Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 19 de xuño de 2019 Páx. 29413

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2019 pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Por Resolución do 8 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio), convocouse un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A base IV da convocatoria establece que «unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de quince (15) días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».

Durante este prazo, as persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados na resolución de convocatoria aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos atoparase no enderezo electrónico https://portax.xunta.es e na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica. A elección de postos deberá realizarse electronicamente accedendo a través do Portal do Empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es.

Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que tendo presentado unha solicitude de participación non presenten a correspondente solicitude de elección de postos de traballo.

Pola súa banda, a base VI da convocatoria do concurso describe o procedemento a seguir para a xustificación dos méritos e requisitos especificando que estes deberán posuírse na data de remate do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente, o día 12 de xuño de 2019, incluido.

Os prazos habilitados para a presentación das solicitudes de participación e a xustificación dos méritos e requisitos comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, concretándose no seguinte cadro resumo:

Descrición

Prazo

Período

Observacións

Presentación das solicitudes de elección de postos.

15 días hábiles

Desde o 20 de xuño ata o 10 de xullo de 2019.

Base IV da convocatoria do concurso.

Xustificación de méritos: conformidade cos datos

15 días hábiles

Desde o 20 de xuño ata o 10 de xullo de 2019.

Base VI.2 da convocatoria do concurso.

Xustificación de méritos: desconformidade cos datos. Expedición do certificado.

20 días hábiles

Desde o 20 de xuño ata o 17 de xullo de 2019.

Base VI.2 da convocatoria do concurso.

Xustificación de méritos: desconformidade cos datos. Presentación do certificado.

20 días hábiles

Desde o 20 de xuño ata o 17 de xullo de 2019.

Base VI.2 da convocatoria do concurso.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública