Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 31 de xullo de 2019 Páx. 35048

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de xullo de 2019 polo que se autoriza a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, do persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico.

Con data do 11 de xullo de 2019, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, por razóns de especial interese para o servizo, o Acordo polo que se autoriza a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, coa actividade de profesor universitario asociado nos termos e nas condicións que nel se establecen.

En consecuencia, de acordo co disposto no parágrafo segundo do acordo, resolvo proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Acordo polo que se autoriza, por razón de especial interese para o servizo, a
superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro,
de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, para
os casos de desempeño dun segundo posto de traballo como profesor niversitario asociado nalgunha das universidades públicas galegas

Exposición

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas establece, con carácter xeral, no seu artigo 1, que o persoal comprendido no seu ámbito de aplicación non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público, salvo nos supostos previstos no articulado desta.

Un destes supostos taxados susceptibles de autorización de compatibilidade con outra actividade pública é o recollido no artigo 4.1, que se refire á actividade de profesor universitario asociado en réxime de dedicación non superior á de tempo parcial e con duración determinada.

O artigo 7.1 da Lei 53/1984 condiciona a autorización de compatibilidade de actividades públicas á comprobación de que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, ben que o mesmo precepto abre a posibilidade de autorizar mediante acordo expreso do órgano competente das comunidades autónomas, a superación deste límite sobre a base de razóns de especial interese para o servizo.

As universidades empregan a figura de profesor asociado como un apoio necesario en diversos ámbitos profesionais para dar ao alumnado unha visión práctica dos seus estudos, grazas á elevada experiencia de empregados públicos de alto nivel, sendo de especial interese para o servizo docente universitario cubrir esas necesidades con profesores asociados, isto é, con profesionais de recoñecida competencia e grande experiencia, alleos á respectiva universidade, de conformidade coa natureza e finalidade da figura de profesor asociado.

A aplicación do límite retributivo expresado no referido artigo 7.1 da Lei 53/1984, restrinxe nalgúns casos a autorización de compatibilidade a persoal empregado público desta Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, limitando a incorporación destes profesionais á docencia na universidade. Por tal motivo, polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de xullo de 2015 autorizouse a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, coa actividade de profesor universitario asociado a tempo parcial nalgunha das universidades públicas galegas. A vixencia deste acordo rematou no curso 2018/19.

Esta autorización excepcional tamén foi acordada polo Consello de Ministros do 16 de decembro de 2011 para o persoal ao servizo da Administración xeral do Estado.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, vén de presentar, por instancia conxunta das tres universidades públicas galegas, por razóns de especial interese para o servizo público, solicitude para que se autorice novamente a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, relativo a que a cantidade total percibida por ambas as actividades poida superar a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, para que, cumprindo os restantes requisitos legalmente exixidos, se poida autorizar a compatibilidade co desempeño de prazas de profesor asociado, a tempo parcial e con duración determinada, nalgunha das universidades públicas galegas, a persoal empregado público desta Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico.

Xustifican a continuidade da concorrencia de razóns de especial interese «para a formación de calidade no sistema universitario galego que os empregados da función pública que, nestes momentos, desenvolven e compatibilizan a súa actividade profesional coa docente universitaria a tempo parcial, poidan seguir desenvolvendo este labor que mellora claramente a formación recibida polo alumnado universitario. Tendo en conta, ademais, que este tipo de profesional é practicamente imposible de substituír por outro persoal sen que se produza unha perda de calidade na formación teórica e práctica do alumnado de moitas carreiras universitarias nos eidos de ciencias da saúde e de ciencias sociais».

Con base no anterior, considérase acreditada a existencia de razóns de especial interese para o servizo docente universitario que xustifican a superación do límite establecido no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, en canto á superación da remuneración do director xeral prevista nos orzamentos xerais do Estado, para os efectos da Lei 53/1984.

Ao tratarse dunha autorización excepcional o acordo deber ter unha vixencia temporal que se considera desde o inicio do curso académico 2019/20 ata o remate do curso académico 2022/23.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Facenda e acollendo a solicitude da Secretaría Xeral de Universidades conxunta coas tres universidades públicas galegas, o Consello da Xunta

ACORDA:

Primeiro Autorizar, por razón de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, en que se refire a que a cantidade total percibida por ambos os postos non pode superar a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, para poder autorizar a compatibilidade ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, coa actividade de profesor universitario asociado no réxime determinado pola Lei orgánica 6/2001, do 21 do decembro, de universidades, de dedicación non superior á de tempo parcial e con duración determinada nalgunha das universidades públicas galegas. En todo caso, deberán cumprirse e aplicarse o resto dos requisitos e límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

A presente autorización terá efectos desde o inicio do curso académico 2019/20 e quedará automaticamente sen efecto na data de remate do curso académico 2022/23.

Segundo O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.