Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 26019

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento PR809A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade, en prol da configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015 seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A dita Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece como prioridade en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento a potenciación dos axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Do mesmo xeito, vénse establecendo nos plans directores da Cooperación Galega, como unha das súas liñas de actuación, o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación.

Con estas bolsas preténdese apoiar a formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica das persoas tituladas universitarias con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou nas unidades de cooperación no exterior (UCE) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta axencia e a Xunta de Galicia.

Neste sentido, por medio desta orde establécense as bases reguladoras para a convocatoria de seis bolsas de formación na materia de cooperación internacional para o desenvolvemento. Pola súa vez, convócase a concesión das ditas bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 e aos correspondentes para o ano 2020, de acordo coas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Bases reguladoras e convocatoria

1. Aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se inclúe no anexo I desta orde (código de procedemento PR809A).

2. Convocar a concesión de seis bolsas de acordo coas ditas bases reguladoras. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 98.485,52 €, que se distribuirá da seguinte maneira: 95.000 € (40.000 € para o ano 2019 e 55.000 € para o ano 2020), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.480.0, e 3.485,52 € (1.161,84 € para o ano 2019 e 2.323,68 € para o ano 2020), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.484.0, que se destinarán ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social, respectivamente.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 3.485,52 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por continxencias comúns e profesionais.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia coa finalidade de garantir unha maior transparencia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira

A todo o non previsto nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional quinta

De conformidade co previsto no artigo 4.5 da Orde do 29 de decembro de 2017 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición adicional sexta

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de seis bolsas destinadas á formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento para o ano 2019

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, ou no exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2009 ou posterior.

c) Non ter gozado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que nalgunha convocatoria anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

d) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, calquera que sexa esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as cales se convocan as bolsas.

f) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

Terceira. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias desta bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.

4. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade representante.

• Datos de residencia da persoa solicitante con data da última variación padroal.

• Titulación oficial universitaria.

• Título de lingua galega Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente só no caso de estaren expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de presentar un título estranxeiro, validación pola Administración educativa española.

b) Na falta do título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente.

c) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario establecido como requisito na base segunda. Deberase presentar certificación expedida pola universidade correspondente na cal necesariamente se deberá incluír a nota media simple obtida.

d) Currículo vítae da persoa solicitante xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Os méritos que non estean acreditados documentalmente, de acordo co sinalado na base oitava, non serán tidos en conta, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base sexta.

e) Memoria sobre a materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación, en que a persoa solicitante expoña os seus coñecementos e intereses neses ámbitos. A dita memoria deberá estar redactada en galego ou castelán. A non presentación desta memoria suporá a exclusión da persoa candidata, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base sexta.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Cos documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberá xuntarse unha tradución xurada.

7. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. O prazo para presentar a solicitude e a documentación sinalada no punto 5 da base terceira será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Cuarta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinta. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, consonte o que establece o Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web https://cooperacion.xunta.gal/ (en diante, páxina web). Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na páxina web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Sétima. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados na seguinte base, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais:

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa experta en cooperación para o desenvolvemento designada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Unha persoa designada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

3. A comisión de valoración constituirase na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web.

5. A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Oitava. Procedemento de adxudicación das bolsas e criterios de valoración

1. Na primeira fase a comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo, ata un máximo de 20 puntos:

a) Estudos de posgrao directamente relacionados coa materia obxecto das bolsas de formación. Por ter cursado un máster universitario específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria: 5 puntos; por ter cursado un curso de experto ou especialista universitario específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria: 3 puntos. A puntuación máxima desta epígrafe é de 8 puntos. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado coas materias anteriormente sinaladas.

b) Outras titulacións universitarias de grao ou posgrao. Por estar en posesión doutros títulos universitarios, distintos do establecido na base segunda como requisito para participar na convocatoria: 0,5 puntos por titulación, cun máximo de 1 punto nesta epígrafe.

c) Expediente académico. Pola nota media do título universitario establecido como requisito para participar na convocatoria na base segunda: 0,5 puntos pola cualificación de notable e 1 punto pola cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra.

d) Por coñecemento da lingua galega: ata un máximo de 1 punto. A valoración do certificado de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior:

• Por estar en posesión do certificado Celga 4, titulación equivalente ou superior: 1 punto.

• Por estar en posesión do certificado Celga 3 ou titulación equivalente: 0,5 puntos.

e) Por coñecemento do idioma inglés, francés e/ou portugués: ata un máximo de 2 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior da mesma lingua:

• Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 1 punto.

• Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 0,5 puntos.

• Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 0,25 puntos.

f) Por cada curso de formación na materia de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria de 18 ou máis horas: ata un máximo de 2,5 puntos:

Valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación.

g) Por outros cursos de formación, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 1 punto:

Valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación.

h) Pola participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria: 0,25 puntos por cada mes, ata un máximo de 2,5 puntos.

i) Pola realización de accións de voluntariado social: 0,25 puntos por cada mes, ata un máximo de 1 punto.

A acreditación dos estudos/titulacións realizarase mediante copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

A valoración do expediente académico realizarase utilizando a nota media simple, consonte a normativa sobre valoración de expedientes académicos da consellería competente na materia de ordenación universitaria.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos a que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 128, do 7 de xullo). Valorarase nesta epígrafe o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos no punto 1.e) desta base.

O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o documento acreditativo do seu coñecemento, no caso de estar expedido por órgano competente distinto da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Nas epígrafes referidas a idiomas e cursos de formación non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica, coa excepción sinalada no parágrafo anterior.

A participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento e/ou acción humanitaria ou en accións de voluntariado social acreditarase mediante certificación expedida pola correspondente entidade onde se realizaron.

A comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados documentalmente, os cursos que non acrediten as horas de duración e os inferiores a 18 horas lectivas, os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares e aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase na páxina web unha listaxe provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte á exposición na páxina web. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións publicarase na páxina web a lista definitiva coa puntuación obtida na primeira fase e convocaranse os 18 aspirantes coa maior puntuación na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, con indicación da data e da hora de realización desta. No caso de que existise empate na puntuación no baremo de méritos entre a persoa aspirante que ocupe o número 18 e outras persoas aspirantes, serán convocadas para a entrevista todas elas.

3. A segunda fase consistirá nunha entrevista, que será valorada de 0 a 5 puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante a publicación na páxina web, a participar na entrevista persoal coa comisión de valoración na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, na cal se valorará a defensa da persoa aspirante da memoria sinalada no punto 5.e) da base terceira, o coñecemento da materia obxecto das bolsas e a súa capacidade de resposta, madureza, motivación e iniciativa. Para acceder a unha das bolsas convocadas será necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos na dita entrevista.

4. A comisión valorará, unha vez realizada a entrevista e tendo en conta a formación e o perfil das persoas aspirantes e o coñecemento dos idiomas dos países en que o español non sexa a lingua predominante, a idoneidade de cada unha das persoas candidatas en función dos destinos propostos.

5. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

Novena. Resolución e notificación

1. A comisión emitirá un informe coa relación das persoas propostas entre as solicitantes que acaden unha maior puntuación, con indicación dos destinos propostos para cada unha delas, facéndoa pública mediante a publicación na páxina web. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polas persoas solicitantes que superasen ambas as fases, segundo a orde de puntuación consecutiva, que se terá en conta para os supostos de renuncias ou baixas das persoas adxudicatarias.

2. O órgano instrutor, de acordo co informe da comisión de valoración, elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que ditará resolución, de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de catro meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Aceptación e renuncia

1. Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as persoas adxudicatarias das bolsas deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de dez (10) días hábiles.

2. Transcorrido o dito prazo, se as persoas beneficiarias non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa.

3. No suposto de que as persoas adxudicatarias non acepten a bolsa, ou renuncien unha vez aceptada, esta poderá ser adxudicada á seguinte persoa aspirante que figure na listaxe de reserva en función da súa puntuación, e do mesmo xeito se procederá no caso de renuncias sucesivas.

4. De non se presentaren solicitudes, ou de non acadaren as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

5. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince (15) días naturais de antelación á data en que desexa facela efectiva, mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Décimo primeira. Duración das bolsas, obrigas das persoas beneficiarias, plan formativo e contía da bolsa

1. Duración das bolsas.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2019 e 2020 cunha duración máxima de doce meses, con data de inicio prevista o 1 de setembro de 2019.

2. Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Achegar, xunto coa aceptación da bolsa no prazo sinalado na base décima, punto 1, a seguinte documentación:

• Certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

• Acreditación de dispor dun seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, con cobertura internacional para as persoas bolseiras destinadas no exterior e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da dita cobertura.

• Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, segundo o modelo do anexo III.

b) Presentar antes do primeiro pagamento e de cada un dos pagamentos mensuais:

• Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo III.

• Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade autónoma, segundo o modelo do anexo III.

c) Obter, pola súa conta, o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de gozo da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

d) Presentarse persoalmente ante o responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez (10) días naturais, para as persoas destinadas no exterior, e de tres (3) días naturais para as destinadas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa poderá ser reducida proporcionalmente.

e) Residir no lugar de destino durante o período de gozo da bolsa e non ausentarse del sen comunicación previa e autorización da persoa responsable da formación da persoa bolseira.

f) Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice o responsable da formación.

g) Entregar mensualmente ao responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea un informe da actividade realizada.

h) Desprazarse, cando así o acorde o responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou no organismo onde realiza as prácticas.

i) Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

j) Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

k) Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

l) Non estar vinculado, durante o período de gozo da bolsa, a ningún axente de cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

m) Presentar á persoa titular do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación para o Desenvolvemento, no prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, unha memoria detallada das actividades realizadas no seu destino.

n) Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Plan formativo.

Unha vez incorporada ao seu destino, a persoa bolseira desenvolverá o plan formativo establecido. O dito plan incluirá, polo menos, unha primeira parte en que a persoa bolseira se formará na estrutura, estratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitiralle formarse na práctica das fases do ciclo dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

A persoa titular do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación para o Desenvolvemento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea será a encargada de deseñar o plan formativo e de asesorar, orientar, dirixir e coordinar as tarefas da persoa bolseira, así como de avaliar o cumprimento dos obxectivos previstos no dito plan.

De ser o caso, as persoas beneficiarias desprazaranse á sede principal do organismo onde realicen as súas prácticas durante un período que establecerá a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, co fin de coñecer os responsables nos países onde se van realizar as estadías de formación, así como a estrutura, as estratexias e os programas do organismo correspondente.

4. Contía.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior, e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

As persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Esta axuda de viaxe ten a consideración de pagamento anticipado, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os gastos sinalados no segundo parágrafo terán que ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2019, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do mesmo xeito, no caso de existir dispoñibilidade orzamentaria, poderáselles facilitar ás persoas bolseiras a asistencia a cursos de formación ou a realización de misións específicas que a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea considere convenientes, mediante o aboamento dos gastos ocasionados con motivo desas actividades, logo de xustificación documental deles. Estes gastos deberán ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2019, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2019, e antes do 30 de agosto de 2020, no caso de cursos ou misións realizados na anualidade 2020, de acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Os billetes dos medios de trasporte axustaranse sempre ás tarifas máis económicas.

Os gastos sinalados nos parágrafos anteriores acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Décimo segunda. Aboamento das bolsas

1. O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, tras a presentación da correspondente certificación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea do bo aproveitamento das prácticas, de acordo coa emitida polo responsable do proxecto a que está adscrita a persoa bolseira.

2. No caso de se producir a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

3. Os pagamentos serán xestionados pola Habilitación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de maneira que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Décimo terceira. Natureza xurídica da relación e incompatibilidades

1. A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e a persoa beneficiaria, sen prexuízo da alta no réxime xeral da Seguridade Social de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

2. Estas bolsas son incompatibles co gozo doutras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados para os mesmos fins, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos ou premios).

Décimo cuarta. Cláusula xeral, modificación da resolución, revogación e renuncia

1. A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

4. A revogación da bolsa obrigará a persoa beneficiaria, de ser o caso, ao reintegro das cantidades percibidas, incluídos os xuros de mora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia, e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

5. A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Décimo quinta. Control e publicidade

1. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoas beneficiarias, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Décimo sexta. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, no caso de que o acto fose expreso. Se este non o fose (acto presunto), a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpolo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

missing image file
missing image file
missing image file