Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 13 de xuño de 2019 Páx. 28374

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de maio de 2019 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Océano Vivo e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Océano Vivo, presentado ante este protectorado de fundacións de interese galego,

Feitos:

Primeiro. O 21 de maio de 2019 o presidente do padroado da Fundación solicita a ratificación polo protectorado do acordo de extinción da Fundación.

Segundo. A Fundación Océano Vivo constituíuse en escritura pública do 28 de febreiro de 2003, clasificouse como benéfico-social pola Orde da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 27 de maio de 2003, foi declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 23 de xuño de 2003 e está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería do Mar, co número 2003/18.

Terceiro. Os fins da Fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, son os seguintes: a Fundación ten por obxecto promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á recuperación ambiental e económica de Galicia, traballando na recuperación dos danos causados polo afundimento do Prestige, canalizando as axudas públicas que, se for o caso, lle sexan concedidas ou privadas que para este fin se destinen.

Neste contexto, e a título meramente enunciativo, serán fins:

– A recuperación dos ecosistemas litorais, en especial das rías de Galicia, dos efectos dos hidrocarburos liberados no litoral galego tras a vertedura e o afundimento do Prestige.

– A colaboración directa coas confrarías de mariñeiros galegas na recuperación da riqueza natural das costas galegas.

– A recuperación dos valores naturais e turísticos dos ecosistemas galegos ata alcanzar a devolución dos ditos valores ao seu estado anterior á vertedura e ao afundimento do Prestige.

– Actuacións tendentes á recuperación e/ou creación de zonas de cultivo extractivo, a adquisición de crías para a sementeira destinadas ao sector pesqueiro e marisqueiro, así como os investimentos destinados para reparar ou substituír os elementos materiais utilizados no cumprimento dos fins deste artigo 7.

– A promoción dos produtos galegos provintes do mar, tanto nos mercados nacionais como internacionais.

– O investimento en investigación e desenvolvemento, coa finalidade de obter a mellor avaliación dos danos ocasionados polo Prestige e a posterior recuperación dos ecosistemas litorais.

Cuarto. O padroado da Fundación, na súa reunión do 16 de maio de 2019, aprobou o acordo de extinción por se ter realizado integramente o fin fundacional.

Quinto. No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a realización íntegra do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do padroado ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O artigo 54 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o artigo 21 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.

Terceira. A Consellería do Mar é competente para resolver esta solicitude segundo o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 39/2018, do 5 de abril, en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

RESOLVO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Océano Vivo e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017, DOG do 21 de setembro)
Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar