Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 30 de xullo de 2019 Páx. 34872

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR419A).

BDNS (Identif.): 466974.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, inscritos no Reaga, con orientación técnica económica principal en:

1. Horticultura ao aire libre.

a) Hortalizas ao aire libre.

b) Flores e plantas ornamentais ao aire libre.

c) Cultivos mixtos ao aire libre.

2. Horticultura en invernadoiro.

a) Hortalizas en invernadoiro.

b) Flores e plantas ornamentais en invernadoiro.

c) Cultivos mixtos en invernadoiro.

3. Horticultura e cultivos diversos.

a) Cogomelos, champiñóns e outros fungos cultivados.

b) Viveiros vitícolas.

c) Viveiros de árbores e arbustos froiteiros (agás castiñeiros e nogueiras).

d) Viveiros de planta ornamental.

4. Cultivos leñosos.

a) Froiteiras (agás castiñeiros e nogueiras).

b) Oliveiral.

5. Sementes e plántula de hortalizas.

6. Pataca.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal (procedemento MR419A), no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4: investimentos en activos físicos, submedida 4.1: apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, que contribúan directamente ás áreas focais 2A (mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola) e 5D (reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura).

Estas axudas teñen como finalidade incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR419A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito dun millón de euros (1.000.000).

O importe da axuda será do 30 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

1. 10 % no caso de agricultores mozos beneficiarios da convocatoria 2018 da axuda á incorporación de mozos establecida no artigo 19.1.a).i do Regulamento (UE) nº 1305/2013 ou beneficiarios desa mesma axuda nos cinco anos anteriores. Neste último caso, os solicitantes deben cumprir todos os requisitos da definición de agricultor mozo prevista no Regulamento (UE) nº 1305/2013, incluído o requisito de idade. Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, polo menos o 50 % das persoas socias deberán ser mozos que se instalen ou se instalasen durante eses últimos cinco anos.

2. 5 % en investimentos colectivos, cando o beneficiario proceda dunha fusión de explotacións.

3. 5 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, segundo o establecido no artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

4. 5 % no caso de operacións subvencionadas no marco da Axencia Europea da Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

5. 10 % no caso de investimentos en agricultura ecolóxica.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias