Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2019 Páx. 34235

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2019 pola que se convoca o Curso superior de Administración electrónica.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso superior de Administración electrónica de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a Administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática.

2. Contidos.

O curso estrutúrase nunha serie de contidos que pretenden profundar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva: xurídica, técnica e práctica.

A estrutura do curso é a seguinte:

• Réxime xurídico dunha administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e carpeta do cidadán.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Interoperabilidade e seguridade. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da Administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

3. Número de prazas: 80.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: o curso desenvolverase desde o 24 de setembro ata o 22 de outubro de 2019.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 24 de setembro; 1, 8, 15 e 22 de outubro de 2019.

Horario das clases presenciais: pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas; pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

5. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por persoal empregado público das devanditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

6. Inscrición.

6.1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.2. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 16 de setembro de 2019.

6.3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo aos requisitos de selección establecidos no punto 5 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

7.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

7.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite: administración á que pertenza, situación administrativa e tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, de acordo cos criterios establecidos no punto 5, persoas destinatarias, desta resolución.

9. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

9.1. No apartado deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días contados desde a súa publicación.

9.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no apartado deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de dous días anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da organización do curso.

11.1. A Amtega e a EGAP resérvanse a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

11.2. A Amtega e a EGAP garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado electrónico de aproveitamento.

O alumnado deberá realizar un traballo ao finalizar o curso, que será presentado á dirección da actividade formativa, como requisito previo para a obtención do certificado.

Tamén ao final do curso, o alumnado deberá superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixiráselles un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test.

O alumnado deberá superar o exame e o traballo para obter o certificado de aproveitamento. De non superar algún dos dous requisitos, poderán presentarse unha segunda vez.

Superado o exame e o traballo, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública