Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 29 de maio de 2019 Páx. 26209

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B).

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

No Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recóllese o compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, xunto coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres.

Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos promover a coeducación e promoción da igualdade e prevención da violencia contra as mulleres no eido educativo, coa implicación de todos os compoñentes que conforman a comunidade educativa.

No I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, instrumento de planificación coordinado pola Secretaría Xeral da Igualdade e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recóllese como medida de actuación «M13. Impulsar a formación e participación das familias a través das escolas de nais e pais como instrumento de acción coeducativa e de fomento da promoción da igualdade de oportunidades» en todos os seus eixes, destacando pola súa relación con esta resolución os eixes 4 «Educar desde a diversidade para unhas relacións afectivas e sexuais saudables e respectuosas, e para unha convivencia harmónica que integre a diversidade de xénero, sexual, e afectiva», eixe 5 «Traballar as relacións de uso abusivo do poder e a violencia sistémica no exercicio das relacións persoais, co fin de visibilizar os mecanismos que sustentan a violencia de xénero, e favorecer relacións pacíficas e positivas para todos os membros da comunidade», e no eixe 6 «Abordar a detección precoz e resposta eficaz e sistémica á violencia de xénero e outras formas de abuso, discriminación e violencia asociadas, con especial atención á prevención e compensación de situacións de discriminación múltiple».

No VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, tamén a promoción entre as familias do principio de igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres se inclúe tanto no seu capítulo 2 dedicado ás áreas estratéxicas de igualdade como no capítulo 3 en que se inscriben as dúas áreas estratéxicas de prevención e tratamento da violencia de xénero. Entre as medidas incluídas no VII Plan están as seguintes medidas: 2.1.2.3 Impulso da formación e a participación das familias como instrumento de acción coeducativa e de fomento da promoción da igualdade de oportunidades, 2.1.3.3 Fomento da implicación das familias nos programas de innovación educativa que promoven a igualdade de xénero, nomeadamente naqueles que inciden na erradicación dos estereotipos de xénero e 3.1.3.5 Fomento de iniciativas de prevención da violencia de xénero desenvolvidas desde o tecido asociativo, con especial incidencia no apoio e asesoramento ás familias sobre os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero e os recursos existentes para o seu apoio.

O Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 ten por finalidade a posta en marcha, a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nun reparto equitativo das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea que tratan de apoiar a conciliación da vida familiar e a vida profesional, a través da mobilización de instrumentos financeiros e instando á reorientación dos recursos existentes do orzamento da Unión Europea cara a investimentos prioritarios que contribúan á súa consecución.

O papel das familias para remover os estereotipos e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal é un fío condutor deste plan en que entre outras se atopa a medida 2.3. Sensibilizar e implicar as familias no fomento dos valores da corresponsabilidade para unha repartición das tarefas domésticas e de coidados libre de condicionamentos de xénero.

Por outra banda, ante o problema da violencia de xénero o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade en novembro de 2016 unha proposición non de lei pola que se instaba ao Goberno para promover a subscrición dun pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que seguise impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado.

A partir dese fito, desenvolvéronse traballos co fin de identificar e analizar os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero e que se estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, e propúxose alcanzar e implementar un pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tras varios meses de traballos, o 13 de setembro de 2017 o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe do relatorio de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero. Pola súa banda, o Congreso, na súa sesión plenaria do 28 de setembro de 2017, aprobou sen ningún voto en contra o Informe da Subcomisión para un pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

Ambos os dous informes, tras identificar a situación en que se atopa actualmente a loita contra a violencia de xénero en España e analizar os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas da violencia, recollen un conxunto de propostas de actuación para os próximos anos entre as que se inclúen especificamente as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais, Nacións Unidas e Consello de Europa.

Os dous textos, como indicaba a proposición non de lei, remitíronse ao Goberno para que os sometese a acordo cos representantes de comunidades autónomas, concellos, partidos políticos, Administración de xustiza, organizacións sindicais e empresariais e asociacións civís.

Este proceso culminou o 27 de decembro de 2017, coa ratificaron de común acordo por parte de todas as CCAA, do documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste documento recóllense, no seu eixe 1 de ruptura do silencio, sensibilización e prevención e, sobre todo, no ámbito da educación, varias medidas en que as familias e as asociacións de nais e pais teñen un importante papel e oportunidade de implicarse e impulsar a erradicación de estereotipos de xénero e a erradicación da violencia contra as mulleres (medidas 23, 27, 3, 26, 33 e 34).

De conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido no Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción da igualdade e a eliminación dos estereotipos de xénero e fomentar a coeducación e a participación das familias e asociacións de nais e pais, de cara a que o alumnado, os fillos e as fillas logren unha educación pola igualdade, que representa o primeiro paso para a eliminación das desigualdades entre mulleres e homes e previr e loitar a violencia que se exerce contra as mulleres.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar a formación, sensibilización, información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando as fillas e fillos, o alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero, polo que se considera oportuno realizar esta convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de formación, sensibilización, información para a erradicación de todas as formas de violencia contra as nenas as mozas e as mulleres.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.

3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás ANPA destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de trescentos mil euros (300.000 €), con cargo á aplicación 05.11.313D.481.2 código de proxecto 2018 00112, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo os resultados da avaliación das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución, realizada pola comisión de valoración única prevista no artigo 12 desta resolución.

Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia

1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas, federacións ou confederacións de ANPA solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPA do mesmo concello que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

Artigo 5. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, a realizar polas ANPA, federacións e confederacións de ANPA, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de maio de 2019 e o 30 de novembro de 2019, e que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e cos comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

2. Cada entidade ou agrupación de ANPA só poderá presentar unha solicitude de axuda, en que se poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no punto 1 deste artigo.

3. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 4.000 €, para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 7.000 € para as solicitudes conxuntas, que se presenten agrupadas, por dúas ou máis asociacións de nais e pais dun mesmo concello ou ben para as federacións ou confederacións de ANPA.

4. O importe da axuda calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 13 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

5. Na información, divulgación, difusión e publicidade que se realice destas medidas en calquera medio de comunicación social será obrigatorio que figuren os logotipos da Xunta de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.1 xerados no período comprendido entre o 1 de maio de 2019 e o 30 de novembro de 2019, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos das persoas relatoras (honorarios, aloxamento, transporte) e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo (obradoiro, obradoiro de teatro, xornadas, campañas de difusión, ...).

b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos.

2. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución e o compromiso do financiamento do custo do programa. Así mesmo conterá o seguinte:

– No caso de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2018/19.

– No caso de federacións e/ou confederacións de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que as compoñen, no curso 2018/19.

b) Anexo II-bis (só no caso de solicitude conxunta de dúas ou máis ANPA do mesmo concello): certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar os acordos de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución, o compromiso do financiamento do custo do programa e a ANPA representante para os efectos desta convocatoria. Así mesmo conterá o seguinte:

– Para cada unha das ANPA, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2018/19.

c) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de promoción da igualdade e de prevención de violencia de xénero para as cales se solicita axuda. A memoria descritiva fará referencia aos seguintes aspectos:

• Descrición da/das actividade/s propostas: contido, metodoloxía, medios materiais e persoais previstos, profesorado e/ou implicación do equipo directivo do centro educativo, implicación e/ou participación doutras entidades (locais, ONGs, centros de saúde, etc.) na actividade e persoa ou persoas responsables da súa execución.

• Lugar e data prevista de realización.

• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.

d) Estatutos vixentes da entidade.

e) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

2. A notificación dos requirimentos practicarase só por medios electrónicos, de acordo co sinalado no artigo 14 desta resolución e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución dos procedementos e comisión de valoración

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecerase unha comisión de valoración que será única para todas as solicitudes que se presenten ao abeiro desta convocatoria, estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade; contará con 6 vogais: a persoa titular do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, a persoa titular do Servizo de Fomento e a persoa titular do Servizo de Planificación e Programación; e un/unha traballador/a de cada unha das unidades de igualdade designada/o pola/o respectiva/o xefa/e territorial. Se por calquera causa algunha das persoas non puidesen asistir á reunión, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a presidencia da comisión.

A secretaría da comisión a exerceraa un/unha dos/das vogais dos servizos centrais da Secretaría Xeral da Igualdade.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 13, a comisión de valoración emitirá un informe, segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o correspondente órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que reunindo todos os requisitos e condicións non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

a) Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar ao que representan no curso académico 2018/19, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPA, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 20 puntos, de acordo co seguinte:

– No caso de ANPA, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 % 15 puntos; máis do 40 %, 20 puntos.

– No caso de federacións e confederacións, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas, 2 puntos por cada asociación ata un máximo de 20 puntos.

No caso de solicitude conxunta de dúas ou máis ANPA do mesmo concello que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes do total de representación do sumatorio das ANPA no total dos centros educativos aos que representan: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 % 15 puntos; máis do 40 %, 20 puntos.

b) Pola participación de outras entidades ou institucións na execución e desenvolvemento da/das actividade/s, ata 25 puntos (concello, ONGs, centros de saúde, colexio profesional,...); valorarase con 5 puntos por cada entidade colaboradora co programa/actividade ata un máximo de 25 puntos.

c) Domicilio do centro educativo situado en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao de urbanización (zonas densamente poboadas –ZDP–; zonas intermedias –ZIP–; e zonas pouco poboadas –ZPP–) segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 15 puntos, de acordo co seguinte:

– En ZDP: 5 puntos.

– En ZIP: 10 puntos.

– En ZPP: 15 puntos.

A cualificación dos concellos por grao ou subgrao de urbanización poderase consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para o caso de solicitude conxunta de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais, terase en conta o domicilio do centro educativo de cada unhas das ANPA que as constitúan, e valorarase do seguinte xeito:

– Máis do 65 % de concellos en ZPP: 15 puntos.

– Máis do 40 % e ata o 65 % de concellos en ZPP: 10 puntos.

– Ata o 40 % de concellos en ZPP: 5 puntos.

d) Por contar con páxina web propia e actualizada en que se difunda a actividade da ANPA ou da federación ou confederación: 5 puntos.

e) Calidade técnica da/das actuación/s e actividades para as que se solicita subvención (ata 20 puntos):

e.1. Contido técnico da/das actuación/s e actividades: ata 15 puntos. Valorarase a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, e a previsión do número de persoas que participarán, así como que se inclúan indicadores de seguimento e avaliación e/ou enquisas de satisfacción da actividade.

e.2. Innovación: ata 5 puntos. Valoraranse as actuacións e actividades innovadoras, especialmente cando incorporen novas tecnoloxías, ou métodos orixinais de información e difusión cara ás familias e/ou alumnado, como por exemplo, representacións teatrais, ou performance, concursos de ideas, realización de documentais ou outros de natureza análoga.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5 unha axuda do 100 % do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente segundo a puntuación obtida.

No caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde en que figura no número 1 deste artigo, empezando pola letra a) do número 1.1 ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade. A/o xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou do teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra estas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 17. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionada/s coa data límite 10 de decembro de 2019. De acordo co sinalado no artigo 8.6 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade.

b) Anexo V: certificación do gasto realizado, en que se incluirá a relación das facturas e outros gastos realizados, con identificación dos/das acredores/as cos seus NIF, o número e a data da factura, o concepto, o importe e a data de pagamento, asinada polo órgano competente da entidade.

c) Orixinais das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento.

Para poder ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de maio de 2019 o 30 de novembro de 2019, e estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación.

d) Memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:

– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de familias e persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de entidades (locais, de iniciativa social, ONGs, etc.) que participaron no desenvolvemento e execución da actividade.

– Así como aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.

A dita memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logo da Secretaría Xeral da Igualdade, e logotipo do Ministerio de Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, para os efectos de acreditar a realización da actuación ou actividade subvencionada.

e) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla da web...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 19 desta resolución.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da axuda deberá figurar no expediente a documentación acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 18. Pagamento da subvención

1. O importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución.

2. As xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do 25 % restante, ou a parte que corresponda, que se librará logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Para o caso de que non se xustificase a totalidade do gasto subvencionable tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela. En ambos casos a información e documentación terá que levar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade e ademais terán que levar o logotipo do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 21. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para a comprobación do cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI449B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.gal, ou no correo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou nos teléfonos da Subdirección Xeral da Igualdade 981 95 76 89, 981 95 77 83, e das unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).

Artigo 25. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase que os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións nas/nos xefas/es territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file