Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 4 de xullo de 2019 Páx. 31393

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, establece que corresponde á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece entre as súas prioridades o fomento da acción voluntaria, promovendo o coñecemento público das actividades de acción voluntaria e o recoñecemento social das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria establecendo, no seu artigo 25, incentivos e apoios a entidades e a persoas voluntarias.

A Consellería de Política Social considera de máximo interese, polo tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, recoñecendo o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade, contribuíndo á súa transformación e influíndo no desenvolvemento comunitario, e asume nesta convocatoria un compromiso firme de impulso e fomento de accións orientadas á erradicación da violencia de xénero sobre a muller, no marco do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais de Galicia.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Para a convocatoria destas axudas existe crédito adecuado e suficiente na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil, integrado no procedemento BS320A, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.

2. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o artigo seguinte, tendo unha especial relevancia aquelas actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan as medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozas/os de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización da/o nai/pai ou titora/titor legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

j) Actividades relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero: accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero (campañas diversas), promoción de actividades de apoio ás vítimas, información, formación, entre outras medidas, do documento refundido de medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero:

1º. Eixe 1.2: Campañas.

1º.1. Medida 24: desenvolver campañas de prevención e sensibilización con mensaxes positivas, unitarias e adaptadas ás exixencias de cada momento, implicando á sociedade no seu conxunto e elixindo os momentos máis favorables para a súa difusión, como por exemplo, os veráns. Esas campañas deben focalizarse no rexeitamento ao maltratador, e presentar exemplos de mulleres fortes e valentes, sen recorrer ao cliché das vítimas.

1º.2. Medida 26: realizar campañas que teñan como público obxectivo á xuventude, utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e a comunicación.

1º.3. Medida 30: implicar as entidades locais na elaboración de materiais, campañas e protocolos de actuación, que incidan na necesidade de establecer puntos seguros e de información sobre violencia sexual, en espazos públicos. Así mesmo, fomentar o establecemento de vixilancia por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nos chamados «puntos negros»: aparcadoiros, canellóns ou pasadizos.

1º.4. Medida 31: ter en conta na realización das campañas de sensibilización contra a violencia de xénero a maior incidencia desta nas mulleres que viven no ámbito rural e as súas circunstancias.

1º.5. Medida 33: promover campañas contra a cosificación do corpo das mulleres e a hipersexualización das nenas.

1º.6. Medida 34: dar formación á xuventude sobre o uso axeitado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming...).

2º. Eixe 1.4: medios.

2º.1. Medida 56: atender as necesidades informativas da xuventude para frear condutas machistas que desembocan en malos tratos.

3º. Eixe 2.5: sectores vulnerables.

3º.1. Medida 99: implicar colectivos como os de inmigrantes ou mulleres xitanas no deseño de políticas específicas.

3º.2. Medida 100: realizar estudos sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero e preparar recursos adaptados a elas.

3º.3. Medida 101: incrementar a colaboración entre as institucións públicas e as ONG e asociacións que traballan con mulleres migradas no deseño das políticas específicas contra a violencia de xénero.

4º. Eixe 3.3: Administración.

4º.1. Medida 166: realizar, xunto ás comunidades autónomas, un mapeo sobre os recursos e servizos de atención ás vítimas.

5º. Eixe 3.5: rural.

5º.1. Medida 180: impulsar as asociacións de mulleres no ámbito rural para axudar as vítimas. Coordinación e campañas de sensibilización coas asociacións de mulleres rurais para sensibilización, prevención e acompañamento das vítimas.

5º.2. Medida 181: realizar un estudo da situación das mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural, para analizar actuacións policiais, resposta penal, asistencia sanitaria, xurídica e asistencial. Coa participación de entidades públicas e privadas do medio rural e testemuños das propias vítimas, no marco do CIS.

6º. Eixe 3.7: diversidade funcional/discapacidade.

6º.1. Medida 193: facilitar o acceso de mulleres e nenas con diversidade funcional/discapacidade a lecturas informativas adaptadas (Braille, comunicación aumentativa, etc) sobre prevención da violencia de xénero, acoso, agresións sexuais, etc.

6º.2. Medida 194: deseñar protocolos específicos ou incorporar medidas especializadas nos que xa existen, para a atención de mulleres de colectivos máis vulnerables, como as mulleres maiores, mulleres con diversidade funcional/discapacidade ou mulleres migrantes en situación irregular.

6º.3. Medida 197: garantir a plena accesibilidade en lingua de signos das persoas xordas usuarias desta lingua ao 112, o 062, o 091, e todos aqueles teléfonos públicos á disposición da cidadanía a través do servizo de vídeo interpretación á lingua de signos SVisual que xa se utiliza no 016.

7º. Eixe 8: visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.

7º.1. Medida 252: introducir módulos transversais sobre violencia sexual e as súas tipoloxías, nos contidos das accións formativas desenvolvidas por e para empresas privadas e as administracións públicas.

7º.2. Medida 254: deseñar programas de prevención, detección e protocolos especializados ou actualizar os existentes en atención e actuación, adaptándoos ás especificidades das diferentes violencias sexuais. Así mesmo, desenvolver protocolos de intervención e detección precoz en todos os ámbitos da educación infantil, primaria e secundaria, así como no ámbito universitario.

7º.3. Medida 255: promover o desenvolvemento de programas integrais de atención á violencia sexual en todo o territorio, en colaboración e con respecto ás competencias das comunidades autónomas.

7º.4. Medida 256: elaborar campañas e materiais informativos contra a violencia sexual, as violencias sexuais e as diferentes realidades das mulleres (idade, procedencia ou situación de diversidade funcional/discapacidade), co obxectivo de que exista unha maior conciencia social sobre estas formas de violencia de xénero.

7º.5. Medida 267: desincentivar a demanda de prostitución mediante campañas de concienciación e obradoiros de sensibilización dirixidos á xuventude.

2. Os proxectos subvencionables en calquera da/s área/s anteditas deberán introducir, en todo caso, como actuacións transversais e dotadas de contido propio, accións relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, segundo o disposto na letra j) anterior, que representen, cando menos, as porcentaxes de participación indicadas nesta orde.

3. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019. As xornadas diarias serán de 6 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

4. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias con que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

5. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior.

6. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias das persoas participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

8. No caso de que a solicitude se presente por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

9. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias ten que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6.

Artigo 3. Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2019, incluíndo as medidas establecidas no Pacto do Estado en materia de violencia de xénero nos termos e coa porcentaxe mínima indicada nesta orde de convocatoria.

Artigo 4. Requisitos das/os beneficiarias/os

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

5. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorreran á mesma subvención nunha convocatoria anterior.

Artigo 5. Orzamento

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.460.0, por un importe de cento noventa e cinco mil euros (195.000 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.481.0, por un importe de douscentos dez mil euros (210.000 €), para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 2/2018, do 26 de decembro.

Dos anteriores importes, un 38,46 %, no caso das entidades locais, e un 35,71 %, no caso das entidades de acción voluntaria irán destinadas ás medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Este financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2019.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Serán conceptos subvencionables os custos orixinados pola participación das mozas e dos mozos voluntarias/os nos proxectos de acción voluntaria de acordo co artigo 7.h) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, relativo á mantenza e ao transporte.

2. Tamén serán conceptos subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste. En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

3. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

4. A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de 10 euros por voluntaria/o e día, dos cales 6 euros diarios serán entregados pola entidade ás persoas voluntarias para cubrir os custos de desprazamento e mantenza, mentres que os 4 euros restantes empregaraos a entidade para cubrir os gastos dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias, así como os gastos correntes referidos no número 2 deste artigo. Para xerar dereito ás ditas cantidades as persoas voluntarias deberán acreditar mediante o correspondente acordo a súa colaboración voluntaria durante xornadas de 6 horas diarias. Se a xornada diaria é inferior ás 6 horas, sumaranse as horas diarias ata completar unha xornada de 6 horas. Non se computarán os decimais nin os minutos.

5. Todas as actividades realizadas ao abeiro desta convocatoria e relativas a medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero utilizarán, ademais do logotipo da Xunta de Galicia, o logotipo do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, deixando constancia diso, se for o caso, na sinalización exterior dos lugares onde se realicen as accións, así como nas actividades de difusión e na elaboración de materiais.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS320A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar. As ditas entidades non poderán presentar solicitude de subvención, a título individual, para o mesmo ou distinto proxecto.

3. Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e, que en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

Incorporarase ao proxecto de actividades as medidas desagregadas, indicando en cada caso a medida específica, relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero que representen, cando menos, e respecto do conxunto do programa, un 38,46 %, no caso de entidades locais, e un 35,71 %, no caso de entidades de acción voluntaria.

b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, de ser o caso.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1.e) consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social poderá requirir á entidade solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude.

Artigo 12. Instrución

1. O Servizo de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

a) Presidenta/e: a/o xefa/e da Sección de Voluntariado.

b) Secretaria/o: unha/un funcionaria/o do Servizo de Voluntariado e Participación, a/o cal participará con voz pero sen voto.

c) Vogais: dous técnicos do Servizo de Voluntariado e Participación.

3. O órgano instrutor poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 13, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que proceda a propor a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que, para o efecto, nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

6. Para ter acceso á axuda é preciso obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. A concesión da axuda farase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida, ata esgotar o crédito dispoñible en cada caso. Unha vez distribuído e esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtivesen axuda, aínda que teñan cincuenta ou máis puntos, entrarán nunha lista de reserva, por se algunha das concedidas renuncia.

7. En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 12.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poidan solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Artigo 13. Criterios de valoración

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 12.2. No dito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) En caso de solicitudes presentadas por máis dunha entidade local (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar):

1º. Agrupación de municipios:

1º.1. Presentación de solicitude conxunta de agrupación de concellos baixo calquera fórmula (10 puntos).

1º.2. Número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medido a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto e repercusión do proxecto na poboación destinataria (ata 10 puntos).

1º.3. Presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual (ata 10 puntos).

2º. Fusións municipais. Presentación de solicitude por parte da entidade resultante da fusión de municipios (30 puntos).

3º. Criterios comúns a todas as solicitudes conxuntas:

3º.1. Coherencia xeral do proxecto (ata 25 puntos).

3º.1.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto.

3º.1.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

3º.1.3. Secuencia lóxica da intervención: situación da cal se parte e onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, con que se conta e os que terán que incrementar.

3º.1.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

3º.2. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/do responsable de voluntariado (ata 15 puntos).

3º.3. Capacidade económica da entidade (ata 10 puntos):

3º.3.1. Achega financeira da entidade ao proxecto.

3º.3.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

3º.4. Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

3º.5. Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativos á actividade subvencionada (ata 10 puntos).

b) Solicitudes presentadas individualmente por concellos e entidades de acción voluntaria.

1º. Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

1º.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto.

1º.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

1º.3. Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios con que se conta e os que terán que incrementar.

1º.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

2º. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, da inclusión nos seus proxectos da figura da/do responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

3º. Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

3º.1. Achega financeira da entidade ao proxecto.

3º.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

4º. Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

5º. Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativos á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

c) A diferente puntuación dos criterios avaliables varía segundo se trate de proxectos presentados por entidades locais agrupadas baixo calquera fórmula ou unha entidade local resultado dunha fusión; ou ben que os proxectos sexan presentados individualmente por unha entidade local ou entidade de acción voluntaria pola necesidade de primar os dous primeiros.

Artigo 14. Resolución

1. O órgano competente para resolver será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

2. A resolución da solicitude da axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, notificaráselles a todas as entidades solicitantes no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. En todo caso, a concesión de subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Artigo 15. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Adicionalmente, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Estas notificacións realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío desta notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, poderá practicarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Notificada a resolución polo órgano concedente de conformidade co disposto no número 1, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Notificada a resolución polo órgano concedente de conformidade co disposto no número 1, a/o beneficiaria/o disporá do mesmo prazo de 10 días hábiles para proceder ao envío da relación nominal de persoas voluntarias participantes, que contará coa seguinte información: nome e apelidos das persoas voluntarias, data de nacemento e NIF de cada unha/un delas/es, días de actividade, entre un mínimo de 15 e un máximo de 60, número de horas que farán ao día, ata completar xornadas de 6 horas, e cantidade total que correspondería a cada persoa voluntaria, a razón de 6 euros por persoa voluntaria e día, sendo un día unha xornada de 6 horas. Á dita relación deberase xuntar unha declaración responsable da/do representante legal da entidade de ter asinado con cada unha das persoas voluntarias o correspondente compromiso de colaboración.

En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables mozas/os maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, nai ou titor legal.

En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta á española precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Poderá interpoñerse potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa, senón o for, poderán interpoñer recurso en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 17. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación é o día 8 de novembro de 2019. O interesado deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión.

2. As entidades de acción voluntaria deberán presentar:

a) Memoria explicativa das actividades realizadas no proxecto de voluntariado. Xunto con esta memoria incorporarase a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias das persoas voluntarias que participasen na actividade no Rexistro de Acción Voluntaria, e dos correspondentes certificados de experiencias voluntarias a favor dos indicados participantes.

b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura orixinal ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

c) Anexo II. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación.

d) Anexo IV xunto coa seguinte documentación (achegarase separadamente a xustificación dos importes correspondentes a medidas executadas no eido do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero):

1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil dos gastos realizados, e documentación acreditativa do pagamento. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

2º. Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán, necesariamente, as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo que se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

5º. Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentar o recibo orixinal e o correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

6º. En canto aos fondos propios, de habelos, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

7º. Declaración responsable da/o representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo anexo V da orde.

3. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a xustificar ante o órgano concedente:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado. Xunto con esta memoria incorporarase a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias das persoas voluntarias que participasen na actividade no Rexistro de Acción Voluntaria, e dos correspondentes certificados de experiencias voluntarias a favor dos indicados participantes.

b) Anexo II. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación.

c) Anexo III. Xustificación de gastos das entidades locais.

d) Custo real do proxecto realizado, mediante a presentación dunha conta xustificativa que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

1º. Unha certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace da/do alcaldesa/alcalde ou presidenta/e, relativa a:

1º.1. Aprobación polo órgano competente.

1º. 2. O cumprimento da finalidade da subvención.

1º.3. O informe da Intervención da entidade local dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

1º.3.1. Identificación da/do acredora/acredor.

1º.3.2. Número de factura ou documento equivalente.

1º.3.3. Importe e data de emisión.

1º.3.4. Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

1º.3.5. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

1º.3.6. Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo anexo V da orde.

4. Os órganos competentes da Consellería de Política Social poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 18. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 19. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 20. Pagamentos anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos a conta e dos pagamentos anticipados que, se fose o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Artigo 22. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Reintegro das axudas ou subvencións

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención, no segundo caso, procederase ao reintegro da parte proporcional do proxecto non xustificado.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade coa Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Incremento do crédito

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019.

Disposición adicional cuarta. Infraccións e sancións

Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file