Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 29 de maio de 2019 Páx. 26245

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B).

BDNS (Identif.): 457835.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPA do mesmo concello que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

2. Ademais, as entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 4.000 €, para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 7.000 € para as solicitudes conxuntas, que se presenten agrupadas, por dúas ou máis asociacións de nais e pais dun mesmo concello ou ben para as federacións ou confederacións de ANPA.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos mil euros (300.000 €) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019

Susana López Abella
Secretaría xeral da Igualdade