Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 13 de xuño de 2019 Páx. 28316

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 28 de maio de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 460499.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran, na data de peche da convocatoria, as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa posdoutoral mediante dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas para a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos nos EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

– Modalidade B: axudas para posibilitar a continuación da súa formación e establecer unha traxectoria investigadora propia, para as persoas que obtiveron unha praza na convocatoria de 2016 da modalidade A do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral, que acabaron o contrato e que obtiveron unha avaliación positiva, e para as persoas investigadoras da convocatoria de 2014 que, por circunstancias especiais, tivesen concedido o aprazamento da avaliación, que completasen o programa e que acaden unha avaliación positiva, mediante un contrato de dous anos de duración.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 8.667.800 €: 6.504.800 € para a modalidade A e 2.163.000 € para a modalidade B.

Na modalidade A poderanse conceder ata 46 axudas (a previsión inicial é de 40 en universidades do SUG, das cales ata 10 poden obter a condición de bolseiras Fulbright, e 6 no resto de entidades beneficiarias, das cales ata 2 poden obter a condición de bolseiras Fulbright). O importe máximo de cada axuda é de 49.900 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato dun máximo de 48.400 € brutos anuais durante a fase de estadía e de 38.000 € brutos anuais durante a fase de retorno.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía de 1.500 € anuais durante a fase de estadía e de 1.000 € anuais durante a fase de retorno.

Ademais, as axudas destinadas ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright terán unha dotación complementaria de 5.000 € en cada ano de estadía.

Na modalidade B poderanse conceder 21 axudas (a previsión inicial é de 20 en universidades do SUG e 1 no resto de entidades beneficiarias). O importe total máximo de cada axuda é de 49.000 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 38.000 € brutos anuais.

2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, de 10.000 € para o ano 2020 e 2021 e de 5.000 € para o ano 2022.

3. Un complemento anual por axuda, destinado ás universidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación, de 1.000 € anuais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Para a modalidade A: un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Para a modalidade B: do 1 ao 31 de agosto de 2019.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019

Carmen Pomar Tojo

Francisco Conde López

Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Conselleiro de Economía, Emprego e
Industria e presidente da Axencia Galega
de Innovación