mobles relacionados coas carpintarías de ribeira, deberá terse en conta o criterio xeral de que a salvagarda non implica necesariamente a protección material das súas construcións, que como se vén de definir, en moitas ocasións teñen un carácter efémero e non dispoñen de valores arquitectónicos, industriais ou técnicos de seu.

Si deben manterse aqueles aspectos que son necesarios para a súa actividade, como é o acceso ao material, o espazo para a realización dos traballos e o acceso á saída da embarcación, moitas veces materializado a través de ramplas e cantís.

En cada caso deberán avaliarse cales son os valores culturais concretos das construcións, procurando o mantemento das súas características esenciais.

A protección non comportará, agás en casos excepcionais convenientemente xustificados, a imposibilidade da realización da actividade ou a súa adaptación, nin a compatibilidade con outros usos, especialmente os públicos e culturais ou os previstos noutras figuras de planificación ou protección do medio.

A inclusión no Censo das carpintarías de ribeira non implica a súa protección como patrimonio cultural inmoble polos seus valores culturais propios, o que será, no caso de que concorran circunstancias que así o xustifiquen, obxecto dun expediente independente conforme o determinado no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e os decretos que desenvolven as proteccións segundo os diferentes niveis e réximes.

Non suporá tampouco en ningún caso a cesión dos dereitos, deberes ou responsabilidades derivados da súa titularidade, nin implica a obriga para o responsable da xestión do rexistro do seu mantemento nin conservación, xa que a súa función é a de documentar e difundir os seus valores culturais. Estes valores culturais son necesariamente o de ser representativos da manifestación do patrimonio cultural inmaterial que se protexe, así como os de carácter histórico e etnolóxico. En cada caso en particular deberá avaliarse tamén a posibilidade de incluír a relación de bens mobles asociados, nomeadamente as formas, gálibos e ferramentas empregadas na actividade.

4. Investigación e recollida doutras manifestacións inmateriais relacionadas coa carpintaría de ribeira.

A Administración promoverá tamén a realización dun censo de mestres carpinteiros de ribeira, entendido como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural recollido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. O recoñecemento dun mestre carpinteiro de ribeira poderá ser solicitado por calquera persoa, comunidade ou organización, sempre que conste o consentimento explícito da persoa e algunha proba significativa do seu traballo.

O órgano de xestión que se estableza como garante das medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira avaliará o contido da proposta, procurando con especial interese recoller os detalles propios de cada unha das persoas identificadas e que constituirán o retrato auténtico dos portadores do saber.

Así mesmo, promoverase o estudo, investigación e desenvolvemento de actividades que permitan a identificación e rexistro, para unha posterior difusión, doutras manifestacións culturais relacionadas con este patrimonio cultural, en especial aquelas de carácter inmaterial que se refiran a modos e técnicas de navegación para a pesca e a cabotaxe, coñecementos de meteoroloxía e estado do mar, terminoloxía propia da actividade, como a toponimia do mar e das localizacións de referencias.

En calquera caso, os devanditos traballos poderán estenderse, na medida en que a información dispoñible ou os indicadores sobre a eficacia das medidas de salvagarda o aconsellen, á identificación de bens mobles e inmobles relacionados coa carpintaría de ribeira (instalacións e ferramentas) e as embarcacións tradicionais, nas condicións indicadas nos puntos 2 e 3 devanditos.

5. Difusión nas plataformas dixitais institucionais da Xunta de Galicia.

A información, rexistros e censos que se elaboren, así como outra información sobre actividades de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da técnica de construción das embarcacións tradicionais, será posta ao dispor de calquera persoa interesada a través das plataformas dixitais institucionais da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que poida chegarse aos acordos necesarios para que toda a información, ou parte dela, poida ser empregada por asociacións, grupos ou colectivos cos mesmos obxectivos de protección, conservación e difusión do patrimonio cultural.

Así mesmo, procurarase a colaboración destas organizacións na elaboración das medidas de salvagarda, na monitorización da súa eficacia e na necesaria revisión e implementación de medidas complementarias de salvagarda que se conclúan como necesarias.

6. Outras actividades de salvagarda.

Recoñécense como actividades que colaboran na salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, aquelas que promovan o encontro e participación ao redor dos procesos, os lugares, as embarcacións e a súa navegación, en especial os encontros, as concentracións e as regatas de embarcacións tradicionais e de barcos históricos, así como todas aquelas actividades culturais que se centren nas persoas portadoras do saber, no seu traballo, e nas embarcacións, tanto con carácter científico como de divulgación.