Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 4 de xuño de 2019 Páx. 27022

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 28 de xaneiro de 2019, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes) (código de procedemento IG535A), e proceder á convocatoria da liña de préstamos para o crecemento das pemes-Reavais Crecemento, da liña de operacións de tráfico comercial-Reavais Funcionamento e da liña de garantías vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos-Reavais Garantías, en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote a dispoñibilidade para a concesión de axudas, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes para a respectiva liña de financiamento, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) O 30 de setembro de 2019.

Unha vez finalizado o prazo, non se admitirán máis solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Dotaranse provisións polo importe máximo de 625.000 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900) do exercicio 2019.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo total de operacións financeiras de 40.000.000 €, avaladas polas SGR nun importe máximo de 25.000.000 €, cun límite máximo de reavais do Igape ante as SGR de 6.250.000 €, respectando, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Anualmente, e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido e minorarase, se é o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas SGR.

En relación coas compensacións económicas ás SGR, os créditos dispoñibles nesta convocatoria serán de 500.000 €, partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, do exercicio 2019, logo da existencia de crédito adecuado e suficiente.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión/denegación será de tres meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes)

O Igape, no cumprimento das súas funcións, enfoca os seus programas e iniciativas na procura do desenvolvemento do sistema produtivo galego, en especial, apoiando as pequenas e medianas empresas (pemes).

Son estas as que sofren maiores dificultades para acceder ao financiamento adecuado ás súas necesidades e atópanse con maiores exixencias de garantías e maiores custos de financiamento ca outras empresas de maior dimensión.

De forma continuada nos últimos 25 anos, o Igape vén apoiando o acceso ao financiamento das pemes con axudas en forma de garantía e subvencións de gastos financeiros, promovendo diversas liñas para cubrir necesidades específicas.

As sociedades de garantía recíproca galegas (SGR) veñen tamén desempeñando desde a súa creación un importante papel no tecido empresarial de Galicia, compartindo co Igape o obxectivo de posibilitar o acceso ao crédito das pemes galegas, mediante a prestación de avais ante entidades de crédito, actividade en que teñen demostrada solvencia e capacidade técnica.

O apoio conxunto do Igape e das SGR galegas á obtención de financiamento por parte das pemes toma forma coa promoción de convenios de colaboración coas principais entidades de crédito que operan en Galicia, cos cales se acadou moi boa experiencia no pasado.

Entre os convenios asinados destaca o denominado Plan Re-solve, posto en marcha no ano 2009 para o apoio ao financiamento operativo das pemes mediante liñas de reavais. Aínda que nos seus inicios o programa respondía a un escenario de forte restrición do crédito por parte das entidades de crédito, a utilidade dunha liña de reavais de acceso ao financiamento corrente segue a estar vixente por canto hai un número importante de pemes que seguen a ter dificultades para acceder ao crédito, como os emprendedores ou as empresas innovadoras e, en xeral, as pemes necesitan deste financiamento para desenvolver as súas operacións con normalidade, o que posibilita o seu crecemento e a creación de emprego.

As pemes afrontan tamén na actualidade dificultades de acceso ao crédito para financiar investimentos produtivos para mellorar a súa capacidade produtiva e a súa competitividade, polo que se considera oportuno apoiar tamén estes investimentos sen esquecer o incremento de capital circulante asociado a el, que tamén se debe financiar.

Por outra banda, o Igape considera apropiado dispoñer dunhas bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito, que regule a forma, os requisitos e o procedemento de calquera actuación de apoio ao acceso ao crédito bancario, así como un convenio de colaboración entre o Igape, as SGR e as entidades de crédito adheridas, no cal se regulen os procedementos e os compromisos de cada parte.

No caso de xurdir a necesidade de instrumentar, durante a vixencia destas bases, algunha liña de apoio adicional, engadiranse unha epígrafe no anexo I e unha addenda no convenio coas condicións e os requisitos específicos, simplificando así as bases reguladoras e a súa tramitación, estandarizándose os procedementos de tramitación e as relacións entre o Igape, as SGR e as entidades de crédito colaboradoras.

As axudas previstas no anexo I tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas, facilitando:

a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer mediante reavais o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou o circulante estrutural por parte das pemes galegas.

b) Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial, co obxecto de favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

c) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.

En todas estas modalidades, o apoio do Igape consistente nun reaval de ata o 25 % do risco asumido polas SGR.

A convocatoria dos apoios deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar as pemes beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e de investimento, e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de prazos de solicitude máis dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e as condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste caso, a operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme o recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que a seguir se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.

e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades en que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Características das operacións financeiras e axuda do Igape

1. As características, finalidades, importes máximos e mínimos, e condicións das operacións financeiras apoiadas serán as detalladas para cada liña de financiamento recollida no anexo I.

2. Axuda do Igape en forma de garantía.

Naquelas liñas de financiamento en que así se recolla no anexo I a axuda do Igape consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación avalada e, en todo caso, co máximo de 7 anos, en garantía do máximo do 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02, relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos en que a SGR combine este coa cobertura doutros reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos, se a suma dos reavais superase o límite do 80 % da operación avalada establecido no artigo 4.6.b) do Regulamento 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, reducirase o reaval do Igape nos puntos porcentuais en que exceda.

O cálculo da subvención bruta equivalente implícita na axuda en forma de garantía determinarase segundo a seguinte fórmula de cálculo simplificada:

Subvención bruta equivalente = 2 × (importe do reaval en euros) × (prazo de vixencia do reaval en anos)/75.

3. Axuda do Igape en forma de subsidiación de gastos financeiros.

Nas liñas de financiamento en que así se recolla no anexo I a axuda do Igape poderá consistir na bonificación do tipo de xuro nominal e/ou das comisións de aval das operacións de préstamo acollidas a estas bases.

A axuda que se aboará ao titular calcularase do seguinte xeito:

– Calcularanse os valores absolutos dos puntos que se percibirán durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia.

– Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da concesión da operación financeira.

– No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, os cálculos faranse de xeito teórico, como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

– Axuda á comisión do aval financeiro, se é o caso, que se calculará como na axuda ao tipo de xuro.

4. Compatibilidade e límites.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis. De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector do transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas cuxa actividade estea encadeada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España no anexo I do Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas de minimis implícitas nel. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Tramitación das solicitudes

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo II a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se darán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Respecto da tramitación electrónica, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a Norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no cal se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) En caso de persoas xurídicas:

1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

2º. No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil –ou noutro rexistro, segundo proceda– correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría, de ser o caso.

b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo, as comunidades de bens deberán presentar o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no anexo I para cada liña de financiamento.

d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

En aplicación do artigo 50.b) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración autonómica ou de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico da solicitude.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, non se lles exixirá aos interesados a presentación de documentos orixinais. Deberán achegar as copias dixitalizadas dos documentos relacionados neste artigo. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderase requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal para o cotexo das copias por el achegadas. Tal solicitude deberá ser debidamente motivada.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente.

4. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada, coa colaboración das SGR adheridas, que revisarán a documentación achegada polas solicitantes e comprobarán que cumpran as condicións e os requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e o cumprimento da finalidade da axuda.

5. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

No caso de que a SGR designada solicite o coaval da operación, deberá comunicalo a través da mesma extranet, indicando o importe da operación que se vai coavalar e a SGR a que solicita o coaval.

As SGR revisarán as solicitudes e a documentación achegada e comunicarán ao Igape, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras, se reúnen a documentación e os requisitos exixidos nas bases, detallando se é o caso a documentación que falta.

6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne a documentación ou os datos exixidos nestas bases, o Igape requirirá o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que en caso contrario se dará por desistido da súa petición e se arquivará o expediente logo da correspondente resolución.

7. Logo da comunicación á SGR da documentación complementaria se é o caso achegada, a SGR remitirá ao Igape a validación do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda e a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 25 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, ou se é o caso no prazo dos 10 días hábiles seguintes á comunicación da documentación complementaria, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

8. A entidade de crédito deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 35 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

9. Posteriormente, o Igape remitirá á entidade de crédito, con copia á SGR, a través desta mesma canle, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que esa remisión supoña un recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

10. No caso de non recibir resposta da entidade de crédito ou da SGR respecto da autorización da operación nos prazos establecidos, ou se a resposta dalgunha ou de ambas as entidades é denegatoria, ordenarase o arquivamento do expediente.

11. A verificación por parte das SGR da documentación achegada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as entidades de crédito ao Igape e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR e as entidades de crédito teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo VI, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade.

Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez verificado o cumprimento pola solicitude dos requisitos establecidos nestas bases, e comunicada pola SGR e pola entidade de crédito a súa posición, a persoa titular da Dirección da Área de Investimento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da operación, o seu prazo de vixencia e carencia, así como a axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR e/ou en forma de subsidiación de gastos financeiros.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de rexeitamento da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 7. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle ao solicitante, á entidade de crédito e á SGR a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A notificación efectuarase só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación completa da solicitude no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse rexeitada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da citada Lei 39/2015.

Artigo 8. Publicación

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades de crédito e ás SGR para os efectos da formalización da operación e da referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Con todo, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Igape.

3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

4. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

5. Segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os beneficiarios están obrigados a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da lei. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 9. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á SGR e á entidade de crédito a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 4.9 das presentes bases.

a) A formalización da operación financeira antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

b) No contrato de financiamento formalizado anticipadamente de acordo co previsto na alínea anterior deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou a solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e nas condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, se é o caso, se dite recolla unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, no cal se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se a operación financeira se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para a formalización da operación financeira ou, se é o caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase ou adaptase, ditarase resolución que dea o solicitante por renunciado e ordene o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da SGR e da entidade de crédito, o Igape autorice a dita prórroga.

4. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar ao Igape e á entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

Artigo 10. Disposicións

Disporase dos fondos do préstamo para os destinos previstos para cada liña de financiamento no anexo I das presentes bases e especificados na resolución de concesión.

No caso de préstamos, o período de disposición iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización.

Artigo 11. Xustificación

1. Dentro dos prazos previstos para cada liña de financiamento no anexo I, os beneficiarios deberán presentar a xustificación das finalidades a que foron aplicadas.

Para iso deberán cubrir previamente o formulario de xustificación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

A titular deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de xustificación, que no caso de subvención de gastos financeiros será tamén solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

A solicitude de xustificación presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo IV a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

Unha vez xerada a solicitude de xustificación, que no caso das axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobramento, o beneficiario deberá presentala por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDEL, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Para axudas de importe inferior a 30.000 €, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009 que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia, incluíndo no formulario de xustificación os datos exixidos no devandito artigo.

O Igape poderá requirirlle aos beneficiarios a remisión dos xustificantes das finalidades dos préstamos seleccionados con base en técnicas de mostraxe e comprobará para estes efectos un mínimo do 10 % dos expedientes.

Cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape procederá a requirirlle aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos sinalados no anexo I para as distintas liñas de financiamento.

3. Para axudas de importe superior a 30.000 €, e de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, os beneficiarios deberán achegar xunto coa solicitude de xustificación, que no caso de axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobro, as copias dixitalizadas do contrato de financiamento e a documentación xustificativa relacionada para cada liña de financiamento no anexo I. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co establecido na epígrafe de documentación xustificativa relacionada para cada liña de financiamento no anexo I, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estiver en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo a súa presentación electrónica.

A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

4. Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas de importe inferior seleccionadas con base en técnicas de mostraxe ou nas cales non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape remitirá á SGR correspondente os cuestionarios xunto á documentación xustificativa presentada por vía telemática, a través da extranet de entidades colaboradoras. As SGR revisarán a documentación xustificativa e comunicarán ao Igape por vía telemática, se é o caso, a documentación que falta, así como a validación do grao de cumprimento/non cumprimento da finalidade da axuda, no prazo máximo de 30 días desde a recepción da documentación.

Artigo 12. Pagamento das subvencións dos gastos financeiros

Para as liñas de financiamento do anexo I que recollan esta modalidade de axuda, unha vez completada a xustificación conforme o sinalado no artigo 11 anterior, o Igape procederá ao pagamento da subvención dos gastos financeiros a través da entidade de crédito prestamista.

En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo, e tras un período de 180 días desde o primeiro incumprimento atendido pola SGR, no cal tanto a entidade de crédito como a SGR efectuasen as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade de crédito prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de mora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o tipo máximo de xuro, se é o caso, establecido no anexo I para a respectiva modalidade de liña de financiamento.

2. A SGR non aboará os xuros de mora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade de crédito.

3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia. Logo desta comunicación, o Igape recoñecerá as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

4. As SGR obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape as cantidades que procedan segundo o establecido no punto seguinte.

5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, así como nos importes obtidos na transmisión dos bens ou dereitos adxudicados en pagamento de débedas que teñan a súa orixe en operacións reavaladas, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais.

Ao final de cada exercicio económico, as SGR ingresarán ao Igape, na conta que este designe, os importes que lle correspondan segundo o previsto no parágrafo anterior, con indicación da operación a que corresponde, o importe obtido polo recobramento ou pola transmisión, así como un detalle do cálculo do importe resultante que se ingresará ao Igape.

6. Nas liñas de financiamento recollidas no anexo I en que o aval da SGR non acade o 100 % do risco, as entidades de crédito obríganse así mesmo á execución dos bens e dereitos do beneficiario, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, nos termos indicados nos anteriores puntos 4 e 5.

Artigo 14. Información periódica. Custodia da documentación

1. As SGR remitirán trimestralmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval e/ou subsidiación de gastos financeiros, e a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e/ou subsidiadas, especialmente, a establecida nestas bases, durante un período de catro anos desde a súa cancelación.

Artigo 15. Modificacións

1. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de xustificación/cobramento.

2. O beneficiario da axuda poderá solicitar, de forma motivada, a modificación da resolución con carácter previo á formalización da operación. Unha vez formalizada a operación, só se admitiran solicitudes relativas ao troco de titularidade.

3. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución nos aspectos tidos en conta para a concesión da axuda relativos ao importe e ás características do préstamo atendible, importe, se é o caso, reavalado e titularidade, sempre que a modificación non prexudique terceiros e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de beneficiario deberá acreditarse documentalmente, así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados da actuación apoiada e, especificamente, da operación obxecto de axuda. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto co consentimento do anterior beneficiario.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da axuda inicialmente aprobada.

5. No caso de modificacións da operación financeira unha vez formalizada, e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Con todo, a SGR e/ou a entidade de crédito deberán comunicar a súa conformidade. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

6. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou beneficiario.

7. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 16. Reintegros, incumprimentos e sancións

1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario do compoñente de axuda en forma de garantía ou subsidiación concedidos con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de mora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro de xeito proporcional aos destinos da operación financeira deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados na resolución de concesión. Deberá reintegrarse a cantidade correspondente ao compoñente de axuda en forma de garantía e/ou subsidiación de gastos financeiros, na dita proporción, e segundo os seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. Se for o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.

2º. Non manter a vixencia da operación financeira bonificada durante o período inicialmente establecido na escritura de formalización suporá o reintegro do importe correspondente á seguinte gradación:

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o primeiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 90 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o segundo cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 40 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o terceiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 20 % da axuda.

b) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos da operación financeira supón un importe atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras, deberán reintegrarse todas as cantidades aboadas, en concepto de compoñente de axuda de garantía e/ou subsidiación de gastos financeiros, e os seus xuros de mora.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

2. Procederá o reintegro, total ou parcial por parte das SGR da compensación xerada ao seu favor segundo o artigo 21 destas bases, no suposto do incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, nas bases reguladoras e no convenio de colaboración, respecto das características e do tipo de xuro e comisións da operación de préstamo.

3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e será competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios, as entidades de crédito e as SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 17. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As SGR e as entidades de crédito poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestameiro.

Artigo 18. Control

Tanto as SGR como as entidades de crédito adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 19. Adhesión mediante convenio de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración, no cal se regulen os compromisos das partes, as SGR domiciliadas en Galicia e todas aquelas entidades de crédito que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o financiamento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Igape nos seus programas de subsidiación de gastos financeiros de préstamos e créditos e noutros de apoio ao acceso ao financiamento. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas SGR domiciliadas en Galicia e as entidades de crédito que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, estean acreditadas polo Banco de España e dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades suficientes, da declaración que se xunta como anexo V a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VII a estas bases e pode limitarse a adhesión a algunha das liñas de financiamento recollidas no anexo I, en cuxo caso se recollerá expresamente.

Artigo 20. Compensación á SGR

O Igape aboará ás SGR colaboradoras neste programa un 2 % da contía dos avais subvencionables que presten ante as entidades de crédito, e que sexan formalizados conforme as condicións establecidas nas correspondentes resolucións de concesión, en concepto de compensación económica segundo o previsto no artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O convenio de colaboración que para tal efecto se subscriba regulará o procedemento de liquidación e o destino desta achega.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados ás entidades de crédito e ás SGR para o estudo da operación financeira.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican; no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño); no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

ANEXO I

Modalidades de liñas de financiamento

I.1. Préstamos avalados para o crecemento das pemes (reaval crecemento).

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un préstamo a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construcións dos seguintes elementos:

Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, enxoval, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas. Tamén se exclúen os investimentos financeiros.

Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

Enténdese por capital corrente o pagamento dos seguintes conceptos de gasto: pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; pagamento de nóminas e seguros sociais; gastos financeiros operativos e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto e debe constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en alugamento e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe do préstamo que se avalará será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 de €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.1. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 de € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo do préstamo que se avalará será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

Tipo de referencia: será o euríbor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,5 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

Se o euríbor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

D.4) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

D.5) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. Para estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración. No caso de operacións por importe superior a 300.000 €, as SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais.

E) Xustificación de finalidades.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles desde a disposición total do préstamo.

Para axudas de importe superior a 30.000 € e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e co procedemento descrito no artigo 11, deberá achegarse a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Extracto da conta bancaria en que se aboase o importe do préstamo, comprensivo do período comprendido entre a primeira disposición ata a total utilización do saldo disposto para a súa aplicación ás finalidades.

– Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente xustificativos do gasto pagado cos recursos procedentes do préstamo.

– Nóminas e xustificantes dos importes correspondentes a retencións e ingresos á conta do IRPF e Seguridade Social afrontados co préstamo.

– Xustificantes bancarios de pagamento de todos os gastos e investimentos pagados co préstamo.

– Certificado de taxador independente dos bens de segunda man, se é o caso.

I.2. Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial (reaval funcionamento).

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de financiamento concedidas polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, que non implique a substitución doutro preexistente, nalgunha das seguintes modalidades:

1) Liñas de crédito para o adianto de efectos comerciais e facturas, garantindo o bo fin de letras de cambio, cheques, notas promisorias, recibos, facturas, certificacións de obra e demais documentos civís, mercantís e administrativos que a entidade financeira desconte, negocie ou anticipe e nos que a titular figure como libradora ou beneficiaria.

2) Liñas de crédito de comercio exterior, garantindo o completo pagamento das obrigas procedentes de operacións de comercio exterior que os titulares contraian coa entidade financeira, tales como créditos documentarios, cartas de crédito, prefinanciamento e financiamento de exportacións, financiamento de importacións, etc.

3) Liñas de xestión do pagamento das compras ou confirming, anticipando as entidades de crédito os pagamentos aos provedores.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no cal se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe da liña de financiamento que se avalará será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 600.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 600.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo do aval da SGR contragarantido polo Igape será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen prever a posibilidade de prórroga na vixencia. As liñas de financiamento garantidas pola SGR poderán ser a prazos inferiores renovables.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro das operacións de desconto comercial e confirming con crédito será o que pacten as partes, cun máximo do 4 %.

D.4) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

D.5) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 70 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. Para estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.6) Aspectos que se recollerán no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.2 deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

E) Documentación específica para presentar xunto coa xustificación.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases deberá presentarse tras o transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final desta, en ambos os casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.

Para axudas de importe superior a 30.000 € e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e co procedemento descrito no artigo 11, deberán achegar a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Para as liñas de desconto comercial e factoring: extracto bancario que relacione a totalidade de documentos anticipados ao titular con cargo á liña de financiamento facilitada, especificando importes, clientes ou librados, data do desconto e data de vencemento.

– Para as liñas de comercio exterior: extracto bancario que relacione as obrigas contraídas coa entidade por operacións de comercio exterior con cargo á liña de financiamento facilitada, especificando importes, datas da operación, vencementos, conceptos e terceiros beneficiarios.

– Para as liñas de xestión do pagamento das compras ou confirming: extracto bancario que relacione os pagamentos aos provedores confirmados ou anticipados, con indicación de importes, datas da operación, vencementos e terceiros beneficiarios.

I.3. Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (reaval garantías).

A) Obxecto.

Favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas á conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndo expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de avais concedidas polas entidades de crédito adheridas ou nas liñas de avais prestados polas SGR directamente ante terceiros.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser específicas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no cal se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe da liña de financiamento que se avalará será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 de €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto, acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 de € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo e a vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen prever a posibilidade de prórroga na vixencia.

D.3) Comisións.

As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo serán do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

D.4) Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contragarantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. Para estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.5) Aspectos que se recollerán no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.3, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

E) Documentación específica para presentar xunto coa xustificación.

A xustificación de finalidades prevista no artigo 11 das bases deberá presentarse tras o transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final desta, en ambos os casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.

Para axudas de importe superior a 30.000 € e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e co procedemento descrito no artigo 11, deberán achegar a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Documento bancario ou da SGR que relacione as garantías ante terceiros outorgadas pola entidade, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, con indicación de datas de emisión, datas de vencemento, importes e terceiros beneficiarios.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas

Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-pemes)

Caixas

Bancos

SGR

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega

– Abanca Corporación Bancaria, S.A.

– CaixaBank, S.A.

– Bankinter, S.A.

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

– Banco Santander, S.A.

– Banco de Sabadell, S.A.

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, SGR)

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Epresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, SGR)