Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 19 de xuño de 2019 Páx. 29339

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con financiamento plurianual (código de procedemento VI432D).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, o cal prevé un Programa de fomento de construción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade para ser explotadas en réxime de alugamento ou cesión en uso, dirixido a incentivar economicamente a súa promoción, pública ou privada, co compromiso de permanencia mínima neses réximes durante corenta anos.

O artigo 5 da citada norma atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas deste plan, unha vez que se teña recoñecido o dereito das persoas ou entidades beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e límites establecidos no citado real decreto.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, aproba esta resolución co obxectivo de facilitar o desfrute dunha vivenda digna e axeitada a persoas maiores e discapacitadas en réxime de alugamento ou cesión en uso, con renda ou prezo limitado, mediante o fomento de conxuntos residenciais con instalacións e servizos comúns adaptados.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime destas axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa para o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade previstas no capítulo X do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitarán co código de procedemento VI432D.

2. A finalidade deste programa é o fomento da construción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade, xunto coas instalacións e servizos comúns necesarios para ser explotadas en réxime de alugamento ou cesión de uso.

3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

1. Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conte coa correspondente referencia catastral.

2. Conxunto histórico: interpretarase de conformidade co artigo 10.1.g) da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia.

3. Zonas territoriais nas cales se sitúen as vivendas: son as zonas establecidas no anexo I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde VIV/1952/2009, do 2 de xullo, pola que se declaran os ámbitos territoriais de prezo máximo superior para o ano 2009, para os efectos do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

4. Unidade de convivencia da persoa arrendataria ou cesionaria da vivenda: o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.

5. Persoa maior de 65 anos: aquela que na data de formalización do contrato de alugamento ou cesión de uso teña 65 ou máis anos.

6. Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

7. Familia numerosa: interpretarase de conformidade co artigo 4 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, desenvolvida polo Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro.

8. Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Sétimo. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Oitavo. Financiamento deste programa

O financiamento deste programa exixe a subscrición dun acordo no seo da comisión bilateral de seguimento entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, o concello correspondente.

Noveno. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Décimo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Bases reguladoras

Décimo primeiro. Requisitos das vivendas

Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que se trate de edificios de tipoloxía residencial colectiva de nova construción ou de vivendas procedentes da rehabilitación de edificios.

b) Que teñan o número mínimo de vivendas que exixa a correspondente resolución de convocatoria.

c) Que se atopen totalmente baleiros de inquilinos ou outros ocupantes por calquera título.

d) Que as obras da promoción non estean iniciadas e/ou finalizadas na data que se indique na resolución de convocatoria.

e) Que as actuacións de obra nova e de rehabilitación das edificacións se realicen conforme os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

f) Que dispoñan dunhas instalacións e servizos comúns que deberán de incluír como mínimo: asistencia social, atención médica básica 24 horas dispoñible e cercana, limpeza e mantemento, dispositivos e sistemas de seguridade, restauración, actividades sociais, deportivas, de lecer e culturais, así como de terapias preventivas e de rehabilitación. O deseño dos espazos garantirá a adecuación e a accesibilidade para o seu uso por persoas maiores ou, de ser o caso, de persoas con discapacidade.

g) Que as súas vivendas teñan unha cualificación enerxética correspondente ao consumo enerxético, como mínimo, dunha letra B, de acordo coa normativa de aplicación.

h) Que todas as súas vivendas se vaian ceder en uso ou destinar ao arrendamento durante un prazo mínimo de corenta anos, o que deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

Décimo segundo. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público. Así mesmo, as entidades de dereito privado, as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

b) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas ás cales se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. As entidades beneficiarias deberán atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

4. No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiarios será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme o artigo 208 e seguintes do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Décimo terceiro. Contía das axudas

1. A contía da axuda directa será proporcional á superficie útil de cada vivenda e de ata un máximo de 400 euros por metro cadrado da dita superficie útil. A contía máxima desta axuda non poderá superar o 40 % do investimento da actuación.

2. Para a determinación da contía da axuda non se terá en conta a superficie útil dos garaxes nin dos rochos.

3. O investimento da actuación estará constituído por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate excepto impostos, taxas e tributos. Inclúese o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, os informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación non se admitirá a inclusión do custo do solo.

Décimo cuarto. Limitación do prezo de alugamento ou da cesión en uso

1. O prezo do alugamento ou da cesión do uso non poderá superar os límites que se indican en euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de vivenda máis, de ser o caso, un 60 % da dita contía por metro cadrado de superficie útil de praza de garaxe ou de calquera outra superficie adicional anexa á vivenda sen inclusión, en ningún caso, de superficies de elementos comúns:

Ámbito territorial

Renda/m2 útil de vivenda

Renda/m2 útil de rocho e garaxe

Prezo máx. superior

5,23 €

3,14 €

Zona 1

4,55 €

2,73 €

Zona 2

4,12 €

2,47 €

2. Estes prezos máximos deberán figurar na resolución de concesión da axuda.

3. A persoa arrendadora poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que lle corresponda, o custo real dos servizos de que goce a persoa inquilina e se satisfagan pola persoa arrendadora, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.

4. A persoa cedente poderá percibir, ademais do prezo inicial ou revisado que se acorde, o custo real dos servizos de que goce a persoa cesionaria e se satisfagan pola persoa cedente, así como os gastos de comunidade e impostos, taxas ou tributos, tamén satisfeitos pola persoa cedente, cuxa repercusión sexa acordada na cesión en uso.

5. No caso de promocións ou vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, os prezos máximos de renda ou cesión, serán os establecidos na normativa específica, non podendo superar os límites sinalados neste ordinal.

Décimo quinto. Límite de ingresos das persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas

1. As vivendas financiadas con cargo a este programa unicamente poderán ser alugadas ou cedidas en uso ás persoas maiores de 65 anos ou a persoas con discapacidade (coas súas familias en caso de persoas tuteladas), cuxos ingresos, incluídos os de todas as persoas que constitúan a súa unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM.

2. As persoas arrendatarias ou cesionarias non poderán dispoñer, no momento de habitar a vivenda, de vivenda propia ou en usufruto, e o seu patrimonio, para os efectos da Lei do imposto sobre o patrimonio, terá que ser inferior a 200.000 euros. Para estes efectos, non se considerará que se é propietario ou usufrutuario dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento.

3. Non será exixible a non disposición de vivenda referida no parágrafo anterior nos seguintes casos:

a) Cando o titular da vivenda acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación, divorcio ou calquera outra causa allea á súa vontade.

b) Cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do titular ou dalgún membro da unidade de convivencia.

4. Para a determinación dos ingresos da unidade de convivencia das persoas arrendatarias e cesionarias da vivenda partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia, relativa ao período impositivo con prazo de presentación vencido na data de formalización do correspondente contrato de alugamento ou cesión en uso.

5. Para a comprobación do cumprimento dos requisitos de ingresos das persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas será obrigatorio o visado dos contratos de arrendamento na correspondente área provincial do IGVS onde se sitúan as vivendas ou a promoción. Para estes efectos, a parte arrendadora ou cedente deberá presentar os contratos, en triplicado exemplar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa data de subscrición. Estes contratos deberán conter as cláusulas relativas ás obrigas que resulten da concesión destas axudas.

Décimo sexto. Prazo de execución das actuacións

1. O prazo para executar as obras correspondentes a actuacións financiadas con cargo a este programa virá fixado na resolución de concesión, sen que poida exceder os 30 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución, que poderá estenderse a 36 meses cando se trate de promocións de máis de 50 vivendas. Cando se trate de actuacións de rehabilitación, os prazos non poderán exceder os 24 meses.

2. Cando o prazo de execución fixado na resolución de concesión fose inferior ao sinalado no parágrafo anterior, este poderá ampliarse ata o citado prazo máximo, logo de solicitude da entidade beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, se concorresen causas que a xustifiquen e sempre que se conte coa correspondente dotación orzamentaria.

Décimo sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo á correspondente resolución de convocatoria que deberá dirixirse ao IGVS. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade, así como a súa contía.

c) Compromiso de destinar as vivendas a alugamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 40 anos.

d) Declaración de que non se lle revogou algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á entidade solicitante.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Décimo oitavo. Documentación complementaria e a súa forma de presentación

1. Coa solicitude achegarase a documentación complementaria que se especifique na correspondente resolución de convocatoria.

2. As persoas xurídicas e as entidades obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos, así como as súas persoas representantes, deberán presentar a documentación complementaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presente a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se vaian presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo.

Décimo noveno. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios e puntuacións:

a) Número de vivendas da promoción destinadas ao alugamento ou a cesión en uso:

– De 8 a 25 vivendas: 5 puntos.

– Máis de 25 vivendas: 10 puntos.

b) Zona territorial en que se sitúa a promoción:

– Municipios incluídos na zona territorial II: 5 puntos.

– Municipios da zona territorial I: 10 puntos.

– Municipios das áreas territoriais de prezo máximo superior: 15 puntos.

c) Suxeición a protección pública das vivendas:

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime concertado: 5 puntos.

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime xeral: 10 puntos.

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime especial: 15 puntos.

d) No suposto que a actuación conte con licenza municipal de obras: 10 puntos.

e) No suposto de edificios situados en conxuntos históricos: 10 puntos.

2. No caso de igualdade de puntuación, resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos na correspondente convocatoria.

Vixésimo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

3. Co obxecto de realizar a selección das persoas e das entidades beneficiarias, constituirase unha Comisión de Valoración, composta polas persoas titulares das seguintes unidades:

a) Presidente/a: Secretaría Xeral do IGVS.

b) Vogais:

– Dirección Técnica de Fomento do IGVS, que realizará as funcións de secretario/a.

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

– Un/unha arquitecto/a da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Vixésimo primeiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación no DOG da resolución de convocatoria realizada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. O órgano instrutor tras a comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, procederá á preavaliación das solicitudes presentadas, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no ordinal décimo oitavo. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá requirir as entidades solicitantes a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

6. A Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, que conterá a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpran os requisitos e a subvención que lles corresponde, de conformidade co establecido no artigo 33.5 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. O órgano instrutor, á vista do informe sinalado no parágrafo anterior, redactará a proposta de resolución de concesión das subvencións que remitirá á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e que deberá conter unha memoria-programa, onde se defina cada actuación en todos os seus aspectos e se xustifique a súa viabilidade económica, para os efectos de que proceda á súa remisión ao Ministerio de Fomento.

8. Logo da subscrición do acordo previsto no ordinal oitavo, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá o que en dereito proceda, sobre cada unha das solicitudes presentadas.

Vixésimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vixésimo terceiro. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria indicará as entidades beneficiarias, actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o prazo para a execución das actuacións, así como o prezo máximo do alugamento ou da cesión en uso das vivendas.

Para o caso de que a subvención se configurase con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal vixésimo sexto e tendo en conta os requisitos establecidos no punto terceiro do ordinal vixésimo sétimo desta resolución.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a entidade interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo cuarto. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Vixésimo quinto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, nas bases reguladoras ou na resolución de convocatoria.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Vixésimo sexto. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán comunicar ao IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión.

2. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da entidade beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade á data sinalada na convocatoria, de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez días anteriores a esa data.

4. No caso de que non se teña presentado a xustificación da anualidade no prazo correspondente nin tampouco se teña concedido un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou á entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, incluída a comprobación material do investimento cando a subvención sexa superior aos 60.000 euros, de conformidade co artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento emitirá un certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nestas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Vixésimo sétimo. Pagamento da subvención. Pagamentos á conta

1. O pagamento, total ou parcial da subvención, requirirá que a entidade beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase ás entidades beneficiarias mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos na solicitude.

2. De conformidade co artigo 62 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, que non poderá exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. As entidades beneficiarias estarán obrigadas a constituír garantías, de acordo co artigo 67 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. Quedan exentos da constitución de garantías as entidades beneficiarias que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 65.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. De conformidade co artigo 71 in fine do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e sen prexuízo dos pagamentos á conta, non se poderá pagar á entidade beneficiaria o último 20 % da axuda ata que as vivendas resultantes estivesen rematadas, un mínimo do 20 % estean ocupadas en réxime de arrendamento ou cesión en uso e se producise a anotación rexistral da nota marxinal referida ao destino das vivendas.

Vixésimo oitavo. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

2. Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as entidades beneficiarias.

3. Destinar as vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 40 anos, contado desde a licenza municipal de primeira ocupación.

4. Alugar ou ceder en uso as vivendas a persoas cuxos ingresos, incluídos os das persoas que integran as súas unidades de convivencia, non superen o límite establecido.

5. Alugar ou ceder en uso as vivendas sen exceder o prezo máximo fixado na resolución de concesión da subvención.

6. Presentar no IGVS, para o seu visado, os contratos de arrendamento ou de cesión en uso das vivendas, nos termos establecidos no ordinal décimo quinto desta resolución.

7. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2018-2021, polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.

8. Non poderán concertar, en ningún caso, a execución total ou parcial das actuacións con persoas ou entidades que se atopen nalgún dos supostos previstos no número sétimo do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

10. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

11. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

12. As demais obrigas que se derivan das bases reguladoras e da resolución de convocatoria.

Vixésimo noveno. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Trixésimo. Compatibilidade e incompatibilidade

1. De conformidade co establecido no artigo 69 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, estas subvencións serán compatibles con calquera outra subvención concedida por outras administracións públicas para a mesma finalidade. Non son compatibles coas subvencións que para a promoción ou rehabilitación de vivendas existan noutros programas do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

III. Convocatoria da anualidade 2019, con carácter plurianual.

Trixésimo primeiro. Obxecto

A convocatoria para solicitar as subvencións do fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan 2018-2021 para a anualidade 2019, rexerase polo establecido nesta resolución.

Trixésimo segundo. Requisitos e prazo para execucións das actuacións

1. De conformidade co sinalado no ordinal décimo primeiro 1.b) as promocións deberán contar cun mínimo de 8 vivendas.

2. As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2019, e non poderán estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

3. O prazo para executar as obras correspondentes a actuacións financiadas con cargo a esta convocatoria non poderán exceder os 24 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución de concesión.

Trixésimo terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.83.451B.760.0, 07.83.451B.770.0 e 07.83.451B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Aplicación

Importe 2019

Importe 2020

Importe 2021

07.83.451B.760.0

Proxecto 2019 00006 FFE

400.000 €

300.000 €

600.000 €

07.83.451B.770.0

Proxecto 2019 00005 FCA

Proxecto 2019 00006 FFE

208.700 €

500.000 €

528.400 €

450.000 €

515.200 €

900.000 €

07.83.451B. 781.0

Proxecto 2019 00006FFE

185.700 €

64.600 €

133.800 €

Total

1.294.400 €

1.343.000 €

2.149.000 €

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Trixésimo quinto. Solicitudes e documentación complementaria

1. A solicitude de concesión realizarase, na forma sinalada no ordinal décimo sétimo, mediante a presentación do anexo I que se acompaña a esta resolución e que deberá dirixirse ao IGVS. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Documento administrativo acreditativo da cesión ou a concesión administrativa do solo ou, de ser o caso, a escritura pública de constitución do dereito de superficie ou de titularidade do solo ou, de ser o caso, da titularidade do inmoble que se rehabilitará.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, de ser o caso.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo que habilite a execución da promoción.

– Número de vivendas de la promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugamento ou cesión en uso.

– Relación e descrición detallada das instalacións e servizos comúns con que conta a promoción segundo o establecido no punto 1.d) do ordinal décimo primeiro desta resolución.

– Orzamento detallado da actuación para a que se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación coherente cos prazos establecidos nesta convocatoria.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

f) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG desta resolución, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

g) Declaración responsable da persoa ou entidade beneficiaria, de que a promoción se atopa totalmente baleira de inquilinos ou outros ocupantes por calquera título.

h) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación de consumo enerxético como mínimo da letra B.

i) Licenza municipal de obras ou, solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

j) No caso de edificios situados en conxuntos históricos, documentación xustificativa desta circunstancia.

k) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable en que se acredite ter cumprido o requisito sinalado no ordinal décimo segundo, punto 4.

l) No caso de solicitudes presentadas por concellos, certificado da secretaría municipal en que se acredite ter cumprido o requisito sinalado no ordinal décimo segundo, punto 5.

m) No caso das entidades de dereito privado, as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, certificado emitido polo seu órgano competente que acredite o seu obxecto social no momento da presentación da solicitude.

Trixésimo sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa representante da entidade solicitante.

b) Validación do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Número de identificación fiscal da entidade representante.

d) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trixésimo sétimo. Prazo para a presentación da documentación xustificativa

1. A comunicación do remate final ou parcial das obras deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión. A documentación xustificativa presentarase de conformidade co anexo II que se acompaña a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de obras, no suposto de que non se achegase con anterioridade.

b) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo/a solicitante.

d) Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.

e) Fotografías que mostren as obras realizadas.

f) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) De ser o caso, documento acreditativo da constitución das garantías previstas no ordinal vixésimo sétimo, número 3.

h) De ser o caso, indicación do expediente de cualificación provisional da actuación.

3. A comunicación final das obras, ademais da documentación sinalada no punto 2, no suposto de non tela achegado con anterioridade, deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de fin de obra, en que se faga constar que as actuacións se realizaron conforme os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

b) Licenza de primeira ocupación, de ser o caso.

c) Certificado de eficiencia enerxética de edificio rematado en que conste a cualificación de consumo enerxético mínima da letra B, debidamente rexistrado ante o organismo correspondente.

d) Copia da escritura de división horizontal da edificación.

e) Nota marxinal da inscrición no Rexistro da Propiedade do destino das vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 40 anos.

f) Contratos de arrendamento ou cesión en uso formalizados na porcentaxe mínima establecida no ordinal sétimo, punto 4.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file