Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 13 de xuño de 2019 Páx. 28369

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento BS614A).

BDNS (Identif.): 460525.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Confederacións e federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou a realización de accións no eido das persoas con discapacidade e entidades de iniciativa social que, con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.

2. Confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas na área de persoas con discapacidade e na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais de Galicia.

b) Careceren de ánimo de lucro.

c) Teren o domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non se atoparen en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Cumpriren os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas cun nivel de discapacidade igual ou superior ao 33 %, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de proxectos que incidan nos seguintes eidos:

a) Promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou da área de formación básica e prelaboral.

b) Promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren as súas posibilidades de inserción laboral, como formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento BS614A).

Cuarto. Importe

O importe das axudas previstas nesta orde ascende a 1.055.683 euros. A contía máxima concedida por proxecto formativo será de 60.000 euros.

Consonte o previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios ca a convocatoria, sen que implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Quinto. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social