Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 31 de maio de 2019 Páx. 26638

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2019 pola que se publica a relación definitiva de nenas e nenos admitidas/os e da lista de agarda para o curso 2019/20 nas escolas infantís 0-3 dependentes desta entidade.

Con data do 15 de marzo de 2019 publicouse a Resolución do 8 de marzo de 2019 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio para o curso 2019/20.

O día 10 de maio de 2019 publicouse a relación provisional de persoas admitidas, concedendo un prazo de 6 días para efectuar reclamacións. Transcorrido o dito prazo, comprobáronse as reclamacións presentadas.

De conformidade co disposto no artigo 14.1 da dita resolución, correspóndelle á Xerencia do Consorcio, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.

Así o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Facer pública a relación definitiva de persoas admitidas e da lista de agarda, onde figura a puntuación obtida, que se poderá consultar desde o día 31 de maio nas páxinas web: http://politicasocial.xunta.gal e http://www.igualdadebenestar.org, así como, nos respectivos centros.

Cada alumno/a só poderá ser adxudicatario/a dunha praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.

O prezo mensual que corresponda pagar de acordo coa normativa vixente en materia de prezos públicos consultarase no centro onde se formalice a matrícula.

O prazo para formalizar a matrícula é de 8 días contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, para o que deberá achegarse a seguinte documentación:

– Impreso de matrícula cuberto (facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web http://politicasocial.xunta.gal e http://igualdadebenestar.org).

– Copia da cartilla de vacinacións do neno ou da nena.

Segundo. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019

Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar