Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2019 Páx. 33737

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se modifica a Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

O día 31 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 22 a Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

O día 28 de xuño de 2019 o presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ditou unha resolución pola que se establecen os prazos de modificación da solicitude única no caso de agricultores suxeitos a controis mediante monitorización. Nesta resolución a Presidencia do Fondo Español de Garantía Agraria resolveu o seguinte:

«No caso dos agricultores suxeitos a controis mediante monitorización, de conformidade co disposto no artigo 40 bis do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, poderán, ata o 31 de agosto, modificar as parcelas agrarias da súa solicitude única, en relación cos réximes de axuda monitorizados, sempre que se cumpran os requisitos correspondentes segundo os réximes de pagamentos directos de que se trate. No caso do pagamento específico ao cultivo do algodón, as parcelas agrarias poderanse modificar ata o 31 de outubro.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando sexa estritamente necesario para garantir a correcta implementación dos controis por monitorización, previa comunicación debidamente motivada ao Fondo Español de Garantía Agraria O.A. e dentro do máximo permitido polo número 3 do artigo 15 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, as comunidades autónomas poderán ampliar o prazo de modificación da solicitude única para estes agricultores no seu ámbito territorial de actuación».

No quinto parágrafo da epígrafe VII da exposición de motivos da Orde do 22 de xaneiro de 2019 indícase o seguinte:

«Cabe sinalar que, conforme o artigo 40 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, en que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre o sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, nesta campaña realizaranse controis de admisibilidade para o pagamento básico mediante monitorización das parcelas declaradas no concello de Forcarei (Pontevedra). Esta monitorización terá en conta os datos dos satélites Sentinel durante un período ao longo da campaña que permita extraer conclusións sobre a admisibilidade das superficies. Os datos complementaranse coa información procedente doutras actividades de seguimento adecuadas, incluíndo inspeccións físicas sobre o terreo».

Tendo en conta que, tal e como se sinalou, nesta campaña no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto no concello de Forcarei (Pontevedra), vanse realizar controis de admisibilidade para o pagamento básico mediante monitorización das parcelas declaradas no dito concello, cómpre ampliar no caso dos agricultores suxeitos a controis mediante monitorización, o prazo de que dispoñen para modificar as parcelas agrarias da súa solicitude única ata o 31 de agosto, en relación cos réximes de axuda monitorizados. Isto implica a exixencia de ampliar nestes casos tanto o prazo de modificación da solicitude única, como o prazo de modificación do Sistema de información xeográfica das parcelas agrícolas (Sixpac), para dotar de coherencia as solicitudes de modificación que presenten as persoas interesadas, xa que logo nestes supostos poden darse casos en que a solicitude de modificación da solicitude única implique, así mesmo, a necesidade de presentar unha solicitude de modificación do Sixpac.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control

A Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, modifícase nos termos sinalados nos números seguintes:

Un. Introdúcese o punto 5 no artigo 14 (Modificación da solicitude única –procedemento MR240D–), coa seguinte redacción:

«5. Sen prexuízo do disposto no punto 1 deste artigo, unicamente no caso dos agricultores suxeitos a controis mediante monitorización unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única poderán presentar solicitudes de modificación das parcelas agrarias da súa solicitude única ata o 31 de agosto deste ano, en relación cos ditos réximes de axuda monitorizados.

Estas solicitudes de modificación deberán presentarse consonte o disposto no punto 3 deste artigo e a documentación complementaria que, de ser o caso, presenten, deberana presentar conforme o indicado no punto 4 deste artigo».

Dous. Introdúcese o punto 7 no artigo 21 (Lugar e prazo de presentación de alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac), coa seguinte redacción:

«7. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, unicamente no caso dos agricultores suxeitos a controis mediante monitorización poderán presentar alegacións e solicitudes de modificación ao Sixpac dos recintos situados na Comunidade Autónoma de Galicia suxeitos a control mediante monitorización con efectos sobre as superficies validadas das solicitudes de axuda tramitadas coa solicitude única no ano 2019 ata o día 31 de agosto deste ano.

Estas alegacións e solicitudes de modificación deberán presentarse consonte o disposto no punto 4 deste artigo e a documentación complementaria que, de ser o caso, presenten, deberana presentar conforme o indicado no punto 6 deste artigo.

Así mesmo, estas solicitudes irá acompañadas da documentación regulada no punto 5 deste artigo».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural