Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 4 de xuño de 2019 Páx. 27014

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2019 pola que se convoca un curso de planificación estratéxica para o desenvolvemento local.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 24 de maio de 2019, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación.

RESOLVO:

Convocar un curso de planificación estratéxica para o desenvolvemento local, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal técnico adscrito ás entidades locais ou a outras entidades públicas ou privadas que teñan como obxectivo o apoio ás persoas demandantes de emprego, ou a dinamización empresarial e o desenvolvemento local; o persoal das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG); e o persoal de entidades colaboradoras do SPEG para a realización de labores de orientación laboral. Todo este persoal poderá participar na devandita actividade formativa sempre que se encontre en situación de servizo activo, incluído o que estea gozando dun permiso por parto, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/ha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio ou durante o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para esta actividade se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 5 ao 12 de xuño, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Así mesmo os peticionarios poderán obter información chamando ao teléfono 981 54 46 90.

Cuarta. Criterios de selección

Terá preferencia o persoal técnico adscrito ás entidades locais ou a outras entidades públicas ou privadas que teñan como obxectivo o apoio ás persoas demandantes de emprego, ou a dinamización empresarial e o desenvolvemento local; o persoal das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG); e o persoal de entidades colaboradoras do SPEG para a realización de labores de orientación laboral. Para o caso de que non se cubran as prazas co dito persoal aplicaranse os criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de 3 días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo
<https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade de modalidade mixta

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade formativa non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

e) As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría na parte de teleformación da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia a un mínimo do 90 % da duración da actividade.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Consellería de Economía, Emprego e Industria resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Consellería de Economía, Emprego e Industria garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19032.

Curso de planificación estratéxica para o desenvolvemento local.

1. Obxectivos.

Mediante o curso proposto darase resposta ás necesidades de planificación e execución de actividades e proxectos de calado estratéxico, acordes ás necesidades e intereses de evolución do territorio e que, no ámbito do desenvolvemento local, lles correspondan ao persoal da Rede AEDL de Galicia, coa perspectiva de facilitarlles coñecementos, competencias e ferramentas coas que poder dar cumprimento a este obxectivo.

2. Destinatarios/as.

– Persoal técnico adscrito ás entidades locais ou a outras entidades públicas ou privadas que teñan como obxectivo o apoio ás persoas demandantes de emprego, ou a dinamización empresarial e o desenvolvemento local.

– Persoal das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

– Persoal de entidades colaboradoras do SPEG para a realización de labores de orientación laboral.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (5 horas presenciais e 35 horas de teleformación).

Duración: 40 h.

Edicións: 2.

Datas:

Primeira edición: do 22 de xuño ao 22 de xullo de 2019 (sesión presencial o día 22 de xuño das 9.00 ás 14.00 horas).

Proba final: 22 de xullo: das 8.00 ás 23.55 horas.

Segunda edición: do 5 de outubro ao 6 de novembro de 2019 (sesión presencial o día 5 de outubro das 9.00 ás 14.00 horas).

Proba final: 6 de novembro: das 8.00 ás 23.55 horas.

Prazas: 35 por edición.

4. Contido.

Módulo 1: Investigación socioeconómica e análise do territorio.

Tema 1: análise do territorio.

Tema 2: diagnóstico sectorial.

Tema 3: análise e avaliación do servizo de desenvolvemento.

Módulo 2: Planificación estratéxica territorial.

Tema 4: planificación estratéxica no territorio.

Tema 5: aplicando a planificación estratéxica.

Módulo 3: Iniciativas territoriais innovadoras e sustentables para o desenvolvemento económico.

Tema 6: territorios innovadores.

Tema 7: promoción de proxectos empresariais sustentables.

Módulo 4: Tramitación de subvencións na esfera local.

Tema 8: tramitación de subvencións.