Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 25 de xuño de 2019 Páx. 30132

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 31 de marzo de 2017 pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o 17 de xuño de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 31 de maio de 2019 (DOG núm. 107, do 7 de xuño) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 31 de marzo de 2017 (DOG núm. 69, do 7 de abril), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o primeiro exercicio da oposición terá lugar o 8 de xullo de 2019 na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela, aulas 2 e 6, en chamamento único que empezará ás 15.30 horas.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais sen comentarios dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento da segunda proba deste primeiro exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Admitiranse os textos subliñados, ou con marcados ou distintivos sempre que non conteñan nin engadan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento da segunda proba deste exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019

María Regina Losada Trabada
Presidenta do tribunal