Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 4 de xuño de 2019 Páx. 26996

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2018 (código de procedemento DE401A).

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no seu artigo 5.1, letra e), establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte.

Conforme esta habilitación normativa e competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte establece con esta resolución os Premios do Deporte Galego do ano 2018, que recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é convocar os Premios do Deporte Galego do ano 2018 (código de procedemento DE401A).

Artigo 2. Convocatoria e categorías

Convócanse os Premios do Deporte Galego do ano 2018, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade.

5. Premio deportista revelación.

6. Premio ao mellor equipo feminino.

7. Premio ao mellor equipo masculino.

8. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.

9. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.

10. Premio ao/á mellor adestrador/a.

11. Premio ao/á mellor árbitro/a xuíz/a.

12. Premio ao mellor labor informativo.

13. Premio ao mellor evento deportivo.

14. Premio ao patrocinio deportivo.

15. Premio xogo limpo.

16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

17. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

18. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 3. Presentación de candidaturas

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as entidades deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, empregando o anexo que se xunta a esta resolución. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución ou do resultado do xurado.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que se inclúe como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

4. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarase preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións a conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa propoñente.

b) NIF da entidade propoñente.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Xurado

O xurado cualificador estará presidido pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica con competencias en materia de deporte e serán vogais: a persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a persoa titular da presidencia dunha entidade galega vencellada ao mundo do deporte que designará a Secretaría Xeral para o Deporte, as persoas titulares das xefaturas de servizos provinciais de deportes, a Xefatura de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados pola presidenta do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario/a un/unha funcionario/a designado/a pola Secretaría Xeral para o Deporte de entre as persoas que se atopan ao seu servizo, que terá entre outras funcións a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O/a secretario/a do xurado terá voz e voto nas súas reunións.

O acordo do xurado polo que se outorguen os diferentes premios será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 9. Entrega dos premios

Os Premios do Deporte Galego do ano 2018 serán outorgados de forma solemne nun acto público en que se fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Artigo 10. Información básica sobre protección de datos de carácter persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha dos procedementos incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na norma reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file