Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 21 de xuño de 2019 Páx. 29767

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2019 pola que se regula na Comunidade Autónoma de Galicia a tramitación dos procedementos de recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP) e de retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros e se establecen os formularios de presentación de solicitudes (códigos de procedemento PE301A e PE301B).

Primeiro. O artigo 14.1 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, e se modifican os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello e se derroga o regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, establece que poden ser recoñecidas como OPP todas as agrupacións creadas por iniciativa de produtores do sector pesqueiro que o soliciten, sempre que cumpran os principios establecidos no artigo 17 do dito regulamento, desenvolvan unha actividade económica suficiente, teñan personalidade xurídica e estean en condicións de perseguir os obxectivos recollidos no artigo 7 do devandito regulamento, entre outros.

Segundo. O artigo 2 do Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores pesqueiros e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón os prazos, procedementos e formularios de solicitude de recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais.

Terceiro. O Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece o formato, a estrutura e os prazos e procedementos de presentación dos plans de produción e comercialización, entre outras consideracións.

Cuarto. A Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro, dispón no artigo 55 que o recoñecemento oficial das OPP, da súa representatividade e o seu carácter exclusivo nunha zona, corresponde ás comunidades autónomas cando se trate de OPP cuxa produción pertenza principalmente a unha soa comunidade autónoma, e nas porcentaxes e nos termos que regulamentariamente se establezan.

Quinto. O Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece nos artigos 2, 3, e 9 os requisitos para que unha OPP poida ser recoñecida e, no seu artigo 3.6, dispón que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas no caso de ámbito autonómico.

Sexto. O artigo 2 do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, define a administración competente, no caso dunha comunidade autónoma.

Sétimo. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro. Os artigos 90 e 91 establecen que as organizacións de produtores son entidades recoñecidas oficialmente, constituídas por iniciativa das persoas produtoras co fin de garantir o exercicio racional da pesca, do marisqueo e da acuicultura e a mellora das condicións de venda da súa produción; e que validamente constituída unha asociación de produtores, para obter o recoñecemento oficial de organización de produtores pesqueiros, os seus socios deberán ter principalmente o seu domicilio social e a súa produción en Galicia nas porcentaxes e nos termos establecidos na normativa vixente nesta materia, que regulamentariamente se establecesen as condicións e os requisitos para acceder e conservar o recoñecemento de organización de produtores pesqueiros e que este recoñecemento se poderá retirar cando se incumpran os requisitos que determinaron o seu outorgamento.

Oitavo O artigo 1 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece a competencia da Consellería do Mar para propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/as profesionais do sector, entre outros, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española. Así mesmo, segundo o artigo 8, á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer a dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura; das industrias de transformación e comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, entre outros.

En definitiva, en cumprimento da normativa citada, a presente resolución regula a tramitación e habilita a presentación electrónica das solicitudes de recoñecemento como organización de produtores pesqueiros e de retirada do dito recoñecemento mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, dando cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e obriga de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Por todo o que antecede,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, a tramitación dos procedementos de recoñecemento como organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e de retirada do recoñecemento como OPP, así como, establecer os formularios de presentación de solicitudes para estes procedementos.

2. Os ditos procedementos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 cos seguintes códigos:

a) Recoñecemento como organizacións de produtores pesqueiros (OPP): PE301A.

b) Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP): PE301B.

3. A regulación dos ditos procedementos está prevista na normativa europea e estatal básica reflectida nesta resolución, quedando circunscritos ao ámbito competencial desta consellería o desenvolvemento da súa tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa habilitación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para efectos da presente resolución empregaranse as definicións recollidas no Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, así como as recollidas na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 3. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar.

3. Son procedementos de prazo aberto, polo que o prazo para a presentación das solicitudes estará aberto todo o ano.

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Requisitos da entidade solicitante no procedemento de recoñecemento como OPP

A. En relación co ámbito do recoñecemento, a constitución da OPP e os seus socios, e conforme os artigos 2.3, 3.1, 3.5 e 3.8 do Real decreto 277/2016:

1. Son de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia aquelas OPP nas cales os seus socios conten con unidades produtivas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ou con unidades produtivas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e noutras comunidades autónomas, sempre e cando a produción das unidades produtivas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia supere o 80 % da produción expresada en Tm do conxunto da organización.

2. Poderá ser recoñecida como OPP, de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, toda persoa xurídica con sede no territorio nacional, integrada por polo menos dous produtores, nacionais, que cumpran os obxectivos e as condicións dos artigos 7, 14 e 17 do Regulamento da OCM, así como os establecidos no Real decreto 277/2016 e na presente resolución.

3. Os socios das OPP só poderán ser produtores profesionais que asuman o risco e ventura da actividade, é dicir, armadores ou mariñeiros á parte que se atopen en activo no caso da pesca extractiva con buque, persoas físicas con licenzas profesionais no caso da pesca extractiva sen buque ou marisqueo, ou titulares de instalacións acuícolas.

4. Un socio dunha OPP española non poderá pertencer a outra OPP española.

B. En relación coa actividade económica suficiente, de conformidade co artigo 3.3 do Real decreto 277/2016:

As OPP de ámbito autonómico deberán obter, polo menos, unha produción cuxo valor económico supere os catro millóns de euros, calculados segundo a produción media dos últimos tres años anteriores á solicitude.

C. En relación cos estatutos e ao abeiro dos artigos 7, 14 e 17 do Regulamento (UE) nº 1379/2013 e aos artigos 2.8 do Real decreto 277/2016:

1. Deberán dispor de estatutos adaptados á OCM, en particular, aos seus artigos 14 e 17 e polo tanto cumprir coas condicións e cos principios seguintes:

1.1. Cumprir cos principios de funcionamento interno, tal e como se estable na OCM:

1.1.1. Cumprimento polos seus socios das normas adoptadas pola organización aplicable á explotación, á produción e á comercialización das pesquerías.

1.1.2. Non discriminación entre os socios, en particular por motivos de nacionalidade ou lugar de establecemento.

1.1.3. Imposición aos seus socios dunha contribución financeira destinada ao financiamento da organización. As OPP establecerán unha cota mínima anual que se satisfará proporcionalmente entre os seus socios e que non será inferior a corenta mil euros anuais.

1.1.4. Funcionamento democrático que permita aos socios controlar a súa organización e as súas decisións.

1.1.5. Imposición de sancións efectivas, disuasorias e proporcionadas por contravir as obrigas establecidas nas normas internas da organización interesada, en particular no caso de falta de pagamento das contribucións financeiras.

1.1.6. Definición de normas sobre a admisión de novos socios e a súa baixa.

1.1.7. Definición de normas contables e orzamentarias para a xestión da organización.

1.2. Estar en condicións de perseguir os obxectivos recollidos no artigo 7 do Regulamento da OCM.

1.3. Deberán cumprir coas normas sobre a competencia a que fai referencia o capítulo V do Regulamento OCM e na Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, así como non abusar dunha posición dominante nun mercado determinado.

1.4. Facilitar información pertinente sobre a súa afiliación, órganos de goberno e fontes de financiamento cando sexa solicitada por unha autoridade competente.

2. Deberán establecer ademais e de conformidade cos artigos 3.1 e 3.2 do Real decreto 277/2016 o seguinte:

2.1. Para os seus socios, un período mínimo de permanencia dun ano natural desde a data da súa admisión pola OPP. A renuncia á condición de socio comunicarase por escrito cunha antelación de polo menos catro meses á data efectiva da baixa. En caso de non comunicalo no dito prazo, o socio manterá a súa condición, sen poder ingresar nunha nova OPP ata que transcorra o dito período de permanencia e sen prexuízo do disposto nos seus estatutos.

2.2. Disposicións relativas a súa xestión e destino do seu patrimonio en caso de disolución sen prexuízo da normativa que lles afecte.

D. En relación coa estrutura organizativa, persoal, infraestrutura e equipamento e de conformidade co artigo 2.7 do Real decreto 277/2016:

Deberán dispoñer dunha estrutura organizativa propia dotada de persoal, da infraestrutura e equipamento necesario para cumprir coas obrigas establecidas na normativa europea e nacional, en particular o coñecemento da produción dos seus socios e a xestión orzamentaria.

E. En relación coas modalidades de OPP estas agruparanse nos seguintes sectores e segmentos de acordo co artigo 2.4 do Real decreto 277/2016:

a) Do sector da pesca.

1º. Segmento de pesca de altura e gran altura.

2º. Segmento de pesca litoral.

3º. Segmento de pesca local.

4º. Outros segmentos da pesca ou o marisqueo.

b) Do sector da acuicultura.

1º. Segmento de acuicultura mariña.

2º. Segmento de acuicultura continental.

c) Conxuntas de pesca e acuicultura.

F. En relación coa memoria xustificativa e conforme coa letra e) do anexo I do Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013 e co artigo 9.1.f) do Real decreto 277/2016:

Deben presentar unha memoria xustificativa das actividades que se pretendan levar a cabo, axustada aos obxectivos e ás medidas dos artigos 7 e 8 do Regulamento da OCM e especificando o ámbito de actividade e os produtos da pesca e acuicultura para os que se solicita recoñecemento.

Artigo 5. Requisitos da entidade solicitante no procedemento de retirada do recoñecemento como OPP

1. De conformidade co artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, todo interesado poderá, cando isto non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos.

2. En todo caso deberán cumprir co establecido nos estatutos en relación coas disposicións relativas ao destino do seu patrimonio en caso de disolución sen prexuízo da normativa que lles afecte.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de recoñecemento como OPP (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Xustificante de aboar a taxa por recoñecemento como OPP co código 326200.

1.2. Declaración responsable por escrito de cada socio produtor na cal se manifeste a voluntariedade da súa adhesión e o coñecemento dos estatutos da organización. O produtor/es e a unidade produtiva, de ser o caso, estarán debidamente identificados e coincidirán cos datos que figuran nos rexistros oficiais da actividade produtiva da Comunidade Autónoma de Galicia. Á falta de rexistros oficiais os datos coincidirán co título administrativo habilitante da actividade produtiva. Nas declaracións deberase acreditar a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito dos produtores que sexan persoas xurídicas ou no caso de entidades sen personalidade xurídica a escritura de constitución en que se identifiquen a todos os seus titulares.

1.3. Relación de produtores, unidades produtivas e produción por especies expresada en kg e € dos tres últimos anos anteriores á solicitude, e que xustifiquen unha actividade económica suficiente.

1.4. Memoria xustificativa de actividades que se pretendan levar a cabo, axustada aos obxectivos e medidas dos artigos 7 e 8 do Regulamento da OCM e especificando o ámbito de actividade e os produtos da pesca e acuicultura para os que se solicita recoñecemento.

1.5. Estrutura organizativa propia, persoal, infraestrutura e equipamento necesario para cumprir coas obrigas establecidas na normativa europea e nacional, en particular o coñecemento da produción dos seus socios e a xestión orzamentaria.

1.6. Escritura de constitución ou, se for o caso, certificado de inclusión no rexistro correspondente de asociacións ou calquera outro documento acreditativo da adquisición de personalidade xurídica, con indicación das persoas con capacidade para actuar en nome e por conta da OPP.

1.7. Estatutos adaptados á OCM, en particular, aos seus artigos 14 e 17 e ao establecido no artigo 4 desta resolución.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de retirada do recoñecemento como OPP (anexo II) a seguinte documentación:

Acordo de disolución da OPP.

3. A documentación necesaria para a tramitación destes procedementos tamén se especifica nos anexos desta resolución. Así mesmo, os interesados poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente para a tramitación destes procedementos.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

5. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

7. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Nestes procedementos de presentación electrónica obrigatoria todos os trámites administrativos dos procedementos aquí regulados deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Información do estado de tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido así como a data en que foron ditados estarán á disposición na carpeta do cidadán en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 10. Resolucións e silencio administrativo

1. De acordo co artigo 10.1 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, as solicitudes de recoñecemento das OPP organizacións profesionais deberán ser resoltas dentro dos tres meses seguintes, a partir do día en que tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver toda a documentación necesaria.

2. O prazo para resolver as solicitudes de retirada de recoñecemento como OPP, de acordo co artigo 21.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, será de tres meses contados desde a data en que a solicitude entrase no rexistro electrónico da Administración.

3. Transcorridos os devanditos prazos sen que se notifique a resolución expresa poderán entenderse estimadas as solicitudes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

A Consellería do Mar publicará un extracto da resolución de recoñecemento como OPP ou de retirada do recoñecemento como OPP no Diario Oficial de Galicia (DOG), no prazo máximo de dous meses desde a súa sinatura, de conformidade co establecido no artigo 8.4 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file