O artigo 27.3 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, dispón que as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan, singular ou mancomunadamente, unha poboación igual ou superior a 20.000 habitantes deberán dispoñer dun plan de emerxencia ante situacións de seca, sobre o cal deberá emitir informe o organismo de bacía correspondente, ter en conta as regras e medidas previstas nos plans especiais de seca das demarcacións hidrográficas e estar operativo nun prazo máximo de catro anos.
O artigo 26 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que a Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia determinará a política en relación co ciclo integral de uso urbano da auga, coordinará os plans de emerxencia das entidades locais mencionados no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, e coordinará a actuación das entidades locais nestes ámbitos e, igualmente, a regulación e o outorgamento de auxilios económicos ás devanditas entidades locais nas materias da súa competencia.
Atendendo a este marco competencial, esta resolución ten por finalidade promover que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca no ámbito das catro demarcacións hidrográficas da Comunidade Autónoma, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos, xa que a pesar do transcurso do prazo de catro anos establecido na Lei 10/2001, do 5 de xullo, na maioría dos casos os ditos plans aínda non foron aprobados.
Esta resolución ten a vontade de ser un instrumento xurídico que permita colaborar coas entidades responsables de sistemas de abastecemento á poboación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a xestión das situacións de seca. Tamén regula a compatibilidade das axudas que poida conceder Augas de Galicia coas axudas que poidan conceder outras administracións publicas, en especial as que poidan conceder as deputacións provinciais, no desenvolvemento da súa función de coordinación dos servizos municipais para a garantía da súa prestación integral e adecuada, da función de asistencia e cooperación económica aos concellos, especialmente os de menor capacidade económica, e a función de cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social e na planificación no territorio provincial, segundo o que establece a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, e convocar estas axudas para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).
2. A finalidade das axudas é que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos, mancomunidades e consorcios responsables dos sistemas de abastecemento á poboación. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de concellos, que a través dun convenio ou outro instrumento xurídico, xestionen conxuntamente un sistema de abastecemento.
2. Para obteren a condición de beneficiarias, todas as entidades locais responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes:
a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio orzamentario antes da finalización do prazo de presentación da solicitude de axuda.
c) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que atinxe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de vertedura, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
3. As mancomunidades e consorcios locais deberán estar formalmente constituídos de acordo coa normativa vixente e ter, de conformidade co que dispoñan os seus estatutos, capacidade e obxecto idóneos para levar a cabo plans de emerxencia ante situacións de seca.
4. As agrupacións de concellos deberan dispoñer dun convenio ou instrumento xurídico que regule a xestión conxunta do sistema de abastecemento.
5. Ningunha entidade local das previstas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderá figurar en máis dunha solicitude. Para estes efectos, cada un dos concellos integrantes dunha agrupación terán a condición de solicitantes, nos termos que establece o artigo 7 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes en que figure esa entidade local.
Artigo 3. Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2019 destinados á elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca, asociados a cada un dos sistemas de abastecemento que xestione a entidade local solicitante.
Para estes efectos, os plans de emerxencia ante situacións de seca considéranse os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca.
2. Para seren subvencionables, os plans de emerxencia ante situacións de seca deberán ter un contido acorde co disposto no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, nas demais disposicións legais e regulamentarias de aplicación e nos plans de seca das correspondentes demarcacións hidrográficas.
En todo caso, o seu contido incluirá, como mínimo:
a) Unha descrición e un diagnóstico do sistema de abastecemento, con indicación dos recursos dispoñibles, as áreas de captación e as demandas de auga.
b) A determinación das zonas máis vulnerables en caso de seca e dos usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, os condicionantes ambientais ou principais elementos de patrimonio natural e actividades estratéxicas que se poderían ver afectados.
c) Un sistema de indicadores e escenarios coherente co recollido no correspondente plan de seca da súa demarcación hidrográfica.
d) As medidas de xestión que se adoptarán en cada un dos distintos escenarios incluídos.
e) A previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir nestas situacións, e á súa duración.
f) As actuacións que se considere necesario executar para garantir o abastecemento á poboación durante un episodio de seca, incluídas as obras de captación e condución que sexan precisas.
Augas de Galicia poñerá a disposición dos beneficiarios, na súa paxina web, un modelo que facilite a presentación do plan.
Artigo 4. Crédito
As axudas reguladas ao amparo desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000,00 €), distribuídos nas seguintes anualidades:
– 2019: 150.000 euros.
– 2020: 100.000 euros.
Sen prexuízo do posible reaxuste de anualidades segundo o ritmo de execución do gasto.
Artigo 5. Ampliación de crédito
Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Augas de Galicia poderá ampliar o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas cando o incremento derive:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) No suposto previsto no artigo 25.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.
Artigo 6. Importe máximo das axudas
O importe das axudas será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo anterior.
Artigo 7. Compatibilidade das axudas
Estas axudas serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.
A obtención de axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, o beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.
Con todo, cando sexa a Administración da Comunidade Autónoma a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.
O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta axuda.
Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I desta resolución, onde se acepta e declara o seguinte:
a) Que a/as entidade/s que solicita/n a subvención acepta/n as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.
c) O conxunto de todas as axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
d) Que a conta xeral da/das entidade/s local/locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2017 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.
e) Que cumpre os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que esta ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que atinxe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de vertedura, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
g) Que non esta incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinadas:
a) Se a entidade solicitante é un concello, pola persoa titular da Alcaldía-Presidencia ou persoa en que estea delegada a competencia. No suposto de agrupacións de concellos, por cada un dos titulares das alcaldías-presidencias ou persoas en que teñan delegada a competencia.
b) Se a entidade solicitante é unha mancomunidade ou consorcio local, pola persoa titular da presidencia ou persoa que teña delegada a competencia.
3. Nos supostos en que a solicitude se presente por unha agrupación de concellos, ao tratarse dunha pluralidade de interesados que presenta unha solicitude conxunta, o concello representante deberá asinar o anexo I e os demais concellos integrantes da agrupación deberán asinar o anexo II, declarando e aceptando o seu contido.
Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria xustificativa do obxecto do plan de emerxencia ante situacións de seca, no cal se indique expresamente o/s concello/s afectado/s polo desenvolvemento do plan e se se atopa en vigor o regulamento ou ordenanza municipal reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga e o regulamento ou ordenanza municipal reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga.
b) Planos á escala suficiente do sistema de abastecemento que se incluirán no plan de emerxencia.
c) Orzamento estimado da redacción do plan de emerxencia ante situacións de seca.
d) Estatutos do consorcio ou mancomunidade e convenio de colaboración, no caso de agrupación de concellos.
e) Resolución do órgano competente da/das entidade/s local/locais solicitante/s pola que se acorde a solicitude da axuda ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, na cal conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.
f) Memoria xustificativa sobre a necesidade de conceder o pagamento anticipado da axuda, de ser o caso, e porcentaxe de anticipo que solicita, a anualidade con cargo á que o solicita e o compromiso de execución do pagamento anticipado na anualidade para a que o solicita.
g) Anexo II, nos supostos de agrupación de concellos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.
b) NIF da/das entidade/s solicitante/s.
c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social.
e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que atinxe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de vertedura, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I e II, segundo o caso, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Emenda da solicitude
1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, poderase requirir a entidade solicitante para que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
3. Os requirimentos realizaranse de acordo co sinalado no artigo 13 e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Publicación e notificación
1. De acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, os actos administrativos que afecten as entidades interesadas serán obxecto de publicación e esta producirá os efectos da notificación. A publicación realizarase a través do Diario Oficial de Galicia e a páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal/). Esta última poderá ter o carácter de complementaria por ter o contido pormenorizado do respectivo acto. Excepcionalmente, no suposto de existir imposibilidade de realizar a publicación, efectuaranse notificacións de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes.
2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
5. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Órganos competentes e instrución
1. O procedemento será instruído polo Servizo Técnico-Xurídico de Augas de Galicia.
2. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se achegue con elas e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración, de acordo cos criterios establecidos no artigo 16 destas bases reguladoras.
3. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución de inadmisión das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, na cal se indicarán as causas desta.
4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 16, e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e conste a relación ordenada de todas as solicitudes valoradas con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano encargado da resolución.
5. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Secretaría Xeral de Augas de Galicia e a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.
c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.
Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
6. Na proposta de concesión que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, ordenados segundo a valoración que se lle outorgue á súa solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.
7. O resto das solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha renuncia no prazo establecido no artigo 19.1 desta convocatoria e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.
8. O órgano competente para resolver o procedemento será a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia.
Artigo 16. Criterios de valoración
1. A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:
a) A poboación da entidade local. Ata un máximo de 6 puntos.
No caso de solicitudes realizadas por concellos da Comunidade Autónoma de Galicia os puntos distribuiranse do seguinte xeito:
1 punto no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior aos 30.000 e inferior ou igual a 50.000 habitantes.
2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior aos 20.000 e inferior ou igual a 30.000 habitantes.
3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior aos 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.
4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior aos 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.
5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior aos 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.
6 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 2.000 habitantes.
No caso de solicitudes realizadas por consorcios, mancomunidades ou agrupacións de concellos responsables de sistemas de abastecemento á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia, os puntos distribuiranse do seguinte xeito:
4 puntos no caso de que a suma da poboación dos concellos consorciados, mancomunados ou agrupados responsables de sistemas de abastecemento á poboación supere os 30.000 habitantes e sexa inferior ou igual a 50.000 habitantes.
5 puntos no caso de que a suma da poboación dos concellos consorciados, mancomunados ou agrupados responsables de sistemas de abastecemento á poboación supere os 20.000 habitantes e sexa inferior ou igual a 30.000 habitantes.
6 puntos no caso de que a suma da poboación dos concellos consorciados, mancomunados ou agrupados responsables de sistemas de abastecemento á poboación sexa inferior ou igual a 20.000 habitantes.
Nos restantes casos, a puntuación será de 0 puntos.
Para estes efectos, considerarase o número de habitantes recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1458/2018, do 14 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2018. No caso de que na data de publicación desta resolución estivese publicado o real decreto referido ás cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último como referencia.
b) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga. Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:
0 puntos se non se acredita.
2 puntos si se acredita.
c) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga. Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:
0 puntos se non se acredita.
2 puntos si se acredita.
3. Unha vez valoradas todas as solicitudes pola Comisión de Valoración, se o outorgamento de todas elas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:
1º. Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.
2º. Menor número de habitantes no concello ou na suma da poboación dos concellos consorciados, mancomunados ou agrupados.
Artigo 17. Resolución, notificación e recursos
1. O prazo para resolver e publicar a resolución dos procedementos iniciados en virtude desta convocatoria será tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. A resolución publicarase na forma prevista no artigo 13 desta resolución. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o vencemento do prazo máximo sen que sexa publicada ou notificada a resolución lexitima os interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.
3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 18. Modificación da resolución
1. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.
A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.
Artigo 19. Aceptación
1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.
2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As administracións beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.
Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir o obxectivo da axuda e redactar o plan de emerxencia ante situacións de seca nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 14 desta resolución.
c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.
d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.
5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
8. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Artigo 21. Contratación
1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.
2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.
En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.
3. A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.
A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.
Artigo 22. Pagamento anticipado
Poderán realizarse pagamentos anticipados das axudas reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, de ata o 60 % do importe da subvención concedida. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola entidade beneficiaria xunto coa solicitude, indicará a porcentaxe do anticipo solicitado, a anualidade con cargo á cal o solicita e presentará unha memoria xustificativa sobre a necesidade da súa concesión.
A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano competente para ditar a resolución do procedemento.
2. A xustificación dos pagamentos anticipados concedidos realizarase mediante a presentación da documentación acreditativa dos gastos realizados e efectivamente pagados pola entidade beneficiaria, que deberán ser iguais ou superiores ao importe do anticipo concedido, nos prazos seguintes:
a) Os gastos asociados aos anticipos concedidos con cargo á anualidade do ano 2019 serán xustificados antes do 30 de novembro de 2019.
b) Os gastos asociados aos anticipos concedidos con cargo á anualidade 2020 serán xustificados coa xustificación da subvención, segundo o artigo 23 desta resolución.
A falta de xustificación dos anticipos na anualidade para a cal foron concedidos e nos termos establecidos, dará lugar ao reintegro das cantidades non xustificadas, logo de tramitación do procedemento de reintegro previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. O importe dos anticipos concedidos non poderá superar o importe previsto no artigo 4 para cada exercicio orzamentario.
Artigo 23. Xustificación e pagamento
1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 30 de xuño de 2020.
2. As entidades beneficiarias deberán achegar o anexo III desta resolución no cal expresamente se declara:
a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.
b) Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiaria da subvención.
No suposto de agrupación de concellos, o concello representante presentará o anexo III en nome dos concellos integrantes da agrupación.
3. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:
a) Copia do plan de emerxencia ante situacións de seca, redactado co contido mínimo establecido nesta resolución.
b) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:
1º. Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.
2º. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:
– O cumprimento da finalidade da subvención.
– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.
c) Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no punto b).2º deste artigo.
d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
6. A entidade pública empresarial Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 24. Incumprimento de obrigas
1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.
2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno. Información relativa á resolución de convocatoria
1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 26. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Augas de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de axudas, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución
Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia