Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 12 de xuño de 2019 Páx. 28159

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20.

BDNS (Identif.): 460519.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2016.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2018/19 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2019/20 e solicitala para un irmán ou irmá.

6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2019/20.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20.

Cuarto. Importe

A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses, e estará en función da renda per cápita da unidade familiar.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, dos cales 1.268.800 euros corresponden á parte do curso 2019/20 que se desenvolve en 2019 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2019, nos seguintes supostos:

a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou do neno con posterioridade á finalización do dito prazo.

b) As familias en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do prazo ordinario e que tivesen unha irmá ou un irmán beneficiarios do Bono concilia.

c) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

d) As galegas e os galegos que retornen a Galicia durante o ano 2019, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social