Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 24 de xuño de 2019 Páx. 29885

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de xuño de 2019 pola que se modifica a Orde do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O 12 de abril de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Con posterioridade á publicación da dita orde, o 2 de outubro de 2016 entrou en vigor a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que introduciu importantes novidades en materia de tramitación electrónica dos procedementos administrativos, polo que resulta necesario adaptar a Orde do 7 de abril de 2016 á regulación desta lei.

Por outra banda, o tempo transcorrido desde a entrada en vigor da orde puxo de manifesto a necesidade de simplificar os procedementos presentes na sede electrónica competencia da Axencia Galega de Infraestruturas, co fin de facilitar o seu emprego pola cidadanía.

Para estes efectos, preténdese unificar nun único procedemento (IF204A) un total de doce procedementos ata agora existentes na sede electrónica, que realmente poden englobarse nun único procedemento de autorización de actuacións na zona de dominio público e/ou protección das estradas autonómicas, sen prexuízo da ulterior concreción da actuación que figure en cada solicitude, co fin de simplificar a súa tramitación pola cidadanía e facilitar a elección do formulario adecuado. Os procedementos refundidos son os seguintes:

– IF205A Instalación en estrada.

– IF205F Construción de beirarrúa.

– IF205G Conservación de edificación.

– IF205H Construción de edificación.

– IF205I Cruzamento con tubaxe subterránea.

– IF205K Movemento de terras.

– IF205M Tendido paralelo e cruzamentos aéreos.

– IF205N Construción de peche.

– IF205U Conexión a rede de abastecemento de auga e/ou de saneamento.

– IF205X Instalación de sinais informativos.

– IF205Y Cruzamento por obras de fábrica.

– IF205Z Condución paralela.

Así mesmo, modifícase a denominación do formulario IF206B co fin de ampliar os supostos aos cales resulta aplicable o procedemento e procédese a dar de baixa os procedementos IF205D que pasa a ter unha regulación específica e o procedemento IF205J cuxa competencia pasa a ser da Consellería do Medio Rural.

Ao mesmo tempo, e na liña de actualización e simplificación dos procedementos administrativos da presente orde, créase un novo procedemento para tramitar as cortas na zona de servidume de leitos, que ata agora se tramitaban a través do formulario AU113A, xunto coas autorizacións de cortas na zona de policía. Porén, a autorización destas últimas é actualmente competencia da Consellería do Medio Rural e as cortas na zona de servidume de protección teñen un alcance moito menor, o que fai que resulte máis adecuado crear un procedemento especifico, en lugar de tramitalas como unha autorización de obra. Desta forma o novo procedemento, que se desagrega do AU113A, pasará a denominarse autorización para cortas en zona de servidume de leitos, ao cal lle corresponde o código AU113B.

Por ultimo, adáptase a Orde do 7 de abril de 2016 á nova estrutura que establece o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos. Este decreto adscribe á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o Instituto Galego da Vivenda e Solo, que anteriormente estaba adscrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e adscribe o ente publico empresarial Augas de Galicia a esta consellería. Polo que a modificación da orde incorpora os procedementos en materia de augas competencia desta consellería e deixa de regular os procedementos en materia de vivenda, que actualmente son competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

A Orde do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, queda modificada como segue:

Un. O artigo 2 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 2. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para: as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das Administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia».

Dous. O artigo 3 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 3. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación que figura no anexo de solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Tres. Engádese o artigo 3.bis coa seguinte redacción:

«Artigo 3.bis. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos indicados no anexo de solicitude de cada procedemento.

Consultaranse ademais os datos que figuran no anexo cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes».

Catro. O artigo 5 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Cinco. Engádese o artigo 5.bis coa seguinte redacción:

«Artigo 5.bis. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Seis. O artigo 6 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 6. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Infraestruturas e Mobilidade– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais».

Sete. O anexo queda redactado da seguinte maneira:

ANEXO

Procedementos habilitados electronicamente a través da presente orde: (31)

• Xa existentes (27):

Código

Denominación

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

IF206B

Informe de usos especiais da estrada ou informe en tramo urbano.

IF207B

Reversión de expropiación.

IF301K

Prórroga de transporte regular temporal a praias.

IF301L

Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.

IF301P

Autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF301S

Autorización para a prestación de servizos regulares permanentes de viaxeiros por estrada mediante a utilización dun mesmo vehículo (solapamento).

IF302A

Concentración de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302B

Transmisión de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302C

Adscrición de vehículos a contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302D

Incremento anual ordinario ou modificación extraordinaria de tarifas de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302E

Modificación das condicións da explotación dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302H

Autorización de transporte público regular de uso especial-escolar a centros públicos.

IF304A

Visado de autorizacións de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF305A

Transmisión de autorizacións de transporte público.

IF307A

Baixa de autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF320A

Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

IF320B

Modificación de datos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

AU208A

Concesión de augas.

AU209A

Autorización para usos privativos de augas por disposición legal.

AU211A

Constitución de comunidade de usuarios.

AU214A

Exercicio da navegación e flotación.

AU219A

Cambio de titularidade de aproveitamentos hidráulicos.

AU220A

Derivación de augas de carácter temporal.

AU221A

Imposición de servidume de acueduto.

• Procedementos novos (4):

Código

Denominación

IF301Q

Cambio de residencia de autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF301R

Autorización ou rehabilitación de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF302I

Autorización de transporte público regular de uso especial (escolar, obreiros, lugares de lecer, outros).

AU113B

Autorización para cortas en zona de servidume de leitos

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza