Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 31 de xullo de 2019 Páx. 35073

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se acorda a cesión en propiedade dun vehículo motobomba ao Concello de Muros.

O Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, dispón que a Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias alimentarias, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, mentres que a Subdirección Xeral de Extinción exercerá as funcións encamiñadas á defensa dos montes contra os incendios forestais, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios.

No Pladiga (Plan de loita contra os incendios forestais de Galicia) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo as épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse de acordo co establecido no Pladiga son, respectivamente: reducir as superficies queimadas por lume, a defensa das masas arborizadas, defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provoca este tipo de sinistros e detectar rápidamente os focos de lume e verificar as alarmas, exercendo unha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación das causas.

Por outra banda e, de acordo co establecido no artigo 25.2.f) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, correspóndelles aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade as competencias en materia de prevención e extinción de incendios nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Para exercer estas actuacións os concellos requiren contar cuns medios de defensa e extinción de incendios forestais, medios dos que frecuentemente os concellos carecen debido a limitacións orzamentarias.

Segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, correspóndelles aos concellos colaborar cos medios dispoñibles coa Dirección Técnica de Extinción de Incendios Forestais. Ademáis, no artigo 59 establece que a Xunta de Galicia prestará a súa colaboración ás entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.

Para tal fin, e para que poidan ter recursos para exercer as competencias previstas consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Consellería do Medio Rural tramita o expediente de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 82 a 87 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se regula a cesión gratuíta de bens e dereitos.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase ceder en propiedade o vehículo que se sinala a continuación, co fin de ser destinado á realización de tarefas de prevención e extinción de incendios no seguinte concello:

Matrícula

Marca

Concello

Distrito forestal

C5414cg

T.T. URO F2181409L

Muros

V Fisterra (Vimianzo)

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o concello cesionario destinará o ben cedido a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais.

2. Os gastos de todo tipo que xeren os bens obxecto da cesión ou o seu transporte, utilización ou conservación serán, en todo caso, por conta da entidade beneficiaria, incluída a subscrición do correspondente seguro obrigatorio para o vehículo cedido.

3. O órgano competente para a cesión tramitará a correspondente baixa en tráfico conforme a lexislación específica.

4. Tanto se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados como se se descoidan ou utilizan con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería do Medio Rural), que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrise.

Así mesmo, ante unha necesidade urxente da Subdirección Xeral de Extinción e por razóns de interese público, a Consellería do Medio Rural poderá resolver a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia.

5. O concello cesionario responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

6. Correspóndelle á Consellería do Medio Rural verificar a aplicación dos bens ao fin para o que foron cedidos, e poderá adoptar para iso cantas medidas fosen necesarias, segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Así mesmo, correspóndelle, se for o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3

Esta cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario en que delegue, e polo alcalde do concello cesionario ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do ben que se cede, citado no artigo 1.

Disposición derradeira primeira. A Consellería do Medio Rural, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo requirir previamente que se anule ou revoque o acto de conformidade co artigo 44 da Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural