Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2019 Páx. 32709

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de xuño de 2019 pola que se convocan as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482C).

BDNS (Identif.): 465129.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as vítimas de violencia de xénero, segundo o previsto no artigo 2 das bases reguladoras, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das citadas bases.

Segundo. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual, que se tramitarán co código de procedemento VI482C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019 publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2019

07.83.451B.480.3

975.000 €

2020

07.83.451B.480.3

675.000 €

Total

1.650.000 €

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Importe

1. O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:

– 225 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.a) das bases reguladoras.

– 200 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.b) das bases reguladoras.

– 175 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.c) das bases reguladoras.

No suposto de que a persoa beneficiaria non dispoña de contrato de alugamento no momento da concesión, recoñeceráselle inicialmente unha axuda por importe de ata un máximo de 225 euros mensuais, condicionada á achega do correspondente contrato. Non obstante, a contía definitiva da concesión virá determinada en función do concello en que estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento que se achegue.

Para o caso de que o importe da axuda sexa superior ao da renda da vivenda, reaxustarase ata a citada cantidade.

2. A axuda ten carácter anual, de maneira que cada unidade de convivencia só poderá percibir unha subvención de doce bonos mensuais consecutivos, pero será susceptible, no caso de que se prevexa na correspondente convocatoria, dun máximo de dúas prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de trinta e seis meses.

3. Poderase solicitar unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións. Esta axuda complementaria só se concederá unha vez, con independencia do número de contratos que se formalicen e do dereito á prórroga que, de ser o caso, se poida ter.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 13 de decembro de 2019 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo