BDNS (Identif.): 462309.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos, mancomunidades e consorcios responsables dos sistemas de abastecemento á poboación. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de concellos que, a través dun convenio ou outro instrumento xurídico, xestionen conxuntamente un sistema de abastecemento.
Segundo. Obxecto
Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, e convocar estas axudas para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).
Terceiro. Bases reguladoras
Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).
Cuarto. Importe
As axudas financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €), distribuídos nas seguintes anualidades:
– 2019: 150.000 euros.
– 2020: 100.000 euros.
O importe das axudas será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no punto anterior.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia