Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2019 Páx. 30294

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que desenvolve a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B).

Por Orde do 7 de xuño de 2018 dítanse normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

No artigo 21 da citada orde establécese que a solicitude formulada será válida para as seguintes convocatorias a partir do curso académico 2019/20 mentres se manteña a obriga de participar neste procedemento, de conformidade co artigo segundo. Polo tanto, non terá que formalizar nova solicitude:

a) O profesorado suprimido e desprazado que continúe na mesma situación para o curso académico inmediatamente seguinte.

b) O profesorado que continúe en expectativa de destino.

c) O profesorado interino e substituto que participase no proceso de adxudicación de destino da convocatoria inmediatamente anterior e continúe tendo dereito a manter o seu posto na corresponde lista ou listas, de conformidade co establecido na Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

A formalización dunha nova solicitude dentro do prazo establecido deixará sen efecto a solicitude presentada nunha convocatoria anterior.

Resulta necesario precisar que solicitudes as recuperará, de oficio, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, coa finalidade de que cada persoa interesada saiba con que solicitudes participa en cada procedemento e, como consecuencia, en cales, se é o caso, quere renunciar no prazo comprendido entre o 15 e o 31 de maio de cada ano previsto no artigo 39 da Orde do 7 de xuño de 2018, ou no que se estableza para reclamacións e renuncias á adxudicación provisional de destinos.

Como consecuencia, no uso da autorización recollida na disposición derradeira primeira da Orde do 7 de xuño de 2018, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Recuperación das solicitudes das especialidades de calquera corpo ás cales se renunciou na convocatoria inmediatamente anterior

1. Ás persoas que estean obrigadas a participar na adxudicación de destinos provisionais recuperaránselles, en aplicación do artigo 21 da Orde do 7 de xuño de 2018, todas as solicitudes de todos os corpos e especialidades coas que participaron na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais do curso académico 2018/19 e, se for o caso, seguintes, incluídas aquelas en que renunciou, xa o fixesen no prazo establecido no artigo 39 da propia orde ou no prazo de reclamacións e renuncias á resolución provisional de adxudicación de destinos provisionais para o correspondente curso académico.

2. Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior as solicitudes dos corpos e especialidades realizadas na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso correspondente, presentadas por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no prazo que se estableza na convocatoria prevista no artigo 37 da Orde do 7 de xuño de 2018. Estas novas solicitudes deixan sen efecto de forma permanente as realizadas anteriormente no mesmo corpo e especialidade.

Segundo. Non recuperación das solicitudes do persoal interino ou substituto que supera o procedemento selectivo

De conformidade co establecido no parágrafo sexto do artigo 2.2 da Orde do 7 de xuño de 2018, o persoal docente interino que supere o procedemento selectivo, aínda no suposto de que sexa o mesmo corpo e especialidade en que prestaba servizos, estará obrigado a facer unha nova solicitude ordinaria e quedará sen efecto a realizada como persoal docente interino.

Terceiro. Non recuperación das solicitudes por petición da persoa interesada

Non se recuperarán para a adxudicación de destino provisional para o curso académico correspondente as solicitudes do persoal interino e substituto que pida e se lle autorice a non participación nunha convocatoria determinada, no prazo comprendido entre o 15 e o 31 de maio de cada ano, de acordo co establecido no artigo 39.1 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais entre o persoal docente pertencente aos diferentes corpos, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resulten desprazados por falta de horario, ao persoal a que lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

Estas solicitudes, cando sexa o caso, deberán efectuarse anualmente para cada convocatoria.

Disposición adicional primeira. Recuperación da solicitude da especialidade de procesos comerciais procedente da lista única nas especialidades de procesos comerciais e procesos de xestión administrativa

Ao persoal docente interino ou substituto que teña dereito a estar nas listas das especialidades de procesos comerciais e procesos de xestión administrativa do corpo de profesores técnicos de formación profesional, que participasen pola lista única na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2018/19, recuperaráselle a solicitude para a especialidade de procesos comerciais, sempre que non presentasen unha nova para a convocatoria de destinos provisionais que se realice para o curso académico 2019/20, en sede electrónica, no prazo que se estableza na convocatoria prevista no artigo 37 da Orde do 7 de xuño de 2018.

Se desexan, ademais, participar na adxudicación de destinos provisionais pola especialidade de procesos de xestión administrativa, deberán realizar unha solicitude dela.

Disposición adicional segunda. Recuperación da solicitude do corpo de profesores de ensino secundario, especialidade inglés, procedente da lista única da especialidade de inglés dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores de escolas oficiais de idiomas

Ao persoal docente interino e substituto que teña dereito a estar nas listas da especialidade de inglés dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores de escolas oficiais de idiomas, que participaran pola lista única na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2018/19, recuperaráselle unha solicitude para o corpo de profesores de ensino secundario, especialidade inglés, coas peticións de institutos de educación secundaria, centros públicos integrados de centros integrados de formación profesional que tiñan na solicitude correspondente á convocatoria de destinos provisionais para o curso académico 2018/19, sempre que non presentasen unha nova para a convocatoria de destinos provisionais que se realice para o curso académico 2019/20, en sede electrónica, no prazo que se estableza na convocatoria prevista no artigo 37 da Orde do 7 de xuño de 2018.

Se desexan, ademais, participar na adxudicación de destinos provisionais polo corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade inglés, deberán realizar unha solicitude desta.

Disposición adicional terceira. Solicitudes de comisións de servizo por razóns de saúde ou de conciliación da vida familiar e laboral

En ningún caso se recuperarán as solicitudes por razóns de saúde ou de conciliación da vida familiar e laboral.

As persoas que desexen prorrogar unha comisión de servizos deberán efectuar nova solicitude nos prazos establecidos na normativa vixente, sen prexuízo do establecido no artigo 2.2 da Orde do 7 de xuño de 2018, para o persoal docente interino que supere o procedemento selectivo no mesmo corpo e na mesma especialidade.

Disposición adicional cuarta. Comisión de servizos por concelleiro ou concelleira

Nos anos en que haxa eleccións locais con anterioridade ao remate do prazo da convocatoria para a adxudicación de destinos provisionais entre o persoal docente, todas as persoas que resulten electas e desexen participar na adxudicación exercendo o dereito preferente a centro e a localidade, deberán realizar unha nova solicitude, achegando a xustificación da súa condición de concelleiro.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Está resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Gaicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2019

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos