Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 11 de xuño de 2019 Páx. 28022

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Talento Sénior), e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN858A).

BDNS (Identif.): 459277.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos non universitarios ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación públicos ou privados non universitarios situados en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de 3 anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN858A). As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

A contía da axuda en concepto de incentivo que percibirán as entidades beneficiarias variará de entre o 40 % ata o 60 % á contratación en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato indefinido ou temporal de duración igual ou superior de 3 anos. Cada entidade poderá solicitar a axuda para ata un máximo de 2 contratos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación