O día 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de setembro de 2016 pola que se crea o Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Este fondo ten como finalidade posibilitar o financiamento das entidades locais no desenvolvemento das súas competencias en relación cos deberes de rehabilitación e conservación para que, ao mesmo tempo, se converta nun instrumento eficaz para impulsar a rehabilitación e a conservación do patrimonio construído, evitando, na medida do posible, a súa deterioración, ata chegar a unha situación de ruína que obrigue á súa demolición.
No ordinal cuarto da citada resolución establécese que o Instituto Galego da Vivenda e Solo publicará anualmente a resolución de convocatoria en que se fixará o procedemento, as condicións e os criterios para o acceso ao financiamento, total ou parcial, das actuacións con cargo ao Fondo de cooperación e nas cales se abrirá un prazo de presentación de solicitudes.
En consecuencia e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2019, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).
Segundo. Crédito orzamentario
1. O Fondo de cooperación está dotado, para esta convocatoria, cun importe de 6.400.000 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.821.60, correspondente á anualidade 2019 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
Terceiro. Concellos destinatarios do financiamento
Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes no 1 de xaneiro de 2019, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
Cuarto. Características das actuacións que se van financiar
1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:
a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.
3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.
Quinto. Condicións de financiamento
1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individualmente ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe co que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.
2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.
3. O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de outubro de 2019 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Sétimo. Solicitudes para acceder ao Fondo de cooperación
1. Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán presentar unha solicitude que deberá ir dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución.
2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.
3. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-servizos/chave365).
Se algún dos concellos interesados presentase a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Oitavo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:
a) Certificado do acordo municipal de solicitar o acceso ao Fondo de cooperación, no que se indique a actuación obxecto de financiamento, o importe solicitado, unha proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, o importe que se vai satisfacer con cargo ás distintas anualidades e a designación da persoa habilitada para realizar os trámites ante a Administración.
b) Memoria descritiva da actuación para a que se solicita o financiamento, asinada polo correspondente responsable municipal, na que se detalle o orzamento total, desagregado por capítulos de obra, o seu prazo de execución ou, de ser o caso, a data para a adquisición do inmoble, a clasificación e cualificación urbanística do solo, a viabilidade urbanística da actuación, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento previstos no ordinal cuarto.
A memoria incluirá unha reportaxe fotográfica do inmoble que se pretende adquirir, no suposto de adquisición de inmobles ou, para o caso de rehabilitacións, documentación gráfica representativa da actuación, como fotografías, infografías ou montaxes dixitais, nas que se poida apreciar o estado inicial e final do inmoble, logo da actuación.
c) Xustificación do órgano municipal competente da proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, de acordo co principio de sustentabilidade financeira.
d) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non ingresadas con cargo ao Fondo de Cooperación Local, para o caso de que non se reintegren as cantidades nos prazos previstos na resolución e no posterior convenio de financiamento.
e) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, os importes das anualidades previstas na resolución e no posterior convenio de financiamento.
f) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao seu sector público.
g) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de que o inmoble que se pretende adquirir vai ser obxecto de rehabilitación, para o caso de adquisición dun inmoble.
h) Reportaxe fotográfica da actuación realizada no momento de presentar a solicitude e certificado do órgano municipal competente no cal se indique que nesa data as actuacións non están rematadas, con indicación da súa porcentaxe de execución, no suposto de que as actuacións estean iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude.
i) Certificado emitido pola persoa titular da Secretaría do concello que acredite que o inmoble é de titularidade municipal, nos supostos de actuacións previstas no ordinal cuarto 1.b).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela en que fose presentada por vía electrónica.
3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.
5. No caso de que os documentos que se vaian presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido por esta, deberán seguirse, para os efectos da súa presentación, as instrucións que figuran no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo
Noveno. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse os seguintes datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Número de identificación fiscal do concello solicitante.
b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.
2. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
3. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.
Décimo. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento
1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica do Fomento do IGVS.
2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS a resolución do procedemento de acceso ao Fondo de cooperación.
Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo segundo. Instrución do procedemento
1. O procedemento iniciarase de oficio mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no ordinal sétimo ou non está acompañada da documentación relacionada no ordinal oitavo, requirirase o concello solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Admitidas as solicitudes, o IGVS comprobará que a actuación se axuste aos requisitos previstos nesta resolución, e poderá solicitar do concello os informes complementarios e a documentación que considere precisa.
4. Unha vez finalizada a fase de instrución, remitirase unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para a adopción da correspondente resolución.
Décimo terceiro. Resolución e recursos
1. As resolucións ditaranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para estes efectos, considerarase como data de entrada da solicitude aquela en que esta estivese validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta convocatoria.
2. A resolución poderá acordar a inadmisión, a estimación ou a desestimación da solicitude de acceso ao Fondo de cooperación.
3. As resolucións de estimación establecerán as actuacións que se van financiar, a contía da que se vai dispor con cargo ao Fondo de cooperación e o prazo e as condicións de reintegro.
4. O prazo máximo para ditar e notificar as resolucións de acceso ao financiamento será dun mes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
5. A eficacia das resolucións estimatorias quedará demorada á sinatura dos correspondentes convenios de financiamento. Para esta sinatura, os concellos interesados, deberán acreditar o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal se realizará mediante a presentación dunha declaración responsable da Secretaría Municipal ante o IGVS.
6. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Décimo cuarto. Convenios de financiamento
1. A aprobación do acceso ao Fondo de cooperación materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e o concello destinatario do financiamento, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.
2. A sinatura do convenio de financiamento terá lugar no prazo non superior a un mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación de acceso ao financiamento.
A sinatura do convenio suporá a íntegra aceptación polo concello do contido da resolución de acceso ao Fondo de cooperación.
De non asinarse o convenio por causas imputables ao concello, este perderá o dereito ao acceso ao financiamento solicitado, que se declarará mediante a correspondente resolución.
Décimo quinto. Disposicións do Fondo de cooperación
1. A disposición das cantidades con cargo ao Fondo de cooperación efectuarase mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado polo concello na súa solicitude. A dita disposición non devindicará xuros.
Os concellos asinantes deberán ingresar na conta indicada polo IGVS no convenio de financiamento os importes fixados na resolución, conforme os prazos de reposición.
2. O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, o importe pendente da disposición, debendo comunicarllo previamente ao IGVS mediante a presentación, cunha antelación mínima de quince días naturais e máxima de sesenta días, tamén naturais, á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada, do anexo III desta resolución.
As amortizacións non poderán ser por unha contía inferior a cincuenta mil euros (50.000 €), agás que o concello queira reintegrar anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta fose inferior á dita cantidade.
O importe amortizado aplicarase proporcionalmente ás anualidades seguintes a aquela en que se realice a amortización.
O IGVS comunicará ao concello as cantidades que se aboarán en cada anualidade como consecuencia da amortización.
3. No suposto de que o concello non repuxese as cantidades acordadas dentro dos prazos fixados na resolución, as citadas cantidades consideraranse vencidas, líquidas e exixibles, para os efectos da súa posible compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local. Neste caso, así como en calquera outro en que se incumprisen as obrigas asumidas polo concello, o IGVS poderá resolver o convenio de financiamento, o que comportará a obriga do concello de devolver a totalidade da cantidade percibida e de aboar os correspondentes xuros legais, calculados desde o día seguinte ao da transferencia das cantidades, así como a imposibilidade de que o concello poida obter unha nova disposición con cargo ao Fondo de cooperación, mentres non se produza o reintegro efectivo das ditas cantidades.
Décimo sexto. Xustificación das actuacións obxecto de financiamento
O cumprimento por parte do concello das finalidades obxecto do financiamento deberá acreditarse ante a Dirección Xeral do IGVS mediante a presentación por vía electrónica dun certificado do órgano competente do concello acreditativo da finalización das actuacións ou, se é o caso, da adquisición do inmoble obxecto de financiamento. O prazo para presentar este documento será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da data de finalización do período de execución da actuación ou, se é o caso, de adquisición do inmoble.
Así mesmo, o concello deberá remitir electronicamente á Dirección Xeral do IGVS, con periodicidade semestral, informe sobre o estado de execución das obras ou, de ser o caso, da adquisición do inmoble acompañado de fotografías, sen prexuízo de que o IGVS poida realizar as comprobacións que considere oportunas.
Décimo sétimo. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo oitavo. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
Décimo noveno. Eficacia da resolución
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2019
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo