Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 7 de xuño de 2019 Páx. 27632

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicas as puntuacións definitivas do primeiro exercicio e o lugar e a data de realización do segundo e terceiro exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, quenda de discapacidade intelectual, convocado por Resolución do 1 de marzo de 2018.

Mediante a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 30 de abril de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 88, do 9 de maio), deuse publicidade ao modelo definitivo de respostas e ás puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes no primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, quenda de discapacidade intelectual.

A base 8.1.10 da resolución deste centro directivo do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de celador/a, dispón que tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, a base 8.1.4 desta mesma resolución establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e na data que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coas anteditas bases, este centro directivo, á vista das reclamacións presentadas contra as puntuacións provisionais do primeiro exercicio e do acordo adoptado sobre estas polo tribunal de selección e elevado ao órgano convocante,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as no primeiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, quenda de discapacidade intelectual, convocado por Resolución do 1 de marzo de 2018.

Segundo. Convocar as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio deste proceso pola quenda de discapacidade intelectual para a realización do segundo e terceiro exercicio que integran a fase de oposición, na data, na hora e no lugar que a seguir se indican:

Data: 22 de xuño de 2019.

Hora: 16.30 horas.

Lugar: aula 1 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n, Campus Sur, Santiago de Compostela.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que desen a luz, e por estes motivos estean ingresadas no mesmo día do exame, realizar os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que puxesen en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estaren ingresadas na data da súa realización e se recibisen na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para os efectos desta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e constituirá causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida destes dispositivos.

Así mesmo, non se permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas con mochilas nin maletas.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos