Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 7 de xuño de 2019 Páx. 27619

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O Tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez puntos (10 puntos), fixándose en 36 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria, respecto das persoas aspirantes que accedan pola quenda xeral e en 33,6 respostas correctas unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria, respecto das persoas aspirantes que accedan pola base I.1.1.

Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal o 2 de maio de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen:

– Que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que respondan correctamente ao 45 % de preguntas consideradas válidas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta.

– Para os aspirantes que accedan pola cota de persoas con discapacidade esta porcentaxe será do 42 % de preguntas consideradas válidas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta.

– Que se lles asignará unha valoración de 10 puntos no exercicio aos aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada.

– Que o resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 10 e os 20 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

– Que se lles asignará, do mesmo xeito, a puntuación proporcional que corresponda aos aspirantes declarados non aptos.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal .

De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.3, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio e que non figuren na listaxe publicada pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal de persoas aspirantes que teñen acreditada a posesión do Celga requirido en calquera procedemento competencia da dita dirección xeral, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, para presentar os documentos que xustifiquen a exención de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo.

Cuarto. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019

Dámaso Pérez Vale
Presidente do tribunal