Mediante a Orde do 6 de febreiro de 2018 (DOG nº 30, do 12 de febreiro) a Consellería do Medio Rural regulou a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
O artigo 27 da citada orde dispón que as resolucións poderán ser notificadas de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no dito artigo, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Por outra banda, de conformidade co artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 7/2014, 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (de aquí en diante, Fogga), atribuíuse á dirección do Fogga a potestade de resolver os procedementos de concesión de axudas que se tramiten no ámbito das súas competencias,
RESOLVO:
Primeiro. Facer pública a relación de persoas beneficiarias e importes das axudas en zonas con limitacións naturais en áreas de montaña na web https://fogga.xunta.gal/ ao abeiro da Orde do 6 de febreiro de 2018.
Segundo. Os beneficiarios terán á disposición o detalle da resolución accedendo ao portal de axudas PAC na web https://portal-sgapac.xunta.gal/
Terceiro. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante o presidente do Fogga, no prazo dun mes, de conformidade co disposto no artigo 5.2 do Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, e nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A presentación do recurso poderá facerse en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria