Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 19 de xuño de 2019 Páx. 29335

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI432C).

BDNS (Identif.): 461782.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público. Así mesmo, as entidades de dereito privado, as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas ás cales se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. As persoas ou as entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

4. No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme o artigo 208 e seguintes do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitarán co código de procedemento VI432C.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.83.451B.760.0, 07.83.451B.770.0 e 07.83.451B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Aplicación

Importe 2019

Importe 2020

Importe 2021

07.83.451B.760.0

Proxecto 2019 00004-FFE

750.000 €

400.000 €

618.000 €

07.83.451B.770.0

Proxecto 2019 00003-FCA

Proxecto 2019 00004-FFE

500.000 €

810.000 €

400.000 €

400.000 €

500.000 €

700.000 €

07.83.451B. 781.0

Proxecto 2019 00004

300.000 €

200.000 €

200.000 €

Total

2.360.000 €

1.400.000 €

2.018.400 €

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Importe

1. A contía das axudas será proporcional á superficie útil de cada vivenda e será a seguinte, en función da modalidade escollida:

a) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 350 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50% do investimento da actuación, cun límite máximo de 36.750 euros por vivenda.

b) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 300 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40% do investimento da actuación, cun límite máximo de 31.500 euros por vivenda.

2. Para a determinación da contía da axuda non se terá en conta a superficie útil dos garaxes nin dos rochos.

3. O investimento da actuación estará constituído por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate excepto impostos, taxas e tributos. Inclúese o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, os informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación, non se admitirá a inclusión do custo do solo. No suposto das vivendas ou promocións reiniciadas, non se admitirá a inclusión do custo do solo nin das partidas executadas con anterioridade ao reinicio.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo