Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 18 de xuño de 2019 Páx. 29091

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Eduardo García-Zabarte Freire, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o 21 de decembro de 2018, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número de protocolo 1207, por Beproject Consultoría de Formación y Empleo, S.L., e Eduardo García-Zabarte Freire.

3. A Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, constitúese como un instrumento para alcanzar un obxectivo de promoción sociolaboral concretado en dúas finalidades: laboral e social.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación inicial, á identificación dos membros do padroado e aos estatutos.

5. Nos estatutos da Fundación consta, entre outros aspectos, a denominación, o domicilio, os fins e as actividades para a consecución dos seus fins, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e as formas de deliberar e adoptar acordos, as causas de extinción e o destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Eduardo García-Zabarte Freire como presidente; María Luisa Freire Pérez como vicepresidenta e Beproject Consultoría de Formación y Empleo, S.L. como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de abril de 2019 (DOG núm. 97, do 23 de maio), clasificouse como de interese laboral a Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social e adscribiuse á Consellería de Economía, Emprego e Industria para efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

3. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, polo que,

RESOLVO:

Declarar de interese galego a Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividade, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado que será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía,
Emprego e Industria