Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 18 de xuño de 2019 Páx. 29235

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO do Anuncio do 5 de xuño de 2019 polo que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, 20 prazas de formación en actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa-Semana Europea das Rexións e das Cidades.

BDNS (Identif.): 461209.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das prazas de formación serán o persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da Fundación Galicia Europa (FGE): Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro; persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións); persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

Segundo. Obxecto

Este anuncio ten por obxecto convocar 20 bolsas de formación para o desenvolvemento de actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, Programa TecEuropa-Semana Europea das Rexións e das Cidades.

A edición desenvolverase entre os días 7 e 11 de outubro en Bruxelas, coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades.

As axudas para actividades formativas reguladas nesta convocatoria concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 10 de maio de 2019 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

Cuarto. Importe

O importe total destinado ao financiamento das prazas para a actividade formativa ascende a un total de catorce mil euros (14.000 €). A FGE aboará un máximo de 700 euros a cada persoa beneficiaria de acordo co artigo 19 das bases reguladoras.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa