Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 25961

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR815A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas que promovan a innovación e a xestión eficiente do coñecemento en cooperación, e que contribúan a mellorar o impacto e a calidade da axuda para o desenvolvemento a través da investigación. No IV Plan director da Cooperación Galega (2018-2021) apóstase por reforzar a cultura de avaliación, investigación e aprendizaxe colectiva.

O dito IV Plan director enmárcase na nova axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e os seus 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), buscando acadar unha transformación global de cara á sustentabilidade económica, ambiental e social. Os retos formulados polos ODS requiren unha abordaxe práctica que proporcione solucións innovadoras aproveitando o coñecemento científico e tecnolóxico, ademais de cambios no comportamento individual e colectivo.

A universidade é o espazo fundamental para o desenvolvemento da investigación, e é ademais o espazo axeitado para impulsar a innovación e cambios de comportamento que nos sitúen na senda do cumprimento dos ODS.

Tendo en consideración isto, é pertinente aprobar as bases reguladoras do ano 2019 para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, que executarán investigadores/as individuais ou equipos de investigación das universidades galegas.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019 e 2020 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.444.0 pola contía total de 150.000 euros (75.000 euros no ano 2019 e 75.000 euros no ano 2020).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.5 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas

Artigo 1. Obxecto

A presente convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo PR815A) para:

– Realizar proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sustentable, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular, aliñados cos ODS de Nacións Unidas.

É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea claramente relacionado con esta área, e non serán financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.

– Crear grupos de investigación, unidisciplinares ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e destinatarios/as

2.1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).

2.2. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas deberán realizar as actuacións planificadas para acadar os resultados esperados coa maior dilixencia, facer un seguimento adecuado delas e elaborar os informes xustificativos intermedios e finais, así como permitir e favorecer a obtención de información necesaria por parte da Administración concendente.

2.3. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas disporán de liberdade de pensamento e expresión dentro das prácticas e principios éticos recoñecidos e poderán exercer os dereitos de propiedade intelectual e dereitos de autor derivados dos resultados das actividades de investigación desenvolvidas, tendo en conta que os citados resultados están ao servizo dos obxectivos da cooperación para o desenvolvemento. As publicacións científicas resultantes da subvención outorgada deberán ser enviadas á Administración concedente cando sexan obxecto de difusión, respectando en todo caso os dereitos de propiedade intelectual mencionados.

2.4. Para os efectos destas axudas, enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que baixo a dirección dun deles desenvolve un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas letras d) e e) do punto seguinte.

2.5. O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:

Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutores ou axudantes doutores, contratados dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.

Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, especialmente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.

Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.

Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para realizar tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.

2.6. O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na letra a) do punto 3 deste artigo.

2.7. Ningún/ha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto ou estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.

2.8. Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d) e g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos.

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Ser unha universidade do SUG.

b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos que deben reunir as entidades agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter asinado un contrato ou acordo de colaboración coa entidade líder da agrupación polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

3.3. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2019, polo que será necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2019. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberase executar antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios da Cooperación Galega, consonte o establecido no IV Plan director 2018-2021), sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para proporcionar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur.

c) Ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento (non serán financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión) e atoparse aliñados coa Axenda 2030.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

e) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia é necesario; non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

As solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

5.1. A solicitude de subvención cubrirase electronicamente consonte o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme o que establece o artigo anterior. A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente.

5.2. Coa citada solicitude xuntarase a documentación que se recolle a continuación (carpeta 1) e do proxecto (carpeta 2), que se presentará no modelo oficial de formulación deste. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Anexo II: declaración responsable da persoa que posúa a representación legal de cada unha das entidades solicitantes na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

b) Certificados emitidos pola universidade a que pertence a persoa destinataria ou equipo de destinatarios que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 destas bases e autoricen a participación no proxecto e o compromiso de gasto correspondente.

c) Curriculum vitae normalizado acreditativo dos méritos alegados pola persoa investigadora, equipo ou grupo de investigación.

d) Estratexia ou traxectoria de investigación do persoal investigador e/ou equipo de investigación de cara aos vindeiros catro anos en que se inclúa a proposta presentada.

Carpeta 1: información relativa á/s entidade/s agrupada/s.

a) Anexo II: declaración responsable da persoa que posúa a representación legal de cada unha das entidades agrupadas na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

b) Memoria da organización en Galicia onde se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos e onde consten, de ser o caso, as investigacións en que teñen colaborado.

c) Plan/estratexia de cooperación para o desenvolvemento ou educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado.

d) No caso de agrupación, o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que posúan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e das achegas propias que deberá executar cada unha delas en cada anualidade. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.

e) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.2, letra b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O dito documento estará asinado pola persoa que posúa a representación legal da entidade.

Carpeta 2: información sobre o proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (os de formulación técnica e o do orzamento do proxecto), que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderase formular directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal.

5.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirá a avaliación do proxecto, se non se realiza a súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas letras d) da carpeta 1 da entidade solicitante; b) e c) da carpeta 1 das entidades agrupadas e dos documentos de formulación técnica e orzamento do proxecto (carpeta 2).

5.4. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5.5. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5.6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

NIF da entidade solicitante.

DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante

Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións

Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos

Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

• Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

• Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto.

7.2. Nas propostas presentadas por un/ha investigador/a individual para realizar un proxecto de investigación a subvención concedida non superará en ningún caso os 15.000 €. Nas presentadas por un equipo ou grupo de investigación, a subvención concedida non superará os 30.000 €.

7.3. Nas propostas presentadas para crear un grupo de investigación a subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €.

7.4. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase da seguinte maneira: o 50 % no ano 2019 e o 50 % no 2020.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables, con independencia de por quen sexan financiados, os custos directos e os indirectos do proxecto.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto ou do grupo de investigación.

a) Material funxible necesario para realizar a investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación. O material funxible de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da subvención solicitada.

b) Persoal contratado especificamente para colaborar, con dedicación total ou parcial, nas actividades de investigación do proxecto ou na posta en marcha do grupo de investigación.

O persoal que se contrate non poderá ter outro contrato vixente coa universidade que exixa dedicación a tempo completo.

A universidade poderá presentar como achega financeira propia os contratos vixentes do persoal vinculado a ela estatutaria ou contractualmente, sexan a tempo parcial ou completo.

c) Viaxes e axudas de custo para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

d) Outros gastos necesarios para realizar a investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación, como por exemplo gastos vinculados á obtención e xestión de información (enquisas, tratamento de datos…), gastos de publicidade e/ou difusión...

3. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e/ou supervisión, sen que estes poidan exceder o 10 % da subvención solicitada.

8.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os gastos de capital e material inventariable (incluídos tabletas, ipads, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas…).

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

8.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 9. Criterios de valoración

As propostas que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

9.1. Criterios aplicables para realizar proxectos de investigación:

Polo que respecta á valoración dos aspectos relacionados coa persoa, equipo ou grupo destinatario:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico-técnica do/da investigador/a individual e do equipo de investigación para a realización do proxecto. Contribucións recentes relacionadas coa área temática do proxecto. Máximo: 10 puntos.

2. Adecuación do perfil e tempo de dedicación do/da investigador/a individual e do tamaño, composición e dedicación do equipo do proxecto aos seus obxectivos. Máximo: 15 puntos. Valoraranse positivamente os seguintes aspectos:

– A dedicación exclusiva ao proxecto. Máximo: 3 puntos.

– A participación de doutores. Máximo: 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras. Máximo: 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas. Grao de multidisciplinariedade do equipo. Máximo: 3 puntos.

– Participación de investigadores/as de universidades do Sur Global e/ou doutros axentes do sistema da axuda, especialmente ONGD. Máximo: 3 puntos.

3. Adecuación do proxecto de investigación ás liñas de investigación contidas na estratexia de investigación do persoal investigador e/ou do equipo de investigación de cara aos vindeiros anos. Valorarase especificamente que Axenda 2030 estea imbricada na estratexia de investigación. Máximo: 5 puntos.

4. Proxecto presentado en agrupación de entidades. Máximo: 5 puntos.

Polo que respecta á valoración do proxecto de investigación:

5. Antecedentes do proxecto. Coñecemento do estado da arte do tema que se vai abordar. Máximo: 10 puntos.

6. Calidade técnica do proxecto en relación cos obxectivos propostos. Máximo: 20 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Claridade no desenvolvemento do proxecto.

– Impactos tanxibles en materia de cooperación para o desenvolvemento en termos de desenvolvemento humano sustentable e en cumprimento da axenda 2030 e os seus obxectivos e metas.

– Adecuación da proposta aos criterios sectoriais e xeográficos da Cooperación Galega.

– Novidade e relevancia dos obxectivos propostos.

7. Metodoloxía, viabilidade e plan de traballo. Máximo: 17 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Adecuación do plan de traballo, cronograma e metodoloxía empregada.

– Coherencia xeral do deseño do proxecto.

– Adecuación do orzamento ás actividades previstas. Relación entre custos-resultados esperados.

8. Resultados e aplicabilidade do proxecto de investigación. Máximo: 18 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Aplicabilidade práctica dos resultados da investigación.

– Replicación e sustentabilidade dos resultados da investigación.

– Plan de difusión e, de ser o caso, de explotación dos resultados do proxecto.

9.2. Criterios aplicables para crear grupos de investigación:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico-técnica do equipo de investigación e de cada un dos seus membros. Contribucións recentes relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento e a Axenda 2030. Máximo: 15 puntos.

2. Composición, estrutura, tamaño e coherencia do grupo e da súa actividade. Máximo: 15 puntos.

– A participación de doutores. Máximo: 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras. Máximo: 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas. Grao de multidisciplinariedade do equipo. Máximo: 3 puntos.

– Dimensión interuniversitaria. Máximo: 3 puntos.

– Participación de investigadores/as de universidades do Sur Global e/ou doutros axentes do sistema da axuda, especialmente ONGD. Máximo: 3 puntos.

3. Actividade investigadora (no período 2012-2018). Máximo: 45 puntos.

– Teses de doutoramento en cooperación internacional para o desenvolvemento ou materias afíns, defendidas no período 2012-2018 / número de investigadores do grupo. Número de contratados predoutorais e posdoutorais. Máximo: 10 puntos.

– Número de proxectos de convocatorias de ámbito autonómico, estatal e internacional. Número de contratos ou convenios con outras institucións. Número de redes de ámbito estatal e/ou internacional ás cales pertence. Máximo: 15 puntos.

– Número de publicacións en revistas, en temáticas relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento. Número de libros e capítulos de libros publicados relacionados coa cooperación Internacional para o desenvolvemento. Publicacións de actas de congresos internacionais relacionadas coa Cooperación Internacional para o desenvolvemento. Número de conferencias en congresos internacionais relacionadas coa cooperación Internacional para o desenvolvemento. Máximo: 20 puntos.

4. Estratexia do grupo de investigación para os vindeiros anos e adecuación desta á Axenda 2030. Máximo: 10 puntos.

5. Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo. Máximo: 5 puntos.

6. Aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo. Máximo: 5 puntos.

7. Potencialidades da solicitude para satisfacer as necesidades científico-tecnolóxicas na nosa sociedade e nos países prioritarios da Cooperación Galega. Máximo: 5 puntos.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, serán requiridas as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanse realizar electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. A valoración das solicitudes realizarase a partir das valoracións feitas por un conxunto de avaliadores expertos externos ao SUG, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG). Esta avaliación remitirase á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución.

A comisión de selección adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3º, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

13.2. Para superar a fase de valoración será necesario, no caso das propostas para a realización de proxectos de investigación (art. 9.1 destas bases), acadar unha puntuación mínima do 50 % en cada unha das dúas partes. No caso das propostas para crear grupos de investigación (art. 9.2 destas bases), acadar unha puntuación mínima do 50 % do total.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. A repartición das axudas farase tendo en conta as diferentes ramas de coñecemento, garantindo un 25 % das axudas concedidas para as áreas de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas e outro 25 % para ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura. O 50 % restante será distribuído por orde de puntuación, independentemente da rama de coñecemento.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

13.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no IV Plan director da Cooperación Galega 2018-2021 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá o procedente.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberase efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De se produciren renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderanse destinar a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, e será obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo III: solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada dixitalmente polo representante legal da entidade beneficiaria.

b) Anexo II: declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

18.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira, de acordo coas previsións do artigo 19.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo III: solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada dixitalmente polo representante legal da entidade.

b) Anexo II: declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos proxectos realizarase sobre o seu custo total, incluídas, de ser o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.

19.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para realizar as actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite do 31 de marzo de 2020.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a segunda anualidade, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Para presentar os informes de seguimento e final, deberase utilizar o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/.

19.4. Para xustificar a primeira anualidade, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo IV, xunto cos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que posúa a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto, de conformidade co previsto, e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

b) Informe de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico– conómica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto realizados e pagados na primeira anualidade, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, emitida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, asinada dixitalmente. Xuntarase unha relación dos gastos, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

19.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo V e que constará de dúas partes:

1ª parte: xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que posúa a representación legal da entidade solicitante acreditativa da total execución do proxecto, de conformidade co previsto, e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

2ª parte: xustificación económica, que comprenderá:

– Certificación dos gastos da totalidade do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, emitida pola Intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Xuntarase unha relación dos gastos, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

– Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

– Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura no anexo II.

19.6. Custos indirectos (non excederán o 10 % da subvención solicitada): aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e supervisión. Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante, mediante unha certificación da persoa que posúa a representación legal.

19.7. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobacións da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

19.8. No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de maneira inmediata a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Asemade, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderanse descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/.

Os documentos o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberan incluír o seguinte paragrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

20.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, a composición do equipo ou grupo de investigación, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade da «Xunta de Galicia», localizada na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas deberán proceder ao reintegro da totalidade destas, no caso de incumprimento pleno, ou á parte proporcional, no caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e fins para os cales se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación darán lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se deberá reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención, e sempre que o cumprimento por parte da entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite por estas unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, polo Tribunal de Contas español e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

25.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

25.3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, consonte co que establece o Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, para a súa tramitación e publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto fose expreso. Se este non o fose (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpolo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos basease no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia coa finalidade de garantir unha maior transparencia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file