Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 21 de xuño de 2019 Páx. 29845

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se outorga a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, dunha instalación de evacuación de xeración de enerxía eléctrica no termo municipal de Vimianzo (expediente IN408A 2018/15-1).

Expediente: IN408A 2018/15-1.

Solicitante/promotora: Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U.

Denominación da instalación: liña de alta tensión 66 kV Miñón.

Localización: Vimianzo.

Feitos:

1. O 23 de abril de 2018, Manuel García Pardo, en nome e representación de Greenalia Power, S.L.U., solicitou ante esta xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, das instalacións do proxecto de execución denominado liña de alta tensión 66 kV Miñón, coa finalidade de evacuar a enerxía eléctrica xerada (24,255 MW) no parque eólico proxectado de Miñón (IN408A 2017/07).

2. A solicitude está acompañada do preceptivo proxecto de instalacións subscrito por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro industrial (colexiado núm. 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Ourense), con visado dixital núm. V180122 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Ourense, do 13 de abril de 2018, así como do correspondente documento ambiental, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considera de necesaria expropiación segundo o establecido no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. Xunto co proxecto achégase unha declaración responsable asinada por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, nº colexiado 482 de Ourense, na cal se acredita o cumprimento de toda a normativa que lles é de aplicación ás instalacións recollidas no proxecto, segundo o establecido no número 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG do 19 de marzo).

4. O proxecto do parque eólico de Miñón e da súa liña de evacuación LAT 66 kV Miñón foi declarado de interese especial mediante o Acordo do 18 de maio de 2018, do Consello da Xunta, que se fixo público mediante a Resolución do 21 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

5. O 26 de xullo de 2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe en relación co proxecto sectorial da LAT 66 kV de evacuación do P.E. Miñón, no cal se indican os informes sectoriais preceptivos que, cando menos, deberán constar no expediente do proxecto sectorial con sentido favorable.

6. A solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal sometéronse ao trámite de información pública polo Acordo desta xefatura territorial do 9 de outubro de 2018, que foi publicado no DOG núm. 199, do 18 de outubro, no xornal La Voz de Galicia do 18 de outubro, no taboleiro de anuncios do Concello de Vimianzo e no Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial.

7. Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións relativas ás autorizacións da instalación e a declaración de utilidade pública:

a) Evaristo Suárez Corzón alega que o predio núm. 9 (parcela 292 do polígono 61) non ten unha plantación de eucaliptos senón unha plantación de pinus pinaster de 12 anos de antigüidade e que o predio núm. 49 (parcela 711 do polígono 61) non ten cultivo «ermo e eucaliptos» senón que é unha plantación de piñeiral con antigüidade de entre 15 e 30 anos, o que solicita que se teña en conta á hora de fixar o prezo dos bens.

b) María Lago Martínez alega que na súa parcela 861 do polígono 61 non hai unha plantación de eucaliptos, senón que é agrícola e están plantadas especies forraxeiras, o que solicita que se teña en conta á hora de fixar o prezo dos bens.

c) Yolanda Facal Touriñán alega que o predio núm. 24 (parcela 437 do polígono 61) é da súa propiedade con carácter privativo (achega documentación) e solicita que se modifique a RBDA.

d) María Touriñán Rial alega que o predio núm. 25 (parcela 425 do polígono 61) é da súa propiedade con carácter privativo (achega documentación) e solicita se modifique a RBDA.

e) José Mato Domínguez alega que o predio núm. 1 (parcela 410 do polígono 64) é da súa propiedade e solicita que se modifique a RBDA (achega certificación catastral).

As alegacións foron remitidas a promotora para a súa contestación.

8. De conformidade co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, remitíronse separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establecesen o condicionado técnico procedente no prazo de dez días. En concreto, remitíronse separatas ao Concello de Vimianzo, a Augas de Galicia, a Unión Fenosa Distribución, S.A. e a Telefónica de España, S.A.U.

Os informes recibidos, cos condicionados establecidos, remitíronse a promotora para a súa conformidade o para que presentase os reparos que xulgase procedentes.

9. O 14 de decembro de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe de impacto ambiental da LAT 66 kV de evacuación do P.E. Miñón no concello de Vimianzo, no cal se establecen que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e se impoñen determinadas condicións ambientais.

10. O 6 de febreiro de 2019, Greenalia Power, S.L.U. presentou un proxecto de execución modificado, asinado por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, núm. colexiado 482 de Ourense, con núm. de visado v180122-G1, do 25 de xaneiro de 2019, no cal se inclúen memoria, planos e orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000.

Esta modificación ten motivo no cambio de localización da subestación onde comeza a liña deste proxecto. Esta subestación forma parte do proxecto do P.E. Miñón (IN408A 2017/07) que foi modificado reflectindo este cambio de localización (Resolución do 22 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas).

Coa citada documentación presentou a modificación da relación de bens e dereitos afectados, así como a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e novas separatas para as distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, con bens e dereitos ao seu cargo.

11. De conformidade co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, remitíronse as novas separatas do proxecto modificado ao Concello de Vimianzo, a Augas de Galicia e a Naturgy Wind, S.A. co obxecto de que establecesen o condicionado técnico procedente no prazo de dez días.

Os informes recibidos, cos condicionados establecidos, remitíronse a promotora para a súa conformidade ou para que presentase os reparos que xulgase procedentes.

12. O 11 de febreiro de 2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu autorizar o cambio de titularidade da solicitude de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U.

13. O proxecto de instalacións modificado, así como a nova relación de bens de dereitos afectados e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal modificado sometéronse ao trámite de información pública mediante o Acordo desta xefatura territorial do 14 de febreiro de 2019 que foi publicado no DOG núm. 37, do 21 de febreiro, no xornal La Voz de Galicia do 21 de febreiro, no taboleiro de anuncios do Concello de Vimianzo e no Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial.

14. O 4 de marzo de 2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou de que a determinación da necesidade de iniciar unha nova avaliación de impacto ambiental ao abeiro do artigo 7 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, modificada pola Lei 9/2018, do 5 de decembro, motivada polo cambio na localización da subestación do parque eólico, quedaba supeditada á emisión do informe favorable dese órgano ambiental que se indica na DIA do P.E. Miñón.

O 5 de maio de 2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o dito informe indicando que se considera resolto a cuestión suscitada verbo da localización da subestación transformadora do parque e, polo tanto, emítese informe favorable, sen prexuízo do cumprimento das restantes condicións establecidas na declaración de impacto ambiental.

15. O 12 de xuño de 2019, o Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial emitiu unha proposta de resolución favorable.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalación eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– A Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 9 de marzo).

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– O Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión (BOE núm. 222, do 13 de setembro).

– O Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

– O Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– A Resolución do 19 de febreiro de 2014 pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

3. As características técnicas máis salientables das instalacións para as cales solicita a autorización administrativa previa, de construción e a declaración de utilidade pública son:

LAT a 66 kV, de 5.851,30 m, condutor tipo LA-180 Al, con orixe na subestación de evacuación do P.E. Miñón proxectado (IN408A 2017/07) e final no apoio núm. 23 da liña proxectada e MTE-04 do tramo I.2 da LAT 66 kV P.E. Monte Tourado-Eixe/Monte Tourado, subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV (Vimianzo-Zas-Dumbría) (IN407A 2017/166-1) proxectada.

4. A promotora da instalación, Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polas distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados.

5. Á vista das alegacións presentadas ao proxecto da instalación eléctrica, da contestación que deu a elas a empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

a) Con respecto ás alegacións relativas aos novos enderezos de contacto e á propiedade e/ou titularidade de dereitos sobre os bens afectados que figuran na RBDA, cómpre indicar que a promotora Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. manifesta que tomou nota dos cambios de titularidade e que os posteriores trámites se efectuarán tendo en conta os novos titulares.

b) No que respecta á discrepancia no tipo de cultivo existente nos predios, os datos de cultivo que figuran son os que se encontran na Xerencia Territorial do Catastro da Coruña. Unha vez autorizada a instalación e declarada a súa utilidade pública, ás persoas propietarias seranlles comunicados o día e a hora do levantamento da acta previa da ocupación para que poidan comparecer e comprobar a correcta anotación de todos os bens afectados, incluída a corrección do tipo de cultivo.

As alegacións referidas en materia ambiental, urbanística ou de valoración do prexuízo económico sobre os bens e dereitos afectados polo proxecto de referencia non son materia desta resolución.

6. No expediente consta un informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial no cal se establece que desde un punto de vista técnico non se encontra ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, da instalación eléctrica da liña de alta tensión 66 kV Miñón.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa e de construción e declarar a utilidade pública da instalación denominada liña de alta tensión 66 kV Miñón, de acordo co proxecto asinado por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, núm. colexiado 482 de Ourense, con núm. de visado v180122-G1 do 25 de xaneiro de 2019.

2. A posta en servizo da instalación (autorización de explotación) deberá ser expresamente solicitada polo seu titular perante esta xefatura territorial, achegando á citada solicitude a seguinte documentación:

– Declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e certificacións ou homologacións, se procede, segundo establece o punto 3.d) da ITC-RAT 22, do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 ou xustificación da non necesidade.

– Certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas que sexan de aplicación na montaxe e posta a punto.

Mediante este documente notifícaselles á sociedade Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. e ao resto dos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), facendo constar que poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015.

A Coruña, 17 de xuño de 2019

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña