En sesións que tiveron lugar o 11 e o 19 de xullo de 2019, o tribunal nomeado por Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado por Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo),
ACORDOU:
Primeiro. Revisadas nas sesións celebradas o 11 e o 19 de xullo de 2019 as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, acórdase anular a pregunta número 55. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 61. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos). Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 4 de xuño de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o segundo exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de 115, sempre que obtivesen un mínimo de 30 respostas correctas (unha vez feitas as deducións por preguntas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta), asignándose a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.
Feita a corrección en sesión do 19 de xullo de 2019, e consonte os criterios anteriores, superaron o exame un total de 115 aspirantes no conxunto de todas as quendas. A puntuación da persoa aspirante que marca o corte por ocupar a posición 115 é de 35,000 respostas correctas. Asígnase a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada. As restantes persoas declaradas aptas teñen unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asígnase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.
Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, os aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinais ou fotocopias compulsadas) de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019
Juan José Nieto Montero
Presidente do tribunal