Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 25995

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR815A).

BDNS (Identif.): 456889.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Para os efectos destas axudas, enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que baixo a dirección dun deles desenvolve un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas alíneas d) e e) do punto seguinte.

O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:

a) Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutores ou axudantes doutores, contratados dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva ou Marie Curie (neste último caso sempre que teñan adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

b) Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG, ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.

c) Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, sobre todo axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.

d) Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.

e) Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para realizar tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.

O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na alínea a) do punto anterior.

Ningún/ningunha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto ou estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, alíneas b), c), d) e g), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Segundo. Obxecto

A presente convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (procedemento PR815A) para:

a) Realizar proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sustentable, consonte a Axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular, aliñados cos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) de Nacións Unidas.

Cómpre que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea claramente relacionado con esta área, e non serán financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.

b) Crear grupos de investigación, unidisciplinares ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR815A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 150.000 euros (75.000 euros no ano 2019 e 75.000 euros no ano 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.444.0.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto.

Nas propostas presentadas por un/unha investigador/a individual para realizar un proxecto de investigación, a subvención concedida non superará en ningún caso os 15.000 €. Nas presentadas por un equipo ou grupo de investigación, a subvención concedida non superará os 30.000 €.

Nas propostas presentadas para crear un grupo de investigación a subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 50 % no ano 2019 e o 50 % no 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza