Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 30 de xullo de 2019 Páx. 34884

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. No seu capítulo VI prevese o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas e no capítulo VII o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

No Diario Oficial de Galicia núm. 158, do 21 de agosto de 2018, publicouse a Resolución do 3 de agosto de 2018, pola que se estableceron as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se convocaron para o ano 2018.

A experiencia derivada desta convocatoria, onde se puxo de manifesto a complexidade destes programas, así como a exixencia de adaptar as bases reguladoras ás guías normalizadas, xustifican que mediante esta resolución se aproben unhas novas bases reguladoras. Así mesmo, realízase a convocatoria das subvencións de ambos os programas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

Estas actuacións de rehabilitación poderán realizarse en vivendas e en edificios de tipoloxía residencial colectiva, situados tanto en ámbitos urbanos como rurais.

Respecto á convocatoria de 2019, as actuacións obxecto de subvención non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 nin estar finalizadas con anterioridade á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Non obstante o anterior, aquelas persoas ou entidades que tendo solicitado estas axudas ao abeiro da citada Resolución do 3 de agosto de 2018 e lles foran denegadas por esgotamento do orzamento, poderán ter iniciado as actuacións con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018, así como telas finalizadas antes da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas dos seguintes programas (código de procedemento VI422E) previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):

a) Liña A, Programa de fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.

b) Liña B, Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conte coa correspondente referencia catastral.

b) Vivenda unifamiliar: vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante sexa o residencial e no que non existe ningunha outra vivenda, e que conte coa correspondente referencia catastral. As vivendas unifamiliares poden ser illadas ou agrupadas en fila.

c) Residencia habitual e permanente dunha unidade de convivencia: domicilio en que constan empadroadas as persoas integrantes dela.

d) Persoa moradora: aquela persoa que reside de maneira habitual e permanente nunha vivenda, sen contrato de alugamento pero co consentimento da persoa propietaria e consta empadroada nela.

e) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

f) Persoa maior de 65 anos: aquela que na data de presentación da solicitude teña 65 ou máis anos.

g) Persoa menor de 35 anos: aquela que na data de presentación da solicitude non teña cumprido os 35 anos.

h) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

i) Agrupación de persoas propietarias: é a agrupación, formalmente constituída, de persoas propietarias de edificios de tipoloxía residencial colectiva que reúnen os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e que non outorgasen o título constitutivo da propiedade horizontal. Estas agrupacións deberán dispoñer do seu correspondente número de identificación fiscal.

j) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unha unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras. Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas ou entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas e as entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Sétimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Bases reguladoras

Oitavo. Requisitos das actuacións

1. Para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996.

2. Será requisito específico das actuacións que se realicen nas vivendas unifamiliares ou nas vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva que estas constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas inquilinas ou moradoras, no momento de presentar a solicitude deste programa, o que se acreditará co correspondente certificado de empadroamento.

3. Serán requisitos específicos das actuacións que se realicen en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva os seguintes:

a) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles.

b) Que, polo menos, o 50 % de todas as vivendas do edificio constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias, inquilinas ou moradoras no momento de solicitar as axudas. Non se terá en conta este requisito cando se trate dunha persoa propietaria única que tivese que proceder ao realoxamento das persoas inquilinas para efectuar a rehabilitación, se ben deberá xustificar esta circunstancia, así como o compromiso de destinar as vivendas obxecto da rehabilitación ao domicilio habitual das persoas inquilinas.

c) Que as actuacións conten co acordo de executar as obras da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias. Este requisito non se exixirá cando a propiedade do edificio corresponda a unha soa persoa, física ou xurídica.

4. As resolucións de convocatoria poderán incluír requisitos específicos relativos ao inicio e á finalización das actuacións de rehabilitación.

5. Para a obtención destas axudas é necesario que se achegue o proxecto das actuacións que se vaian realizar. Se este non é preciso para a autorización das obras, achegarase unha memoria onde se xustifique a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación (en diante, CTE) e a demais normativa de aplicación. Na memoria identificarase o edificio ou vivenda que se vai rehabilitar, describiranse as actuacións que se vaian realizar, a xustificación da súa necesidade e deberá incluír fotografías onde se amosen os elementos que se rehabilitarán, así como o orzamento desagregado e detallado do investimento. A memoria deberá estar asinada por técnico/a competente, sendo este o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

6. Cando sobre un mesmo elemento ou sistema construtivo se soliciten axudas que resulten subvencionables polas dúas liñas de axudas, deberán identificarse e desagregarse, debéndose adscribir a unha soa das dúas liñas. No suposto de que se solicitasen axudas da liña A) e non se acade a redución enerxética exixida, tramitarase como solicitude de axudas da liña B), se se cumpren o resto dos requisitos exixidos.

7. O prazo para executar as obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que poida exceder os vinte e catro meses, contados desde a data de notificación da citada resolución. Este prazo poderase ampliar excepcionalmente ata os vinte e seis meses, mediante resolución do órgano concedente, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, cando se trate de obras da liña A), para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ou de actuacións que afecten a 40 ou máis vivendas.

Cando o prazo de execución fixado na resolución de concesión fose inferior ao sinalado no parágrafo anterior, este poderá ampliarse ata o citado prazo máximo, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, se concorresen causas que a xustifiquen e sempre que se conte coa correspondente dotación orzamentaria.

8. Nas solicitudes das axudas, as persoas e as entidades solicitantes farán constar as anualidades en que pretenden executar as actuacións, co importe do orzamento imputable a cada exercicio, o cal será vinculante para os efectos da concesión da axuda e do seu pagamento, salvo no suposto de que se solicitase un reaxuste de anualidades, en cuxo caso se estará ao establecido no punto 7 do ordinal vixésimo terceiro.

9. Para os efectos da determinación do custo total das actuacións subvencionables poderanse incluír, ademais, as actuacións preparatorias que se teñan realizado antes da data da presentación da solicitude tales como o custo da redacción dos proxectos, os honorarios das persoas profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos. Na resolución de convocatoria estableceranse os límites temporais para subvencionar, de ser o caso, os custos correspondentes á execución de obras que fosen facturados e aboados con anterioridade á súa publicación.

10. O custo das actuacións subvencionables, incluíndo os gastos sinalados no punto anterior, non poderán superar os custos medios do mercado, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da Base de prezos da construción de Galicia ou normativa que a substitúa.

11. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Noveno. Actuacións subvencionables da liña A), para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade das vivendas

1. Consideraranse actuacións subvencionables da liña A) as seguintes:

a) A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluíndo a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.

b) A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes, mediante actuacións como: a substitución de equipos de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de control, regulación e xestión enerxética; o illamento térmico das instalacións de distribución e transporte ou a substitución dos equipos de movemento dos fluídos caloportadores; a instalación de dispositivos de recuperación de enerxías residuais; a implantación de sistemas de arrefriado gratuíto por aire exterior e de recuperación de calor do aire de renovación e a conexión de vivendas a redes de calor e frío existente, entre outros.

c) A instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda. Incluirá a instalación de calquera tecnoloxía, sistema, ou equipo de enerxía renovable, como paneis solares térmicos e solucións integrais de aerotermia para climatización e auga quente sanitaria, a fin de contribuír á produción de auga quente sanitaria demandada pola vivenda ou á produción de auga quente para as instalacións de climatización.

Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior ás actuacións sinaladas nas letras a), b) e c), deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en Fomento e Enerxía, Turismo e/ou Axencia Dixital, que se atopan no rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

Con estas actuacións deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global, sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no CTE. A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos as actuacións sinaladas nas letras b) e/ou c) deberán realizarse sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas na letra a).

d) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, protección contra o ruído (DB-HR).

A xustificación da mellora de protección contra o ruído poderase realizar mediante as opcións do DB-HR ou cunha medición da situación posterior á actuación elaborada por un laboratorio ou entidade, de acordo co artigo 10.3 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

e) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, as que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas cales, sen alcanzar o devandito nivel, redúzase a concentración inicial, polo menos, nun 50 %.

A xustificación destas melloras faranse mediante os procedementos que se establezan no documento básico do CTE, de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, en virtude das medicións de comprobación dos correspondentes niveis, de acordo co establecido nas guías de seguridade 11.01 e 11.04, do Consello de Seguridade Nuclear.

2. Nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ademais das anteriores actuacións, serán subvencionables as seguintes:

a) A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela, mediante actuacións como a substitución de lámpadas e luminarias por outras de maior rendemento enerxético, xeneralizando, por exemplo, a iluminación LED, instalacións de sistemas de control de acceso e regulación do nivel de iluminación e aproveitamento da luz natural.

Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior a esta actuación, deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en Fomento e Enerxía, Turismo e/ou Axencia Dixital, que se atopan no Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a Certificación da Eficiencia Enerxética dos Edificios.

Con esta actuación deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global, sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no CTE. A dita redución poderase alcanzar, de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos esta actuación deberá realizarse sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas na letra a) do punto 1 deste ordinal.

b) A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público de rede de sumidoiros.

c) A mellora ou acondicionamento de instalacións para a adecuada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.

d) O acondicionamento dos espazos privativos da parcela, co obxecto de mellorar a permeabilidade do chan, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas.

e) As actuacións que fomenten a mobilidade sustentable nos servizos e nas instalacións comúns dos edificios ou urbanizacións, tales como a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcadoiros ou a adecuación de zonas e instalacións de aparcadoiros de bicicletas.

f) As instalacións de fachadas ou cubertas vexetais.

g) A instalación de sistemas de domótica e/ou sensórica.

Décimo. Actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

1. Consideraranse actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, as seguintes actuacións:

a) As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.

b) As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.

c) As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

2. Consideraranse subvencionables da liña B), para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, se é o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.

d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.

e) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

f) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido á vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.

g) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

Décimo primeiro. Persoas e/ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias.

d) As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As empresas construtoras, inquilinas ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.

f) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

2. No caso das axudas da liña A), para obras de mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade, tamén poderán ser beneficiarias as empresas de servizos enerxéticos.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España, no caso das persoas estranxeiras.

4. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou entidade solicitante.

5. No caso de que a persoa ou entidade solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán cumprirse por todos os seus membros.

6. As persoas e/ou as entidades beneficiarias deberán destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe desta como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de agrupación de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se ratearía entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias.

7. Para a determinación dos ingresos das persoas físicas beneficiarias e das súas unidades de convivencia partirase das contías da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas no período impositivo que se defina na correspondente convocatoria. De non dispoñer da correspondente declaración, deberanse acreditar os ingresos mediante a presentación dunha declaración responsable, acompañada da documentación establecida no ordinal noveno.

Décimo segundo. Contía das axudas

1. Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:

a) A contía unitaria básica da axuda por vivenda unifamiliar non poderá superar os 12.000 euros. A contía máxima da subvención será de 18.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante, propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 24.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) A contía máxima da subvención total que se conceda por edificio de tipoloxía residencial colectiva ou por vivenda situada neste tipo de edificios en ningún caso poderá superar o importe de multiplicar 8.000 euros por cada vivenda e 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que o predio correspondente participe nos custos de execución da actuación.

A contía máxima da subvención que se conceda por vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva será de 12.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade e de 16.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

2. Para liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:

a) A contía máxima da subvención para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda e 30 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicita só para actuacións de conservación.

b) A contía máxima da subvención para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou conxuntamente para estas últimas e para actuacións de conservación será 8.000 euros por vivenda e 80 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

A axuda máxima para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou cando se realicen conxuntamente con actuacións de conservación será de 14.000 euros por vivenda, se na unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 17.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

3. Ás axudas unitarias básicas sinaladas inicialmente nos números 1 e 2 deste ordinal poderán sumarse 1.000 euros de axuda unitaria complementaria por vivenda para edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en vivendas unifamiliares que estean declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Neste caso e se ademais se trata de actuacións da liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, tamén poderán sumarse 10 euros de axuda unitaria complementaria por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos compatibles.

4. De conformidade co artigo 61 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, as axudas unitarias previstas nos números 1 e 2 deste ordinal incrementaranse nun 25 %, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

5. A contía máxima das subvencións para liña A) e B), non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 % do custo subvencionable, cando os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe se aplicará se da documentación achegada coa solicitude e/ou das consultas efectuadas polo IGVS resultan acreditados uns ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda inferiores á citada contía. Así mesmo, esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade da liña B), se na unidade da convivencia da persoa solicitante, propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

6. Cando as beneficiarias das axudas sexan empresas construtoras, empresas inquilinas ou concesionarias dos edificios, empresas de servizos enerxéticos, así como cooperativas que non estean compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal nin por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas, conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, a contía da axuda non poderá superar o 40 % do custo subvencionable.

7. Para a determinación da contía da axuda cada vivenda debe contar coa súa referencia catastral propia. Noutro caso, computarase para os efectos da axuda, un edificio como unha única vivenda.

8. No caso de actuacións promovidas por comunidades ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de agrupación de persoas propietarias, tramitaranse as subvencións respecto das persoas propietarias ou inquilinas das vivendas, partícipes nas obras e interesadas na subvención, respecto das que se teñan presentado coa solicitude os correspondentes anexos II.

Décimo terceiro. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio.

2. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación varios campos, os cales deben estar cubertos no momento da súa presentación. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen consignar os citados campos obrigatorios non serán admitidas a trámite.

3. As persoas e as entidades obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos, así como as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriráselle para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. No modelo de solicitude a persoa ou entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade, así como o seu importe.

c) Declaración de que non se lle revogou algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Décimo cuarto. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa física ou xurídica ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) No caso de que a solicitante sexa unha persoa física ou unha agrupación de persoas propietarias, que non consten como titulares catastrais, escritura pública, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da vivenda.

c) No caso das comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, copia da escritura da división horizontal.

d) Proxecto técnico ou, se non fose preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das actuacións que se vaian realizar, co contido sinalado no punto 5º do ordinal oitavo destas bases.

e) Informe técnico de data anterior á presentación da solicitude de axuda, que acredite a necesidade da actuación. Non será necesario achegar este informe específico cando a xustificación da actuación se acredite nos documentos sinalados na letra d) deste ordinal.

f) Para as actuacións da liña A), certificación da demanda enerxética ou, de ser o caso, do consumo de enerxía non renovable previa á actuación e, de ser o caso, os restantes documentos xustificativos sinalados no ordinal noveno.

g) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación da resolución da convocatoria e sempre que se admita esta posibilidade.

h) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar. No suposto de non contar aínda coa licenza, achegarase a correspondente solicitude de licenza.

i) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza. No caso de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da presentación da comunicación previa ao concello, esta deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda.

j) No caso de edificios e vivendas declarados BIC, catalogados o que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.

2. No caso de que a solicitante sexa unha persoa física propietaria ou inquilina dunha vivenda unifamiliar ou dunha vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva, unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias ou sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, deberán presentar ademais, de ser o caso, a documentación seguinte:

a) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas partícipes nas obras e interesadas na subvención e das persoas integrantes das súas unidades de convivencia (deben presentarse tantos anexos II como vivendas partícipes e interesadas na subvención se sinalen nos anexos I e IV).

b) Anexo III, de declaración responsable de ingresos das persoas integrantes da unidade de convivencia das persoas partícipes nas obras e interesadas na subvención, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañada da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.

– Certificado das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

c) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou das agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención e/ou das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de non emitirse pola Xunta de Galicia.

d) Copia do contrato de alugamento na vivenda obxecto da actuación, con indicación da súa referencia catastral, para o caso de persoas inquilinas promotoras da actuación.

e) Acordo asinado coa persoa propietaria onde conste a autorización para executar as obras e que a persoa inquilina asume o custo destas, a cambio do pagamento da renda. Neste acordo deberá constar expresamente que entre as partes non existe parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade nin que son socias ou partícipes de ningunha entidade conxunta.

f) Anexo IV, de certificado do acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, do acordo da agrupación de persoas propietarias ou do acordo do órgano reitor das sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, de solicitar a correspondente axuda, de nomear a persoa que as represente na tramitación do expediente e que, ademais, conteña o número de vivendas e a superficie total construída dos locais comerciais partícipes nas obras e interesados na subvención, con indicación da súa referencia catastral.

g) Anexo V, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas inquilinas e/ou moradoras que non participen como promotoras da actuación ou propietarias que participen nas obras e non estean interesadas na subvención, só naqueles supostos en que non se acredite o destino previo da/s vivenda/s como domicilio habitual e permanente exixido nos puntos 2 e 3.b) do ordinal oitavo destas bases.

3. No caso de que a solicitante sexa unha empresa construtora, inquilina ou concesionaria dos edificios, unha empresa de servizos enerxéticos e/ou sociedade cooperativa non composta por comunidades ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, deberán achegar, ademais da documentación sinalada no punto 1, a seguinte:

a) De ser o caso, certificado do acordo do órgano competente da entidade de solicitar a axuda.

b) Escritura de constitución e/ou estatutos vixentes, debidamente inscritos nos rexistros públicos correspondentes.

c) Xustificante do pagamento do último recibo do imposto de actividades económicas na actividade económica relacionada coa actuación obxecto da súa solicitude.

d) Contrato vixente, formalizado coa persoa propietaria ou propietarias do edificio que acredite a relación xurídica existente entre a propiedade e a entidade solicitante, así como que a citada entidade solicitante está autorizada expresamente para poder executar as actuacións obxecto da axuda.

4. No caso de que a persoa promotora sexa unha persoa propietaria única dun edificio de tipoloxía residencial colectiva, deberá achegar, ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da necesidade de realoxo das persoas inquilinas para efectuar a rehabilitación obxecto da solicitude de subvención, no caso de non cumprir o requisito de residencia establecido no ordinal oitavo punto 3.b) desta resolución.

b) Compromiso de destinar as vivendas obxecto de rehabilitación ao domicilio habitual das súas persoas inquilinas.

Décimo quinto. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como quen actúe na súa representación, deberán presentar a documentación complementaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas presentarán a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas e as entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, sen prexuízo dos requirimentos que, para estes efectos, lle poida realizar o órgano instrutor.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas propietarias ou inquilinas dunha vivenda ou local do edificio, partícipes nas obras e interesadas na subvención e das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, de ser o caso.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

f) Certificados de empadroamento das persoas inquilinas e/ou moradoras que non participen como promotoras da actuación, ou propietarias que participen nas obras e non estean interesadas na subvención, de ser o caso.

g) Certificados acreditativos de non ter débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

h) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

i) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

j) Certificado catastral de titularidade correspondentes á persoa solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

k) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso e o ano de construción, para as actuacións promovidas por comunidades ou por agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou polas sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, ou pola persoa física propietaria.

l) Consulta de bens inmobles.

m) Alta no imposto de actividades económicas na actividade económica relacionada coa actuación obxecto da súa solicitude.

n) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

ñ) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

o) Certificado das percepcións da Renda de Integración Social de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

p) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

q) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou das agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia deberá achegarse a correspondente documentación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, II e V e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo sétimo. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas e ás entidades interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo noveno. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente resolución de convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será establecido na correspondente convocatoria.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriraselle á persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a persoa ou a entidade solicitante poderá ser requirida para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa ou entidade solicitante non poderá modificar a súa solicitude, aumentando o importe do custo das actuacións nin variando os tipos de actuacións que se vaian realizar.

7. O órgano instrutor remitirá o expediente ao servizo técnico das áreas provinciais para a elaboración dun informe, en que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación.

8. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da correspondente área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo en dereito proceda.

9. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.es, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Vixésimo. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver a concesión da axuda será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.

Para o caso de que a subvención se configurara con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal vixésimo terceiro desta resolución. O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención, nin superar o importe máximo de 18.000 euros, nin exceder a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario na resolución de concesión.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da correspondente área provincial do IGVS; considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na convocatoria. Non obstante o anterior, se as citadas solicitudes, dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria para a súa presentación, fosen complementadas co achegamento da licenza ou, de ser o caso, da declaración responsable, terán como data de presentación aquela en que se achegase a citada documentación. As solicitudes que, vencido o prazo de presentación, fosen complementadas nos termos indicados, considéranse, en aras á prelación que se indica no parágrafo seguinte, como en posesión de solicitude de licenza ou, de ser o caso, de simple comunicación previa.

Dentro das solicitudes presentadas, terán prioridade aquelas que, dentro do prazo de presentación de solicitudes, conten con licenza de obras ou comunicación previa, acompañada da declaración responsable prevista no ordinal décimo cuarto parágrafo 1.j) e, finalmente, as que só conten con solicitude de licenza ou con comunicación previa.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

5. As persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Vixésimo primeiro. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou a súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo segundo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras e no resto da normativa que resulte de aplicación.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito será o previsto no punto 3 do ordinal vixésimo.

Vixésimo terceiro. Xustificación da subvención

1. As persoas ou as entidades beneficiarias deberán comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión. A comunicación deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo VI desta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante. No caso de ser beneficiarias conxuntamente das axudas para as liñas A) e B), deberá acompañarse un informe dos importes das facturas que se corresponden con cada actuación.

c) Memoria explicativa das obras realizadas, asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.

d) Fotografías que mostren as obras realizadas.

e) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Licenza de obras, no caso de actuacións sometidas a este réxime, sempre que non se achegase con anterioridade.

3. A comunicación final das obras deberá ir acompañada, ademais de coa documentación sinalada no punto anterior, coa seguinte documentación.

a) Certificado de finalización das obras e, cando proceda, as correspondentes autorizacións administrativas polas instalacións realizadas.

b) No caso de actuacións da liña A), de mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade:

– Certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións en que se acredite a redución da demanda ou de consumo, emitido por persoa técnica competente.

– Acta de medición que acredite a mellora das condicións de protección fronte ao ruído, se non se xustifica previamente mediante as opcións recollidas no documento básico de protección fronte ao ruído do CTE.

– Acta de medición da situación unha vez finalizadas as obras, que acredite o cumprimento da redución de forma efectiva da concentración da media anual do radón no interior da vivenda, de non utilizar as solucións que recolla o documento básico de salubridade-protección fronte ao radón do CTE.

4. Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

5. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

6. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

7. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa ou da entidade beneficiaria, conforme o establecido no ordinal décimo sétimo desta resolución, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

8. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados, nin se tivese concedido un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou á entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

9. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Vixésimo cuarto. Pagamento da subvención

Os pagamentos da subvención realizaranse mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa ou entidade beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Vixésimo quinto. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou as entidades beneficiarias.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) No caso de persoa propietaria única do edificio, destinar as vivendas obxecto de rehabilitación ao alugamento durante un período mínimo de 5 anos, contado desde a finalización das obras.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

h) Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2018-2021, polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.

i) As demais obrigas que se derivan desta resolución.

Vixésimo sexto. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de persoas propietarias e as persoas propietarias de edificios formalmente agrupadas que non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal responderán solidariamente da obrigación de reintegro, en proporción á súa respectiva participación na actuación.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sétimo. Compatibilidades e incompatibilidades das subvencións

1. As persoas ou entidades beneficiarias deste programa poderán compatibilizar estas axudas con outras subvencións concedidas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou institucións, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións.

2. Non obstante o anterior, non poderán obter o financiamento correspondente a este programa as persoas ou entidades beneficiarias das axudas do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento e do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

Vixésimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. O IGVS transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

III. Convocatoria da anualidade 2019, con carácter plurianual

Vixésimo noveno. Obxecto

A convocatoria para solicitar as subvencións da liña A), de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas, e para a liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, rexeranse polo establecido nesta resolución.

Trixésimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Trixésimo primeiro. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.83.451A.770.2 e 07.83.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Liñas de axudas

Aplicación

Importe 2019

Importe 2020

Importe 2021

Total

Liña A, de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas

07.83.451A.770.2

Proxecto 2018 0005

100.000

100.000

100.000

300.000

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0005

1.230.000

900.000

1.400.000

3.530.000

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0001

2.991.000

800.000

500.000

4.291.000

Liña B, de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

07.83.451A.770.2

Proxecto 2018 0006

100.000

100.000

100.000

300.000

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0006

2.453.300

2.200.000

1.400.000

6.053.300

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0002

1.280.000

850.000

500.000

2.630.000

Total

8.154.300

4.950.000

4.000.000

17.104.300

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan 2018-2021.

Trixésimo segundo. Efectos retroactivos das axudas

As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG. Non obstante o anterior, aquelas persoas ou entidades que tendo solicitado estas axudas ao abeiro da Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se estableceron as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocaron para o ano 2018, con carácter plurianual (DOG núm. 158, do 21 de agosto), e lles fosen denegadas por esgotamento do orzamento, poderán ter iniciado as actuacións con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018, así como telas finalizadas antes da publicación desta convocatoria.

Trixésimo terceiro. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión das axudas serán os do exercicio económico 2018. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Trixésimo cuarto. Prazo de execución das actuacións

O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de novembro de 2021.

Trixésimo quinto. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, a través do IGVS, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf
VI422EG.pdf