Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 18 de xuño de 2019 Páx. 29094

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 4 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D).

O artigo 27, en harmonía co artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece como competencia da Comunidade Autónoma galega a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da cultura e investigación.

Por outra parte, o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa la estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Ademais, no Decreto 163/2018, do 13 de decembro (DOG núm. 243, do 21 de decembro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, no seu artigo 2, punto 1, letra e), figura a Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano superior da consellería.

Dentro das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co artigo 14, puntos 3 e 3.1, letra b), baixo a súa dirección, establécese que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten o obxectivo de promover a formación e capacitación de universitarios, tanto no ámbito galego coma internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes

Bases:

Primeira. Obxecto e destinatarios

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de nove bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (código de procedemento PL500D).

Os proxectos concretos inclúense no anexo I á presente orde e nel detállanse os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Dotación das bolsas e orzamento

A contía das bolsas, por todos os conceptos, será de 990 euros ao mes, incluídos os custos da Seguridade Social, en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, e quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente por unha contía total de 213.840 €, que se imputará ás aplicacións orzamentarias 11.40.151A.480.0 e 11.40.151A.484.0 e que se destinarán ao pagamento das mensualidades e da cota patronal da Seguridade Social, respectivamente. Isto desagrégase nas seguintes anualidades:

– Ano 2019: 8.910 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, dos cales 8.474,31 € financiaranse con cargo á aplicación 11.40.151A.480.0 e 435,69 €, con cargo á 11.40.151A.484.0.

– Ano 2020: 106.920 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, dos cales 101.691,72 € financiaranse con cargo á aplicación 11.40.151A.480.0 e 5.228,28 €, con cargo á 11.40.151A.484.0.

– Ano 2021: 98.010 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, dos cales 93.217,41 € financiaranse con cargo á aplicación 11.40.151A.480.0 e 4.792,59 €, con cargo á 11.40.151A.484.0.

A distribución entre as dúas aplicacións faise con base no recollido na Orde TMS/83/2019, do 31 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, para o exercicio 2019, e na que se establecen os importes das cotas empresarial e obreira por continxencias comúns e profesionais, a cargo da empresa e do traballador, para o persoal en formación de bolsa. Nos anos sucesivos observarase o que dispoñen as ordes TMS vixentes en cada exercicio, para os efectos de realizar as actualizacións que procedan.

Terceira. Duración

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décima desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2019 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2021. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

Cuarta. Requisitos xerais dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan no anexo I desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes formalizaranse no modelo PL500D, que se publica como anexo II a esta orde, asinadas polo/a interesado/a.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuarios e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se for festivo, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación complementaria:

a) Certificación académica oficial completa (orixinal ou copia debidamente cotexada, non extracto de expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.

c) Currículo, acompañado da documentación que acredite os méritos que desexe alegar.

d) Certificado do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou perfeccionamento, expedido polo centro de estudos onde o solicitante cursou os estudos de bacharelato, se for o caso.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, será posible presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude haberá que indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

2. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou de quen a represente.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Certificados do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou perfeccionamento cando sexan expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Estar ao día do pagamento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Estar ao día do pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Estar ao día do pagamento das obrigas coa Axencia Tributaria galega.

De se opoñer a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Excepcionalmente, se algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderá solicitárselles a presentación dos documentos correspondentes.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes:

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, poderán ser requiridos para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (www.cirp.gal).

Sétima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Porén, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións cos requirimentos de emenda, coas puntuacións provisionais e coas correccións de erros previos á resolución desta convocatoria, se as houber, realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Oitava. Instrución

A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Vogais: dous funcionarios da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un director dos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, propostos polo presidente da comisión de valoración e nomeados polo secretario xeral de Política Lingüística.

Secretario: o secretario do Consello Científico e do Consello Executivo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Coa finalidade de prestarlle apoio técnico ou asesoramento con respecto ás materias dos proxectos para os que se convocan as bolsas, a comisión de valoración poderá solicitar informes dos especialistas e/ou directores das distintas áreas de investigación.

A composición da comisión de valoración farase pública no portal web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estivesen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Se ningunha das persoas candidatas presentadas resulta idónea, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Terase en conta, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, de acordo co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Novena. Criterios xerais de valoración e procedemento

A) Criterios xerais de valoración de solicitudes.

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo e criterios:

1. O expediente académico: ata un máximo de 10 puntos.

Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

En caso de varias titulacións válidas para os proxectos os que se presenten, terase en conta a nota máis alta.

2. Formación complementaria: ata un máximo de 12 puntos.

Por segundas titulacións universitarias, distintas das que permitan acceder a cada proxecto: 1 punto, ata un máximo de 2 puntos.

Pola realización da memoria de licenciatura, para o que se terá en conta a titulación coa nota máis alta, relacionada co obxecto da bolsa: 1 punto.

Valoraranse os cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA), relacionados co obxecto de cada bolsa, organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais e outros organismos e entidades:

Pola realización de cada máster relacionado coa actividade a que se opta: 2,50 puntos.

Pola realización de cada DEA relacionado coa actividade a que se opta: 2 puntos.

Pola realización de prácticas externas de grao ou de mestrado, relacionadas coa actividade a que se opta: 1 punto.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de 40 ou máis horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de 100 ou máis horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 2,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos certificados de participación activa nos referidos congresos, e texto ou póster da comunicación.

4. Por publicacións individuais e participación en publicacións colectivas relacionadas coa especialidade da investigación á cal opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 3 puntos:

– Por publicacións individuais: 0,50 puntos por publicación.

– Por participación en publicacións colectivas: 0,25 puntos por publicación.

As publicacións que non consignen o ISBN ou o ISSN non se valorarán.

Forma de acreditación: presentación do orixinal ou fotocopia da/das referida/s publicación/s. No caso de publicacións en formato electrónico, os interesados deberán presentar un informe emitido polo organismo emisor en que se certifique o título da publicación e os autores, así como a ligazón onde aparece a mencionada publicación.

Un mesmo mérito alegado nos números 3 e 4 valorarase unha soa vez, ben como comunicación ou, se é o caso, como publicación.

B) Procedemento.

Rematado o proceso de avaliación das solicitudes, a comisión de valoración elaborará un informe no cal se concrete o resultado desta.

O Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada.

Esta proposta farase pública na páxina web do centro, xunto á relación de suplentes, por orde decrecente de puntuación.

No suposto de que unha mesma persoa resulte ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude (anexo II), por rigorosa orde de puntuación.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

Décima. Alegacións e trámite de audiencia

Segundo o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, o prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria.

Non obstante, ao abeiro do artigo 76, as persoas interesadas poderán presentar alegacións en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia.

Examinadas as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.

De non presentarse solicitudes ou de non cumpriren algún dos requisitos xerais e específicos, a convocatoria será declarada deserta.

Décimo primeira. Resolución. Notificación e publicación

1. O órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva ao secretario xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación do conselleiro, de conformidade coa disposición derradeira primeira da orde de convocatoria. Na resolución constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así coma os demais aspectos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A resolución de concesión da bolsa publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) mediante relación nominal das persoas beneficiarias e suplentes, e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos, sen prexuízo das notificacións individuais ao abeiro do recollido na base sétima desta convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura e Turismo (Orde do 21 de marzo de 2019 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección desta consellería; DOG núm. 63, do 1 de abril), e para resolver os recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas conforme o disposto no artigo 4, letra d), da referida Orde do 21 de marzo de 2019, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

4. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

5. Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperaren a documentación presentada.

Décimo segunda. Aceptación da bolsa e incorporación

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días naturais para comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo un documento facilitado pola entidade bancaria a nome da persoa interesada, en que conste o código IBAN, onde deberá ser aboada a bolsa.

A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. De non se incorporar na data sinalada, perderanse os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de forza maior, debidamente xustificada mediante un escrito achegado con anterioridade á data de incorporación, así apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. No suposto de incorporación tardía xustificada, dun prazo máximo de dez días naturais, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se percibirá.

Décimo terceira. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os/as bolseiros/as. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo cuarta. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, logo da correspondente certificación emitida pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co informe emitido polo coordinador científico do centro, sempre que as actividades de formación do bolseiro se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Décimo quinta. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/das bolseiro/as

1. As persoas beneficiarias das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.

2. O secretario xeral de Política Lingüística poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación a que está adscrito, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada do/da interesado/a, logo do informe do seu director de proxecto. O tempo máximo de interrupción será de dous meses e unicamente poderá fraccionarse en dous bloques dun mes. En ningún caso existirá a posibilidade de recuperar o período interrompido e tampouco terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa suspensión.

3. Se a formación e o aproveitamento non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que lle asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao interesado, co visto e prace do coordinador científico do centro. Esta revogación seralle comunicada por escrito no prazo de quince días previos á fin da bolsa. Tamén se poderá revogar a bolsa cando o proxecto a que está vinculado deixe de estar vixente, cambie as liñas de investigación ou así o determinen as dispoñibilidades orzamentarias.

4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro ou calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).

5. O/a bolseiro/a está obrigado a:

a) Formarse no Centro Ramón Piñeiro, en horario de mañá e/ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

c) Comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas e informe do director do proxecto en relación coas actividades de formación realizadas).

d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación a expresión: «Co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia», e achegar un exemplar do traballo publicado.

e) Deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No caso de incumprimento das súas obrigas, deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas xunto cos xuros de demora que lle correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

7. O incumprimento de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Secretaría Xeral de Política Lingüística para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicación dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

c) De acordo co establecido nos artigos 17 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos recollidos nel e o seu extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

A concesión da bolsa regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional quinta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde, así como para resolvela con base na disposición adicional primeira da Orde do 21 de marzo de 2019 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección da Consellería de Cultura e Turismo (DOG núm. 63, do 1 de abril) e para resolver os recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas conforme o disposto no artigo 4, letra d), da referida orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

1. Proxecto Legado científico de Jürgen Untermann.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, grao en Filoloxía Clásica, grao en Linguas e Literaturas Modernas co itinerario de alemán, así como as licenciaturas equivalentes aos ditos graos ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

• Coñecemento de alemán acreditando un nivel mínimo B1 mediante calquera certificación de centros públicos ou privados, ou ben acreditando un módulo ou un minor en alemán ou a propia titulación de grao en alemán da universidade correspondente.

Aínda que as titulacións relacionadas coa arquivística non se atopan entre as exixidas para acceder a esta bolsa, si que serán consideradas como méritos relacionados coa actividade a que se opta e serán valoradas segundo a epígrafe de formación complementaria.

2. Proxecto Corpus de referencia do galego actual (Corga).

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica, Portuguesa ou Tradución e Interpretación ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Inglesas; en Lingua e Literatura Modernas (Francés, Italiano, Románicas e Portugués); en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

3. Proxecto Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga).

Unha bolsa de formación no Proxecto Codolga: Corpus documentale latinum Gallaeciae.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do Proxecto Corpus documentale latinum Gallaeciae que se está realizando no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

• Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía Clásica, en Historia ou en Humanidades ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

• Ter cursados estudos de Latín, xustificados cun mínimo de 2 materias superadas no expediente académico ou cun máster en estudos medievais.

Aínda que os coñecementos no manexo de ferramentas informáticas (xml, bases de datos e equivalentes) non se atopan entre os exixidos para acceder a esta bolsa, si que serán considerados como méritos relacionados coa actividade a que se opta, e serán valorados segundo a epígrafe de formación complementaria, sempre que estean acreditados documentalmente.

4. Proxecto Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega).

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Posuír algunha das seguintes titulacións ou outras titulacións que se consideren equivalentes: licenciado/a en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica ou Portuguesa ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Modernas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios ou en Estudos de Galego e Español, ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura, dependendo da universidade de procedencia.

• Acreditar nivel B2 nalgunha das seguintes linguas: portugués, catalán, francés, inglés, italiano ou alemán.

5. Proxecto Terminoloxía científico-técnica.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a en Filoloxía ou Tradución e Interpretación, ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Inglesas; en Lingua e Literatura Modernas; en Linguas Estranxeiras; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Tradución e Interpretación ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

• Posuír coñecementos de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2.

• Ter formación, polo menos elemental, en terminoloxía ou en lexicografía (demostrable mediante a superación dalgunha materia, publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc.).

6. Proxecto Informes de literatura.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a en Filoloxía Galega ou Galego-Portuguesa ou graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Linguas e Literaturas Modernas (con maior ou minor en Lingua e Literatura Galegas) ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

• Acreditar coñecementos na elaboración de repertorios bibliográficos comentados, ben mediante estudos que inclúan formación a este respecto a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios ...) ben pola publicación de traballos concretos arredor deste contido.

7. Proxecto Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a en Filoloxía Galega ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación; en Lingua e Literatura Modernas (con maior ou minor en Lingua e Literatura Galegas) ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

• Acreditar coñecementos específicos en crítica e investigación literarias, ben mediante estudos que as inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...), ben pola publicación de traballos concretos dos que participen estas disciplinas.

8. Proxecto Lírica profana galego-portuguesa.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a en Filoloxía Galega, Portuguesa, Hispánica, Clásica ou Románica, ou ben graduado/a en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Lingua e Literatura Modernas (con maior ou minor en Filoloxía Románica); en Lingua e Literatura galegas; en Lingua e Literatura Españolas ou en Filoloxía Clásica ou outras titulacións que se consideren equivalentes.

• Acreditar coñecementos específicos de literatura románica medieval (especificamente lírica) mediante estudos que a inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, e/ou pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios..., dun mínimo de 40 horas de duración) centradas na literatura medieval.

• Acreditar a capacidade para ler/ traducir textos en diferentes linguas románicas no período medieval mediante estudos realizados durante a licenciatura/grao ou máster, e/ou pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios, dun mínimo de 40 horas de duración). Os solicitantes deberán evidenciar nos seus expedientes os datos que avalan tal capacidade.

9. Proxecto Dimensións da identidade colectiva de Galicia.

Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:

• Ser licenciado/a ou graduado/a en Ciencias Políticas e da Administración ou outras titulacións que se consideren equivalentes.

• Posuír coñecementos avanzados de estatística quer avalados con título oficial a nivel de máster que conteñan materias relativas a estes coñecementos, quer con graos específicos neste campo.

• Acreditar experiencia no manexo do software Bellview System e en control de campo.

• Acreditar experiencia no manexo dos softwares de análise estatística, SPSS, STATA ou R.

missing image file
missing image file
missing image file