Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 32959

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 28 de xuño de 2019 pola que se convocan probas libres de títulos extinguidos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no seu artigo 18.2, que a implantación das titulacións correspondentes aos estudos de formación profesional e dos respectivos novos currículos comezará no ano académico 2007-2008 e deberá completarse dentro do prazo de aplicación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, sen prexuízo da súa actualización permanente, de acordo coas exixencias do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional.

No número 3 do devandito artigo establécese que en tanto que non se produza a implantación regulada no punto anterior seguirán vixentes as titulacións e os currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, regula, no seu artigo 24, as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior.

A Orde do 12 de xullo de 2011 regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

Como consecuencia da entrada en vigor dos novos títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en substitución dos establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, procede convocar a realización de probas libres de módulos profesionais dos ciclos formativos que se ex-tinguen, co fin de lle permitir finalizar os estudos e lograr a titulación ao alumnado que se vexa afectado pola implantación das novas ensinanzas.

Por todo o anterior, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer en centros públicos a realización de dúas convocatorias de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional actualmente extinguidos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, recollidos no anexo II desta orde, co fin de lle permitir finalizar os estudos e lograr a titulación ao alumnado que cursara as ensinanzas dos devanditos títulos na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED517J).

Artigo 2. Realización das probas

1. Realizaranse dúas convocatorias no curso académico 2019-2020, consonte o seguinte calendario:

a) A primeira convocatoria realizarase no mes de setembro, antes do comezo das actividades lectivas, co fin de posibilitar a matrícula no ciclo equivalente establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) A segunda convocatoria realizarase no mes de xuño, coincidindo co remate das actividades lectivas.

2. Poderán ser obxecto de avaliación nas devanditas convocatorias todos os módulos profesionais dos ciclos formativos extinguidos agás o de Formación en centros de traballo (FCT), que se regulará segundo o disposto no artigo 10 desta orde.

3. O alumnado con módulos pendentes diferentes ao de FCT tras a realización de calquera das dúas convocatorias previstas e que desexe finalizar os estudos correspondentes ao título equivalente establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá matricularse destas ensinanzas, para o que se aplicará o réxime de validacións de módulos establecido na súa normativa reguladora. No caso do réxime ordinario, a matrícula formalizarase no curso que corresponda en función do cumprimento dos requisitos de promoción.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Para poderen acceder á realización das probas libres obxecto desta orde, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Algunha das condicións de acceso a que se refiren os artigos 6 e 7 da Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

b) Ter formalizado en cursos académicos anteriores a matrícula nalgún centro educativo de Galicia nun ciclo formativo actualmente extinguido, derivado da Lei orgánica1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, obxecto da presente convocatoria.

c) Non estar matriculado/a simultaneamente nas probas libres reguladas nesta orde e no ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que substitúa o establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

d) Non estar matriculado/a, durante o período de vixencia da matrícula, simultaneamente nun mesmo módulo profesional nas modalidades a distancia, semipresencial ou presencial, consonte o establecido no artigo 47 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo.

e) Ter consumida algunha convocatoria nalgún módulo do ciclo formativo para o que solicita a realización da proba.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de inscrición, segundo o modelo recollido no anexo I desta orde (código de procedemento ED517J), presentaranse nas secretarías dos centros públicos sede destas probas, de acordo co seguinte:

a) As persoas aspirantes que cursaran o ciclo formativo nun centro público deberán presentar necesariamente a solicitude no mesmo centro en que estiveran matriculadas. En caso de non ofrecerse o ciclo formativo no momento da extinción, entregarase nun dos centros educativos, sede das probas, recollidos no anexo II desta orde.

b) No caso de alumnado procedente de centros privados, deberase presentar a solicitude nalgún dos centros públicos a que se fai referencia anteriormente.

Se a solicitude se remite por correo postal, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión sexa anterior á de pechamento da convocatoria.

2. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes, en función das convocatorias previstas:

a) Para a primeira convocatoria: do 17 ao 31 de xullo de 2019.

b) Para a segunda convocatoria: do 4 ao 15 de maio de 2020.

3. O modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. Xuntarase a documentación acreditativa que corresponda.

4. Os centros educativos sede destas probas farán pública no taboleiro de anuncios a listaxe provisional de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización da presentación de solicitudes. Contra a listaxe de persoas admitidas, poderase presentar reclamación no prazo máximo de tres días hábiles desde a súa publicación perante a dirección do centro.

5. Os centros educativos sede destas probas farán pública no taboleiro de anuncios a listaxe definitiva de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización da presentación de reclamacións.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Só no caso de non dispor de DNI ou NIE, achegarase un dos seguintes documentos:

a) Copia do documento de identificación da Unión europea.

b) Copia do pasaporte.

Soamente nos casos en que cumpra presentar a solicitude nun centro educativo distinto daquel en que se estivera matriculado/a con anterioridade, xuntarase á solicitude de inscrición a seguinte documentación, segundo os requisitos de acceso alegados:

a) Certificación académica relativa ao cumprimento dos requisitos de acceso.

b) Certificación da superación da proba de acceso ao ciclo formativo.

c) Certificado da superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

d) De ser o caso, certificación acreditativa de módulos xa superados ou unidades de competencia acreditadas.

Esta documentación será presentada acompañando a solicitude segundo o disposto no artigo 4 desta orde.

Artigo 6. Elaboración, contido e estrutura das probas

1. En cada centro educativo dos que se recollen no anexo II desta orde constituirase unha comisión de avaliación formada polo profesorado dos departamentos correspondentes, que deseñará as probas para cada un dos módulos profesionais do ciclo formativo, agás o de Formación en centros de traballo. A devandita comisión estará presidida polo xefe ou a xefa do departamento da familia profesional a que pertenza o ciclo formativo.

2. As probas axustaranse aos currículos dos ciclos formativos que se extinguen e abranguerán contidos teóricos e prácticos que permitan evidenciar, a través dos criterios de avaliación correspondentes, se a persoa aspirante acadou os obxectivos específicos establecidos para cada módulo profesional en relación cos obxectivos xerais do ciclo formativo.

3. A estrutura da proba, o procedemento e os criterios de avaliación deberanse publicar no taboleiro de anuncios do centro cunha antelación mínima de dous días hábiles con respecto ao comezo da realización das probas.

4. Cada módulo profesional será avaliado por un único membro do profesorado, que asinará as actas de avaliación correspondentes.

Artigo 7. Validación de módulos profesionais

1. As persoas aspirantes admitidas para a realización das probas poderán solicitar as validacións de módulos profesionais que correspondan, logo da aplicación do disposto en:

a) Anexos I e II da Orde do 20 de decembro de 2001 (BOE do 9 de xaneiro de 2002), pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, da ordenación xeral do sistema educativo, e na Orde ECD/1842/2002, do 9 de xullo (BOE do 19 de xullo), pola que se rectifican erros advertidos na Orde do 20 de decembro de 2001.

b) Anexo I da Orde ECD/1055/2017, do 26 de outubro (BOE do 2 de novembro), pola que se modifica a Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro, pola que se establecen validacións entre módulos profesionais de formación profesional do sistema educativo español e medidas para a súa aplicación, e se modifica a Orde do 20 de decembro de 2001 pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. Os módulos profesionais de Inglés ou Lingua estranxeira, sempre que se trate da mesma lingua, serán obxecto de validación, segundo o anexo I da Orde ECD/1055/2017, achegando formación de módulos profesionais, de certificados de escola oficial de idiomas ou de titulacións universitarias oficiais, de nivel avanzado B2 ou superior, no caso de ciclos de grao superior e de grao medio, e de nivel intermedio B1 ou superior, no caso de ciclos de grao medio.

c) Disposición transitoria segunda da Orde ECD/2159/2014, modificada pola Orde ECD/1055/2017, que establece que o módulo de Formación e orientación laboral de títulos de grao medio derivados da LOXSE se validará cando se achegue calquera módulo de Formación e orientación laboral de títulos de formación profesional derivados da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (LOE). A validación do módulo de Formación e orientación laboral de títulos de grao superior derivados da LOXSE non será posible cando se achegue o módulo de Formación e orientación laboral de títulos derivados da LOE.

2. As persoas que teñan acreditadas unidades de competencia de títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán solicitar a validación dos módulos profesionais asociados ante o director ou a directora do centro educativo para a súa resolución pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. As persoas interesadas en solicitar a validación dalgún módulo profesional deberán facelo constar expresamente no momento de presentar a solicitude de inscrición nas probas, para o que deberá xuntar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa obtención.

Artigo 8. Cualificación final das probas libres

1. A expresión da cualificación final obtida por cada aspirante en cada un dos módulos profesionais realizarase nos termos previstos no artigo 37 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

2. As persoas aspirantes poderán presentar reclamación contra as cualificacións finais acadadas en cada módulo profesional no centro educativo en que se realizaran as probas, consonte o procedemento establecido no artigo 45.2 da citada Orde do 12 de xullo de 2011. As reclamacións basearanse necesariamente na aplicación dalgún dos aspectos recollidos no artigo 5.3 da devandita orde.

Artigo 9. Certificación

A superación das probas libres de módulos profesionais dará dereito a unha certificación individualizada por cada módulo superado, de acordo co establecido no artigo 43.4 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial. O modelo de certificación será o establecido no anexo XI da devandita orde.

Artigo 10. Módulo de Formación en centros de traballo en títulos extinguidos

1. O alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de Formación en centros de traballo logo de se producir a extinción definitiva das ensinanzas ou tras a realización dalgunha das dúas convocatorias a que se fai referencia no artigo 2 desta orde, poderá solicitar a súa realización nalgún dos prazos e dos períodos extraordinarios establecidos na Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de Formación en centros de traballo da formación profesional inicial para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O módulo de Formación en centros de traballo dun título extinguido poderá realizarse como máximo ata o seguinte curso académico ao da realización das convocatorias de probas previstas no artigo 2 desta orde.

3. A inscrición para realizar ou solicitar a exención do módulo de Formación en centros de traballo tramitarase polo réxime de proba libre nos mesmos centros a que se fai referencia no anexo II desta orde.

4. Para ter dereito á exención do módulo de Formación en centros de traballo, ademais do cumprimento dos requisitos xerais establecidos na normativa vixente, cumprirá ter superado o resto dos módulos profesionais do ciclo formativo. A documentación para presentar será a recollida no artigo 9 da Orde do 28 de febreiro de 2007. A exención da FCT resolverase logo de publicada a resolución das cualificacións definitivas do resto dos módulos profesionais.

5. Para o seguimento do módulo de formación en centros de traballo terase en conta o disposto na Orde do 28 de febreiro de 2007.

Artigo 11. Titulación

As persoas interesadas que superasen todos os módulos profesionais, incluído o módulo de Formación en centros de traballo, ou sexan eximidas del, segundo o artigo 10 desta orde, poderán solicitar a expedición do título correspondente. Nestes casos, os centros educativos tramitarán a proposta de título polo réxime de “proba libre”.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente o DNI ou NIE da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar o documento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando cumpra para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de lle dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convocatoria de probas libres de módulos profesionais para a obtención
de títulos extinguidos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990,
do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo

Relación de ciclos formativos e centros públicos

Curso académico 2019/20

Código

ciclo

Ciclo extinguido LOXSE

Provincia

Concello

Código centro

Centro

S02002

Animación de actividades físicas e deportivas

A Coruña

A Coruña

15005233

IES Agra do Orzán

Culleredo

15005749

IES Universidade Laboral

Ferrol

15006778

CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

Santiago de Compostela

15015755

IES Plurilingüe Rosalía de Castro

Lugo

Burela

27013958

IES Monte Castelo

Lugo

27006541

IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes

Ourense

Ourense

32015050

CIFP A Farixa

Pontevedra

Cangas

36000922

IES María Soliño

Pontevedra

36006717

IES Sánchez Cantón

Vigo

36011579

IES A Guía

Vilagarcía de Arousa

36018380

IES Miguel Ángel González Estévez